venres, 15 de xullo de 2016

A UE ratifica que a investigación de Fomento sobre Angrois non foi independente


David Reinero 
http://praza.gal/


A Unión Europea considera que a investigación que o Ministerio de Fomento realizou do accidente do tren Alvia ocorrido o 24 de xullo de 2013 en Santiago, no que morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas e do que culpou en exclusiva ao maquinista, non foi realizada “de xeito independente”. Así o di a Axencia Ferroviaria Europea nun crítico informe que entregou este xoves coa mediación do BNG ás vítimas do sinistro e cuxa divulgación estaba prevista antes das eleccións xerais pero que foi adiado por petición do Goberno español. A importancia da opinión de Bruxelas, porén, é relativa xa que hai mes e medio a Audiencia Provincial da Coruña xa determinou, no auto co que reabriu a instrución xudicial do sinistro para pescudar posibles responsables máis alá do condutor, que a investigación de Fomento non pode ser considerada independente.

A Axencia Ferroviaria Europea confírmalle ás vítimas que o accidente “aínda non foi investigado de xeito independente”
O informe da Axencia Ferroviaria Europea conclúe que a composición da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), nomeada polo Ministerio de Fomento con membros de Adif e Renfe, “non asegura a independencia da investigación”. A axencia europea tamén critica que a CIAF fixo énfase na causa directa do sinistro, o erro humano do maquinista, e non pescudou as súas “causas fundamentais”. Por iso, a axencia conclúe que o accidente de Angrois “aínda non foi estudado de xeito independente” como require a normativa europea e pide que se faga.
O informe da axencia europea está asinado polo xefe da súa unidade de Seguridade, Christopher Carr, con data de 26 de xaneiro, o que evidencia a demora que sufriu a súa divulgación como consecuencia das presións do Goberno español. Nel se critica que na investigación da CIAF participase tamén Ineco, a empresa pública que validou a seguridade da liña Ourense-Santiago para Adif e que lle propuxo que os riscos que existían, como o dun posible exceso de velocidade, se “exportasen” ao maquinista, que quedaba así como único responsable. A análise e xestión deses riscos existentes en Angrois por parte de Adif é unha das cuestións que deberá aclarar agora a instrución xudicial do caso.
O informe europeo enumera as eivas de todo tipo que presenta a investigación realizada pola CIAF, tanto na súa análise do accidente como doutras circunstancias paralelas, como o dispositivo de emerxencias despregado ou a nula posibilidade de que as vítimas contribuísen á investigación.
Ás tres horas de que se coñecese o informe da axencia europea, e demostrando a dependencia da CIAF con respecto a Fomento, o ministerio remitiu aos medios un comunicado de resposta á UE supostamente elaborado pola propia CIAF pero sen ningunha sinatura nin encabezamento oficial. Nel insístese na independencia da propia CIAF e critícase que a axencia europea tardase dous anos en emitir o actual informe logo de dar por válida previamente a investigación española. Tamén se insiste en que a CIAF non ten entre os seus obxectivos aclarar as responsabilidades penais dos sinistros.

Os representantes das vítimas e Ana Miranda, tras recibir o informe en Bruxelas

Tres anos de instrución, agora reaberta

O ministerio culpara só ao maquinista pero a Audiencia da Coruña vén de negar a súa independencia e pedir que se analicen posibles responsabilidades de Adif
No accidente da curva de Angrois, na liña de AVE Ourense-Santiago, o maquinista do Alvia, Francisco José Garzón, non freou a tempo e descarrilou logo de recibir unha chamada do interventor do tren sen que existise ningún sistema de seguridade que evitase ou paliase o seu despiste. O primeiro xuíz instrutor da causa imputou ata 27 cargos de Adif pero a Audiencia da Coruña revocou a súa decisión e un segundo instrutor propuxo o pasado outubro xulgar só o maquinista como único responsable. Ante esa situación, e á espera de que a Audiencia da Coruña se pronunciase sobre a proposta do instrutor, as vítimas do sinistro acudiron a Bruxelas o pasado novembro para pedir amparo das institucións comunitarias, tanto da Axencia Ferroviaria Europea como do Parlamento Europeo. A primeira comprometeuse a analizar o accidente e telo en conta no marco dunha investigación aberta contra España xa antes do sinistro pola lentitude do Goberno na adaptación da normativa estatal á europea, entre outras cuestións no referente á independencia da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF).
Foi esa CIAF a que en xuño de 2014 concluíu que o accidente de Angrois debíase exclusivamente ao despiste do maquinista, nun informe que serviu de base á súa vez para varias das peritaxes nas que se amparou o instrutor para pedir que se xulgase só ao condutor. Porén, a finais do pasado maio a Audiencia da Coruña rectificou ao xuíz. Por un lado, restou validez ao informe da CIAF por consideralo non independente. Por outro, obrigou ao instrutor a ter en conta tamén outras peritaxes que acusan a ADIF de non ter analizado o risco que existía na curva de Angrois cando en 2010 decidiu non instalar alí o control constante de velocidade propio do AVE, o ERTMS que tería evitado o accidente, e cando en 2012 permitiu que Renfe o desactivase tamén a bordo dos Alvia. Detrás de ambas decisións está a figura do daquela director de Seguridad en la Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, imputado e desimputado en dúas ocasións e que tres anos despois do sinistro nunca declarou no xulgado. A reapertura da causa pola Audiencia da Coruña hai mes e medio deixa o caso novamente en mans do xuíz instrutor, que aínda non adoptou ningunha decisión.
Feijóo di que as vítimas tiñan dereito a coñecer o informe e di que non quere tirar rédito político
Por outra banda, este mesmo xoves o presidente Feijóo asegurou que as vítimas tiñan “dereito” a coñecer o informe da UE e asegurou que el mesmo está interesado en coñecer todas as circunstancias do accidente. “A pesar de que as vítimas, algunhas delas, crean que a miña é unha posición pasiva, eu o que podo asegurar é que o que estou facendo é porque creo no estado de dereito e a política non pode ser corrosiva para buscar responsabilidades na administración da época”, dixo.

Resultado de imaxes para angrois

Ningún comentario:

Publicar un comentario