domingo, 29 de decembro de 2019

Caso Carioca: “Se non fodía con el deportábame”. Conclúe a instrución contra dez policías nacionais e funcionarios de estranxeiría

Os axentes investigados eran clientes habituais de locais da provincia de Lugo nos que se prostituían mulleres vítimas de trata e mesmo menores de idade en condicións gravosas.

Carioca_Club Eros

FRAN PÉREZ

Primeiro foi a quenda da Garda Civil, despois a do sarxento da Policía Local que puxo as luces de neon ao club Queens e desta vez a da Policía Nacional e outros funcionarios de Estranxeiría. Pilar de Lara conclúe a instrución da última das pezas principais do caso Carioca implicando unha decena de axentes e funcionarios de Estranxeiría en delitos relacionados coa rede de prostitución que conformarían proxenetas e altos mandos policiais.
A Fiscalía do Carioca exculpa a Ramón, o policía proxeneta
FRAN PÉREZ

Os axentes, encargados da persecución deste tipo de delitos, serían clientes habituais de locais da provincia de Lugo nos que se prostituían mulleres vítimas de trata e mesmo menores de idade en condicións gravosas. Nestes establecementos presentábanse en ocasións uniformados e co vehículo oficial, contribuíndo así a xerar o dobre efecto que describen as mulleres, por unha banda, de garantía de que alí non se practicarían redadas policiais ou serían alertadas con antelación, e por outra, de impunidade e intimidación ante calquera intento de denunciar os abusos que sufrían, o que en ambos casos supón unha blindaxe para os proxenetas.
Un dos clientes asiduos a algúns dos clubs investigados, Eduardo Castro, era subinspector da Brigada de Estranxeiría, e xunto co inspector Evaristo Rodríguez, o funcionario administrativo Germán Pumares e o xefe da Dependencia de Estranxeiros da Subdelegación do Goberno Alberto Linares actuarían en conivencia regularizando a situación das mulleres estranxeiras e outros cidadáns ou expedíndolles orde de expulsión a conveniencia súa ou dos proxenetas.

CLIENTES DE UNIFORME

Ademais de Eduardo Castro as testemuñas detallan como os axentes eran convidados a consumicións de balde en clubs como o Eros, o Queens e La Colina, e ás veces tamén a relacións sexuais. Nunha ocasión a camareira do Eros quíxolle cobrar un cubata a José Manuel Díaz Suárez, ao que el tería respondido, anoxado: “Pero non sabes quen son eu? Como me cobras a copa?”. Segundo a declaración dunha prostituta, un dos axentes, Manuel Castro González, ameazouna con que “se non fodía con el [de balde] me deportaba”. Outra delas di respecto deste policía que “nunca pagaba rapazas nin copas, fodía pola cara, e se te negabas ameazaba con deportar”. No club Queens este policía ten sido visto desenfundando a pistola e colocándoa no mostrador ao lado da de Adán, dono do establecemento que carecía de licencia para portalas, para comparar cal era máis grande.
Viu a un policía sacar cocaína e colocala nun prato, e que Adán lla tirou ao chan espetándolle: “Iso non vale nada, a boa é a que traio eu”
No auto tamén se reflicte que outro dos axentes, Luis Ferreiro González, era moi amigo tamén do dono do club Tara, onde tamén era convidado a copas e sexo gratuitamente segundo varias testemuñas. Ademais, polo aniversario do local o xerente organizou un sorteo no que o premio era unha muller coa que o gañador tería un pase de balde. Esa muller identifica o policía como o gañador daquel sorteo. Precisamente este mes catro investigados por trata resultaron absoltos pola Audiencia Provincial de Lugo ao xustificar na súa defensa que non funcionaba como un prostíbulo, senón como un pub no que quen o rexentaban se limitaban a cobrar pola estancia sen coñecemento da actividade que podían realizar as mulleres nas habitacións. Este axente era o encargado da custodia dos detidos nos calabozos, e nalgunha ocasión teríalle aberto a porta a algunha das detidas. Das intervencións telefónicas practicadas extráense escenas dantescas como a chamada que fai o encargado do club Queens a unha das prostitutas, que ela atende malia atoparse detida, na que ela lle di que “aquí están todos os policías que van por aí” e el lle pregunta se está Luis Ferreiro, respondendo a detida que “está arriba” e pasándolle a continuación con el, movéndose con total naturalidade na comisaría.
Moitos destes policías participarían en festas con prostitutas e orxías organizadas por Adán, dono do club Queens, nas que corría a cocaína e outras drogas. Conta unha delas que nunha ocasión viu a un policía sacar cocaína e colocala nun prato, e que Adán lla tirou ao chan espetándolle: “Iso non vale nada, a boa é a que traio eu”.

A COLABORACIÓN DA BRIGADA DE ESTRANXEIRÍA COA REDE DE TRATA

Segundo se desprende da peza do caso Carioca que investiga a cúpula da Garda Civil, o cabo Armando Lorenzo Torre, encargado do Equipo da Muller e o Menor (Emume), “poñía o cazo” en diferentes clubs da provincia de Lugo, de maneira que actuaba ou deixaba de actuar contra eles en función de se eran colaboradores seus ou non. Este practicaría redadas naqueles prostíbulos que non colaboraban, para a continuación deportar as mulleres ou envialas aos pisos de acollida que el mesmo xestionaba, desde onde as derivaba a miúdo ós clubs afíns.
As redadas policiais coordinábanse entre o Equipo de Persoas da Garda Civil —do que facía parte o Emume— e a Brigada de Estranxeiría do Corpo Nacional de Policía, na que o subinspector Eduardo Castro e o inspector Evaristo Rodríguez serían os seus principais aliados, xunto con Alberto Linares Ferrer, xefe da Dependencia de Estranxeiros da Subdelegación do Goberno, e Germán Pumares Díaz, funcionario administrativo de Estranxeiría que participaba xunto cos outros tres na tramitación dos expedientes das mulleres nos que se resolvía sobre a súa expulsión, así como de xestionar as solicitudes de prórrogas de estancia. Ao longo de 190 das 228 páxinas de auto a xuíza De Lara explica de forma pormenorizada a maneira en que realizaban estes trámites de xeito interesado, xeralmente a conveniencia dos donos dos clubs afíns ou ben súa, seguindo criterios de actuación completamente diferentes en cada caso.
Así, en 2008 Armando ofrécelle a unha prostituta do club Carús darlle a condición de testemuña protexida para revocarlle unha orde de expulsión a cambio de asinar unha denuncia en falso por trata contra os donos do local que o propio Armando redactaría para xustificar así unha redada. Na redada identifícanse dúas mulleres amigas da primeira que non foron avisadas con suficiente antelación, e Eduardo Castro e Armando tomaríanlles unha declaración idéntica á marxe do resto de mulleres, asistidas por un avogado que eles mesmos lles buscaron. A Evaristo, instrutor dos expedientes, intervéuselle unha axenda na que figuran distintas anotacións referidas á actuación no club Carús,entre elas: “Reunión con Alberto Linares, deixar caducar os expedientes”, como efectivamente ocorrería con estas dúas mulleres, a diferenza do resto cuxo expediente se resolveu con orde de expulsión. As tres serían trasladadas por Armando a exercer no club Queens.
Armando fala con Evaristo sobre Eladio e coméntalle que “tres días no calabozo, cando era de dominio público que a menor estaba aí”
Nunha ocasión, varios axentes da Garda Civil que se escapaban ao control da contorna de Armando practican unha redada no club Liverpool contrariamente á maneira de funcionar habitual. Nela detéctase unha menor de idade, que anteriormente exercera no Queens e cuxo expediente fora consultado por Evaristo, e varias mulleres en situación irregular. Eladio, dono do club Liverpool, pide axuda a Armando para que tratase de evitar que expulsasen entre elas á súa parella sentimental, referíndose Armando aos axentes que practicaron a redada como “estes cabróns”. A continuación Armando fala con Evaristo sobre Eladio e coméntalle que “tres días no calabozo, cando era de dominio público que a menor estaba aí”, facilitándolle por erro os datos incorrectos da parella sentimental de Eladio á que “colleron sen papeis, porque estes van comerse o mundo e non se comen nada”. Evaristo respóndelle: “non te preocupes, que eu sei ben con quen traballo, cos anos que teño xa sei diferenciar”.

A DENUNCIANTE DO CASO CARIOCA, EXPULSADA

Pola contra, especialmente significativo resultou o trato que recibiu a testemuña protexida DPA 123B, denunciante da cal partiu toda a investigación do caso Carioca. Esta muller que exerceu no Queens describe como nunha ocasión Armando se presenta no seu domicilio, pousa a pistola sobre a mesa do salón e lle di: “Os teus días en España como legal están rematando, dáme o pasaporte que eu cho arranxo para estar tres meses máis”, obrigándoa a practicarlle unha felación e a manter relacións sexuais. Armando cumpre isto, pero unha vez que abandona a actividade da prostitución e comeza a traballar nunha cafetaría propiedade da súa parella, séguea requirindo sexualmente de forma insistente, e ante a súa negativa comeza a ser acosada tamén pola Policía Nacional.
Así, Evaristo acode á súa casa acompañado doutro axente para identificala e ditarlle orde de expulsión, sendo Eduardo Castro instrutor do expediente por estancia irregular e traballo por conta allea sen autorización, malia non practicarse a identificación nun centro laboral nin constar como coñecía a Brigada de Estranxeiría que estaba traballando. DPA 123B presenta alegacións por tempo de residencia, arraigo e atoparse en trámites para regular a súa situación, xa que estaba á espera da primeira declaración trimestral do IVA da cafetaría para poder regularizarse. Estas alegacións, en contraste cos requisitos que se lles esixían a outras mulleres para regularizar a súa situación, non foron tidas en conta.
Unha destas mulleres que exercía no Queens que si que logra regularizar a súa situación convéncea de que vaia falar con Linares por mediación dunha amiga, quen a anima a solicitar nas dependencias da Brigada de Estranxeiría unha copia do pasaporte. Ao cabo dunha semana disponse a seguir a recomendación de Linares, sendo detida ao momento por Eduardo Castro, quen lle di “mañá ou pasado ti vas ao teu país”. Impídenlle que a asista a súa letrada, asignándolle un avogado de oficio e néganlle o habeas corpus —dereito a ser presentada ante un xuíz instrutor—, comentando Eduardo Castro e Evaristo que “esta é amiga de Luciano” e agora a súa información “xa estaba cortada”, en referencia a un dos axentes da Garda Civil que practicaría a redada no Liverpool. O día seguinte sacan a DPA 123B do calabozo, lévana ao aeroporto insultándoa durante o traxecto e envíana nun voo de deportación a Brasil.
Segundo o propio encargado do club Eros recoñece, Germán Pumares era tío seu e leváballe os papeis do club 
Durante os seus intentos para regularizar a súa situación, DPA 123B recibe a oferta de retirárselle a carta de expulsión a través de Germán Pumares a cambio de exercer no club Eros. Germán Pumares era funcionario de Estranxeiría en quenda de mañá, encargado de iniciar os trámites de moitos expedientes de expulsión e solicitudes de prórroga de estancia, e á súa vez traballaba como avogado en quenda de tarde, de maneira que tiña acceso a información privilexiada. Algunhas das detidas declaran que saían das dependencias da Brigada de Estranxeiría coa súa tarxeta profesional de avogado na man. Unha delas declara que “sempre intentaba sacar diñeiro”, que “estranxeiros que collen en comisaría detidos se contratan a Germán as cousas se lles solucionan moito mellor”. Segundo o propio encargado do club Eros recoñece, Germán Pumares era tío seu e leváballe os papeis do club.

NON SÓ PROSTITUTAS

No auto tamén se relata como nunha ocasión un garda civil acode a entrevistarse con Evaristo e Eduardo Castro para que regularicen a situación do mozo da súa filla, preguntándolle Evaristo se na Comandancia da Garda Civil non coñecía a Armando, ao que o axente contesta “home, estame remitindo ao delincuente maior da Comandancia”. Tamén tratou de solucionar o problema con Linares, que lle di “como non fales con Armando, en Comisaría non me van facer o informe favorable que eu necesito”, forma na que efectivamente conseguiu retirar a orde de expulsión.
Tamén se intervén unha chamada do policía nacional Manuel Castro a Eduardo Castro para que lle axudase a desfacerse dun home que o seu sogro tiña traballando de forma irregular na súa empresa, advertíndoo Eduardo das repercusións que podería ter para o seu sogro e comentándolle que a única maneira era que tivese antecedentes e así, “que se foda”, que o que tiña que ter feito o seu sogro era “terlle pegado un palazo na cabeza e telo enterrado no cemento”.

QUENDA DA FISCALÍA

Pilar de Lara conclúe a instrución contra seis axentes policiais por delitos de colaboración coa prostitución coactiva, suborno e omisión de perseguir delitos, atribuíndo ata unha decena de infraccións do Código Penal no caso de Manuel Castro González e unha ducia no de José Manuel Díaz Suárez. A un sétimo axente, inspector policial, tamén asiduo ao Queens, atribúelle exclusivamente a omisión de perseguir delitos en relación ao roubo dunha xoia denunciado por un cliente do local que quedou durmido despois de manter relacións sexuais.
Aos funcionarios policiais ou administrativos de Estranxeiría Alberto Linares, Germán Pumares e Evaristo Rodríguez atribúelles entre seis e nove delitos maiormente de prevaricación e falsidade documental. Fóra queda Eduardo Castro, a quen se lle atribúe a maior carga delitiva e grao de implicación, por mor do seu falecemento en xullo deste ano. Ademais, dúas prostitutas tamén terían incorrido en delito de tráfico de influencias ao faceren uso da súa relación con Eduardo Castro para regularizar a súa situación e pedirlle actuacións contra outras mulleres.
A maxistrada dita o sobresemento provisional respecto de Miguel González, secretario en Galiza da Unión Federal de Policía (UFP) e o sobresemento libre respecto do entón comisario xefe provincial Maximino Losada e do subdelegado do goberno Jesús Otero.
Agora será a Fiscalía quen decida quen sentará no banco de acusados. Tanto na peza relativa ós delitos cometidos nos clubs Queens e La Colina como na relativa ao club Liverpool a Fiscalía botou por terra a instrución xudicial solicitando o arquivo respecto de todos os axentes policiais investigados a pesar da enorme carga indiciaria da súa participación, e no segundo caso tamén o solicitou respecto do proxeneta malia darse por probado que alí se prostituíron menores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario