domingo, 29 de decembro de 2019

60 anos sen a ponte de san Fernando

Outubro 27, 2009 por valdeorrasrepublicana
No día das apegotas, o domingo 27 de decembro de 1959, o río Sil levouse por diante a ponte de san Fernando que comunicaba as dúas beiras do municipio do Barco. A comarca de Valdeorras, dividida de Este a Oeste polo río, volvía a contar só cos pasos seculares da Cigarrosa na Rúa-Petín, e o da Pontenova en Carballeda, amais das tradicionais barcas de Cobas, Quereño, Arnado e Valencia do Sil.

O proxecto da construción da ponte de san Fernando inscribíase dentro da estrada de Ponferrada a Ourense por Poboa de Trives, no Plan de Carreteiras de 1877, planificado polo primeiro Goberno da Restauración liderado por Cánovas del Castillo, baixo a dirección do Ministro de Fomento, Francisco Queipo de Llano. Recollía as ideas do anterior plan de 1864 que intentaba comunicar as comarcas que non disporían a medio prazo de transporte ferroviario. O seu trazado final obedeceu aos intereses do gran cacique comarcal do Partido Conservador, Manuel Quiroga Vázquez, dono da Casa Grande de Viloira, que condicionou a execución a que pasara pola beira do seu pazo. Unha máis das prácticas políticas da Restauración que levaban a aprobar multitude de estradas nos presupostos anuais mais sen consignación para construílas o que eternizaba o seu remate.


A ponte de san Fernando foi o traballo máis importante e complexo da sección da estrada comprendida entre A Ponte de Domingo Flórez, na raia de León, e a Rúa, que inicialmente licitouse en 1872 por 1.596.895,5 pesetas. Coa carreteira xa en obras, no ano 1879 subastouse igualmente a construción da ponte, saíndo de primeiras por 278.392,21 pesetas, quedando varias veces deserta a poxa. Finalmente adxudicouse por 317.629,97 pesetas, que se sobrepasaron durante a súa realización. O proxecto, realizado polo inxeñeiro de Ourense, Sebastián Martínez Risco, tiña unha lonxitude de 203 metros, sobre catro piares. Para a fábrica utilizouse pedra de granito arrancada dunha canteira do concello de Petín, sita por baixo da aldea de Seadur.


Tras anos de traballo inaugurouse no 1902. A apertura da estrada Ponferrada- Ourense, a nivel comarcal supuxo o declive e abandono do vello Camiño Real, asentado sobre una vía romana, que durante séculos posibilitara as comunicacións entre a meseta e Galicia. E a nivel local a desaparición do barcaxe do Porto da Barca, nucleo inicial do Concello, que ata ese momento facilitara as comunicacións entre Viloira e o Barco.


No río Sil, anualmente, danse grandes crecidas que a planificación hidroeléctrica da súa bacía logrou controlar a partires das derradeiras décadas do anterior século. O Sil, nunha cadencia aproximada de trinta anos, provoca grandes desfeitas e perdas. Xa no ano 1909 as enchentes provocaran múltiples danos e a morte dun veciño. As mesmas desgracias repetironse polo ano 1934, o que deu pé a unha brillante intervención do deputado Basilio Álvarez, do Partido Republicano Radical, no Congreso propoñendo destinar axudas inmediatas co fin de socorrer aos afectados.


O inverno do ano 1959 en xeral, e o mes de decembro en particular, foi dos máis chuviosos, dende que existen rexistros metereolóxicos. Só superado polo ano 1962. A chea do río causou grandes estragos en todo tipo de bens na bisbarra. No municipio do Barco a avaliación dos danos materiais deste temporal é moi importante para a época. O concello cifraba as perdas en bens públicos deste xeito: o corte da traída de augas en 200.000 pesetas; a caída dunha parte do muro na parte baixa da Praza Maior, 509.000 pesetas; o muro da Capitana 53.550 pesetas; a escalinata da fonte de San Roque 32.000 pesetas; o desprendemento do muro de contención do cemiterio 31.500 pesetas; os danos na ponte “María Elena” da Casa Grande de Viloira 207.000 pesetas; o regueiro de Coedo 90.000 pesetas; a defensa do barrio das Cortes 864.000 pesetas; o regueiro de Millarouso 175.000. Tamén valoraba en 15.000.000 de pesetas a destrución da ponte de san Fernando, que no seu esborrallamento arrastrou ao veciño da rúa de san Roque Manuel Conde (a) o monfortino. O cádaver atopouse ao cabo de varios meses río abaixo.


Aínda que a riada foi a causante da desfeita da ponte, por todo os veciños pescadores era coñecido que un piar, o máis preto da ribeira de Viloira, non estaba asentado sobre rochas, e que se sostiña sobre terreos de aluvión. O río cos anos furara por baixo del o que facilitou a súa inclinación provocando o desequilibrio dos arcos e a súa caída.


Na siguinte semana da desgracia, primeira do mes de xaneiro de 1960, o gobernador civil e xerifalte franquista, José María Quiroga de Abarca, realizou a correspondente visita pola comarca para lles dar “ánimos” aos veciños.
A falla da ponte nun primeiro momento remediouse cun paso de barcas militares levantado a mediados de xaneiro por un destacamento de pontoneiros do Exército na zona da Vada, que aos poucos días da súa construción tamén acabou arrastrado polo río. Tras articular un paso provisional con barcazas, os pontoneiros reconstruíron a ponte militar no mesmo lugar, ata que se instalou unha precaria pasarela sobre os restos da ponte de san Fernando. Feita por “Dragados y Construcciones” consistía en dous casteletes de perfís laminados soldados, situados en ambas as dúas beiras, unidos mediante cabos de aceiro dos que penduraba a pasarela propiamente dita, duns 100 metros de lonxitude e 1,5 metros de largo, aproximadamente, co piso de madeira e varandas metálicas. Mantívose en uso ata a inauguración da nova ponte.


Iniciouse a construción da nova ponte no ano 1962, aínda que a obra fora declarada como urxente polo Consello de Ministos o día 30 de decembro de 1959. Nun primeiro momento, ante a falta de consignación presupuestaría, utilizáronse recursos proveñentes do Plan de Axuda Americana, producto dos acordos sobre a utilización das bases militares polo exército yanqui firmados entre a administración Eisenhower e Franco.


Durante oito anos a empresa “Tierra y Hormigones” foi a encargada de facer as obras da ponte. Pola escaseza de materiais estivo paralizada durante varios períodos. Tamén traballou no novo trazado da estrada que tiña por finalidade apartala do núcleo de Viloira. Para iso foron expropiadas terras de labor da zona da Lagoa o que provocou grandes descontentos entre os labregos pola escasa valoración das propiedades. Finalmente a nova ponte entrou en servicio a mediados de 1970.


Ata hai ben poucos anos o Sil conservaba vivo o recordo, mantendo no cauce os piares da ponte de san Fernando. Mais a finais dos anos noventa a Administración Estatal, que tanto vela polos máis insignificantes restos arquitectónicos do pasado, desmontou os piares e vendeu as pedras que constituían parte da memoria colectiva e da historia material dos veciños e veciñas do concello do Barco, mentres os políticos locais de turno miraban para outro lado.



Primera prueba de grabación con la JVC GY-HM100 y editado con Final Cut Express HD(Se puede trabajar con archivos MOV (XDCAM EX) sin necesitar Final Cut Studio 2 ó 3). Tras las persistentes lluvias de finales de Febrero de 2010, el Rio Sil a su paso por O Barco de Valdeorras ofrece este

Ningún comentario:

Publicar un comentario