RAQUEL C. PÉREZ
As matronas galegas carecen de marco xurídico e salarial desde 1993, cando se aprobou o Decreto que regulaba as profesionais da Atención Primaria. Esta semana, o Partido Popular galego rexeitou facelo, tras unha petición no Parlamento do BNG apoiada por todos os grupos. Sermos Galiza conversa coa presidenta da Asociación Galega de Matronas, Isabel Abel, que lamenta esta decisión e denuncia a súa precaria situación
A pasada quinta feira, durante a Comisión de Sanidade do Parlamento da Galiza, o BNG solicitou ao Goberno galego a elaboración dun marco xurídico e salarial propio para as matronas. O Partido Popular recoñeceu a “anomalía” que supón que o colectivo careza deste marco desde hai 26 anos, pero negouse a apoiar a proposta.
As populares argumentaron que a carteira de servizos das matronas, que hoxe tamén adoecen dunha, está a ser elaborada nas comisións de traballo do Consello Técnico de Atención Primaria e sinalaron que a Xunta puxo en marcha un plan de formación de vinte matronas, en colaboración coa Universidade de Santiago”. Unha decisión que lamentan desde a Asociación Galega de Matronas. A súa presidenta, Isabel Abel, sinala a Sermos Galiza que supón estender “un agravio comparativo respecto a outras ramas da enfermaría, após investir dous anos na nosa formación”.
Máis matronas
A representante das matronas galegas cifra en arredor de 400 as que traballan en territorio galego. “En todas as reunións que mantemos coa Administración sempre afirmamos que o número é precario”, sinala Abel. A ideal proporción ideal de profesionais por número de mulleres é dunha matrona por cada 5.000, na Galiza ronda unha por cada 10.000. Nun concello como Arteixo, 16.064 mulleres contan cunha soa matrona.
A falta de profesionais faise máis patente na Atención Primaria. “No caso das comarcas do interior, sobre todo nas áreas rurais, o Sergas alega que non hai suficientes partos como para contratar matronas”, explica Abel. Paralelamente, “hai moitas matronas que só se poden dedicar ao proceso de embarazo e ao pos parto porque non dan a basto”.
“É moi importante atender ás mulleres no pos parto. A día de hoxe reciben altas hospitalarias precoces despois de parir, en dous días unha muller está na súa casa”, reclama Abel. Na mesma comisión na que se debatu o marco das matronas, o PSdeG reclamou máis medios para o Centro de Saúde da Laracha, onde unha muller acumulou 40 días de agarda para ser atendida tras dar a luz.
Coidado integral
As matronas tamén carecen dunha carteira de servizos propia. “Parece que se creou nas comisións de traballo de revisión da Atención Primaria unha mesa na que se vai elaborar”, afirma Abel valorando o avance. Respecto aos criterios de atención, a representante das matronas critica que a Administración fixa a idade das súas pacientes entre os 15 anos e os 65, excluíndo a unha parte da poboación. “A sexualidade non remata aos 65. Hoxe vemos normal que unha muller teña perdas de ouriños, moitos anuncios diríxense a poboación de máis idade ofrecéndolles compresas para os ouriños, pero a verdade é que non é algo normal. O problema é que non temos tempo para traballar en plans de prevención que inclúan, por exemplo, exercicios de chan pélvico”, denuncia.
As nenas tampouco están incluídas na atención das matronas. “Unha nena non pode recibir dunha matrona explicacións de como é a menstruación, de como lle afectan os cambios corporais? Parece que non”, reclama a presidenta da AGM.
Profesionais en cuestión
A presidenta da Asociación Galega de Matronas tamén expresa o seu rexeitamento ao peche do paridoiro de Verín. “Alegan que é moito máis seguro parir nun hospital grande, mentres os grandes hospitais non manteñen unha proporción dunha matrona por muller. Se tes sorte e o día que tes que parir hai poucas mulleres serás atendida, mais se non...Nós facemos o que podemos, pero non somos capaces de duplicarnos. E isto sempre llo transmitimos ao Sergas”, conclúe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario