venres, 27 de decembro de 2019

“A ponte afogada”, memoria teatral da caída da vella ponte barquense de San Fernando

A obra, dirixida por Pilar Alonso e Manuel Caramés, representarase na tarde do 28 de decembro no Teatro Lauro Olmo da man de Gargallada


Tres actores de Gargallada nunha das esceas de “Polos camiños do tempo”, na que se aborda o proxecto de construción da antiga Ponte de San Fernando./ Foto: A.R.

Unha tarde decembro de hai xa 60 anos a forza da inmensa riada do Sil levábase por diante a vella ponte de San Fernando, inaugurada en 1902 e que conectaba O Barco con Viloira. Coincidindo co aniversario deste feito que marcaba a historia recente do Barco o vindeiro sábado sábado 28 de decembro ás 20 horas Gargallada poña en escena “A ponte afogada” no Teatro Lauro Olmo do Barco.
Esta peza teatral está construída a partir de “Polos camiños do Tempo”, obra de Gustavo Docampo. Está dirixida por Pilar Alonso e Manuel Caramés e será interpretada por Lalo Santos, Xosé Luís Conde, Manuel Caramés e Manuel González. Na iluminación e o son estarán Jorge Álvarez e Vanesa Yáñez. O vídeo é obra de Anxo Santomil.
“A ponte afogada”, fai referencia á “construción daquela ponte símbolo de progreso”, así como ao seu “derrubamento logo das impresionantes cheas do río Sil no outono-inverno de 1959. Gargallada Teatro achégase con esta montaxe de teatro documental a un episodio local que impactou na vida da xente, facendo da linguaxe teatral un instrumento ao servizo da memoria colectiva.”, adiantan dende a Concellería de Cultura.
Despois da obra, abrirase ao público a exposición que lembraba hai dez anos aquel suceso, acontecido o 27 de decembro de 1957, e do que se cumpren 60 anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario