A Secretaría Xeral de Medios publica en pleno Nadal as partidas que destina este 2019 para subvencionar de xeito directo aos medios. O Grupo Voz, o medio que máis defende a política de Feijóo, recibe máis da metade das axudas.
A Xunta de Galicia segue sendo unha das principais vías de financiamento dos grandes grupos mediaticos de Galicia. Ano tras ano, o Goberno de Feijóo inxecta millóns de euros en convenios publicitarios que subscriben as distintas consellerías e tamén a Secretaría Xeral de Medios. Precisamente, este departemento, que dirixe Mar Sánchez Sierra, destinou de xeito directo case dous millóns en axudas a xornais e radios.
Medios de comunicación de Galicia
Esta cantidade supón case a mesma que a Xunta destinou en 2018, tras o importante aumento que houbo en 2017 en concepto de "axudas concedidas a empresas xornalísticas e de radidifusión". En 2017 foron 1.666.194,87 euros; en 2018, 1.976.778, é dicir, 300.000 euros máis que o ano anterior e este 2019 son 1.970.000, 6.000 euros menos.
LA VOZ
A convocatoria publicouse no DOG do pasado 28 de decembro, en plenas festas do Nadal e o principal beneficiario volve ser o Grupo Voz. De feito, este grupo de comunicación, que nos últimos tempos se ten posicionado claramente á dereita e cunha defensa acérrima do goberno de Feijóo, recibe axudas por catro vías diferentes. É o único gran medio co que a Secretaría Xeral de Medios ten esta “cortesía”.
Así, a máis suculenta, de 553.757 é para o xornal impreso. A segunda, de 294.360 é pola súa web e a terceira é pola súa radio, Radio Voz, con 28.489. Chama a atención outra axuda que esta radio, cuxa audiencia é moito menor ás grandes cadenas radiofónicas, recibe de 143 euros pola súa web.
Viñeta de López - Subvencións a medios
OUTRO MEDIOS
A infinita distancia de La Voz sitúanse o resto dos grupos mediaticos galegos. E neste segundo grupo os mellor posicionados son Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña, do grupo Prensa Ibérica. De feito, a Xunta tivo que rebaixar un pouco as axudas ao restos dos grandes xornais para darlle a estes dous medios que o pasado ano non recibiron as axudas por problemas burocráticos. Deste xeito, Faro de Vigo recibe 316.000 euros tanto polo xornal en papel como pola súa web e La Opinión de A Coruña, 54.000. En total, este grupo leva 370.000 euros.
Na mesma situación que Faro e La Opinión está El Correo Gallego, ausente nos últimos anos deste tipo de axudas pola fonda crise que o levou a despidos, ao impago de nóminas e a unha débeda de 15 millóns de euros con Facenda e a Seguridade Social. Este ano, Editorial Compostela, que edita este medio recibe 73.000 euros.
Logo está El Progreso que recibe 125.832 euros polo diario en papel e 24.100 pola web. A este diñeiro hai que supmar o recibido por Diario de Pontevedra, tanto na súa versión escrita como web, que suman 79.000 euros. Deste xeito, o Grupo El Progreso recibe case 225.000 euros.
Pola súa banda, o Grupo La Región recibe 140.000 euros polas cabeceiras en papel de La Región e Atlántico Diario, así como polas súas versións webs. Finalmente, o Grupo La Capital, que edita entre outros, El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, recibe 33.000 euros.
En Radios, a que máis recibe é a Cadena Ser, a través das distintas radios asociadas en Galicia con case 80.000 euros. Logo a Cadena Cope, con 73.700. Despois Onda Cero, con 60.000. En Webs, ademais das dos grandes grupos, destacan os case 5.000 euros que recibe Pontevedra Viva e os 2.323 de Sermos Galiza. Europa Press pasa de 1.572 de 2018 aos 208 deste ano.
CRÍTICAS
Non é a primeira vez que os sindicatos denuncian esta masiva inxección de cartos públicos a determinados medios. A CIG ten criticado a súa convocatoria pola "inexistencia de motivación real para esta subvención sen concorrencia competitiva". O sindicato considera que o único obxectivo deste tipo de convocatorias é "soster economicamente a súa actividade dando máis cartos canta maior difusión teñan, sen outra finalidade", o cal "ten como resultado financiar aos grandes grupos de sempre".
Para o sindicato "resulta moi doado comprender por que a gran maioría destes medios, sobre todo os que se levan a maior parte do pastel e teñen maior difusión, dificilmente van publicar información que sexa incómoda para o Goberno; todo o contrario, ao final atopámolos cheos de propaganda a favor deste".
O paradoxal destas axudas é que, sobre o papel, están destinadas a favorecer a "liberdade de expresión" e fomentar uns medios "máis plurais e independentes", e mesmo buscan "a potenciación da lingua e cultura galega" e "a galeguidade", pero chega con dedicar tan só un 8% do total do espazo á lingua propia de Galicia para recibir cartos.
Medios como Galicia Confidencial, líder da prensa en galego, e cuarto medio dixital de Galicia segundo Alexa, auditor de Amazon, ou Praza Pública, outro dos referentes da nova prensa en galego, non reciben un só euro de axudas. O único xornal en lingua galega que recibe cartos públicos da Xunta en concepto de subvencións é Sermos Galiza, aínda que a súa cantidade é irrisoria en comparación con outros medios con menos impacto.
a) Axudas a xornais impresos en formato papel:
Entidade beneficiaria
|
Importe axuda
|
Editorial Compostela, S.A.
|
72.982,98
|
Editorial La Capital, S.L.
|
28.163,44
|
El Progreso de Lugo, S.L.
|
125.832,10
|
Faro de Vigo, S.A.
|
242.808,15
|
La Opinión de La Coruña, S.L.
|
38.021,94
|
La Región,S.A.
|
96.910,09
|
La Voz de Galicia, S.A.
|
553.757,62
|
Lérez Ediciones, S.L.
|
68.866,18
|
Rias Baixas de Comunicación, S.A.
|
27.657,50
|
b) Axudas a empresas radiofónicas privadas:
Entidade beneficiaria
|
Importe axuda
|
Radio Coruña, S.L.
|
5.783,22
|
Radio Lugo, S.A.
|
3.736,96
|
Radio Orense, S.A.
|
18.936,50
|
Radio Pontevedra, S.A.
|
20.333,84
|
Radio Popular, S.A.
|
73.702,41
|
Radio Vigo, S.A.
|
30.293,01
|
Sociedad Española de Radiodifusión, S.L.
|
25.325,05
|
Uniprex, S.A.
|
59.799,67
|
Voz de Galicia Radio, S.L.U.
|
28.489,34
|
c) Axudas a empresas xornalísticas que difundan a súa actividade informativa mediante a internet:
Entidade beneficiaria
|
Importe axuda
|
Editorial La Capital, S.L.
|
5.568,03
|
El Progreso de Lugo, S.L.
|
24.106,92
|
Europa Press Delegaciones, S.A.
|
208,63
|
Faro de Vigo, S.A.U.
|
74.499,03
|
La Opinión de La Coruña, S.L.U.
|
15.692,57
|
La Región, S.A.
|
13.189,53
|
La Voz de Galicia, S.A.
|
294.360,48
|
Lérez Ediciones, S.L.
|
9.521,79
|
Radio Lugo, S.A.
|
391,71
|
Rías Baixas de Comunicación, S.A.
|
3.229,08
|
Sermos Galiza, S.A.
|
2.323,42
|
Virtual Vedra Comunicación, S.L.
|
4.910,21
|
Voz de Galicia Radio, S.L.U.
|
141,76
|
Ningún comentario:
Publicar un comentario