xoves, 19 de decembro de 2019

Os xinecólogos de Verín: "A Xunta utiliza supostos criterios técnicos para recortar e desmantelar os hospitais comarcais”


Mobilización contra o peche da sala de partos do hospital de Verín e fragmento do recurso formulado polo persoal de xinecoloxía CC-BY-NC-SA Praza Pública


O equipo de Xinecoloxía e Obstetricia do Hospital Público de Verín recorreu o peche da atención aos partos no seu centro. O recurso de alzada achega varios argumentos legais sobre a “incompetencia” da xerencia da área sanitaria para levar a cabo unha decisión que din que lle correspondería á Consellería de Sanidade. Pero ademais, na última parte do documento, debulla a versión dos profesionais sobre os verdadeiros motivos do Sergas. Critican que Sanidade “utilizase supostos criterios técnicos” para xustificar a supresión do paridoiro e “para aplicar recortes e desmantelar os hospitais comarcais”, e deitan luz sobre as reviravoltas da Xunta, que pasou de xustificar o peche pola “falta de pericia” dos profesionais derivada da baixa natalidade e por “razóns de seguridade e calidade asistencial” a asumir a falta de pediatras. 
O equipo de Xinecoloxía e Obstetricia lembra que hospitais privados tampouco chegan á cifra de 600 nacementos anuais: "Hai que prohibir os partos neles?"
Tal e como reflicten os datos de natalidade, a área de influencia do hospital de Verín non superou nunca os 600 partos anuais que a Xunta esgrime agora como necesarios para manter o paridoiro, en base a un manual de hai dez anos recomendado polo Ministerio de Sanidade. “Un documento que non é normativo”, lembran os profesionais, “que fai recomendacións sobre dotar ou non de novas maternidades” pero que “en ningures fai recomendación de pechar maternidades existentes” polo motivo ao que alude o Sergas. 
“Ningún hospital comarcal da rede de hospitais públicos de Galicia chega a esa cifra de 600 partos. Tampouco hospitais privados en cidades como Vigo ou Santiago. Habería que prohibir os partos en todos eles?”, pregúntase o equipo médico no recurso, no que consideran que o proceder do Sergas “podería supoñer un precedente preocupante que motivase o comezo dunha vaga de peche de servizos en Galicia e en toda España”. 
Fragmentos do recurso formulado por persoal de Xinecoloxía e Obstetricia de Verín contra o peche da sala de partos CC-BY-NC-SA Praza Pública
Os profesionais aseguran que o que sucedeu en realidade é que o xerente da área, en referencia a Félix Rubial, “decidiu suprimir a atención ao parto” no hospital de Verín “debido ás dificultades e problemas que nos últimos meses experimentou para prover de asistencia pediátrica a este centro, subministrada polos facultativos do hospital de referencia, o CHUO de Ourense”. Para xustificalo, segundo din, “aduciu razóns de seguridade e calidade asistencial baseadas en que, por mor do baixo número de partos, diminúe a pericia e a calidade da asistencia”. 
O equipo médico lembra que a guía á que alude o Sergas contempla a figura da maternidade de menos de 600 partos ao ano “como unha entidade perfectamente definida destinada á atención ao parto de baixo risco” e “sen cuestionar en ningún momento a súa utilidade, calidade ou seguridade”. O tempo de desprazamento, con núcleos a máis de 130 quilómetros do CHUO, “é un motivo máis que suficiente para xustificar o mantemento da asistencia ao parto no hospital de Verín”, din os facultativos.
Os facultativos acusan o xerente Rubial de "aducir razóns de seguridade" para o peche cando a causa son "as dificultades para prover asistencia pediátrica"
Ademais, pregúntanse se tendo en conta que a taxa de cesáreas é do 25% no Estado, a administración sanitaria vai “expoñer impávida a ese número estatisticamente previsible de xestantes que van sufrir posibles perdas de benestar fetal a percorrer máis de 130 quilómetros nalgúns casos para ser diagnosticadas e tratadas podendo, como se fixo ata agora, facelo nun tempo moito menor”. “Imos pechar os ollos ás emerxencias que poidan producirse extramuros ou só nos inquietan as que se producen dentro do hospital pola posible responsabilidade xurídica na que poidamos incorrer?”, insisten. 
“Non parece coherente avalar ou apoiar unha medida que vai supoñer demora a cegas nunha asistencia ou diagnóstico no que os tempos poden ser determinantes”, di o recurso, no que se aclara que as nais xestantes poden elixir diferentes tipos de maternidade, pero que sempre acoden “á maternidade máis próxima” no caso de “complicación urxente e grave”. 
Belén reivindicativo en Verín contra o peche da sala de partos CC-BY-NC-SA Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Comarca de Monterrei
“Non parece coherente avalar ou apoiar unha medida que vai supoñer demora a cegas nunha asistencia ou diagnóstico no que os tempos son determinantes”
Alén disto, o equipo médico achega datos que “avalan” o traballo na atención aos partos no hospital de Verín. Aclaran que, nos case 3.000 partos rexistrados desde 1994, “non houbo ningún caso de morte fetal intraparto, ningunha secuela permanente de causa obstétrica nin ningunha histerectomía obstétrica”. E advirten de que a taxa de cesáreas e a estancia media “está por baixo” da media estatal. 
Segundo aseguran, e “revisando a evidencia científica”, non hai datos concluíntes “que avalen que centralizando os partos melloren os resultados perinatais, aumentando en cambio os partos extrahospitalarios non desexados debido a un maior desprazamento”. 
Os tres profesionais cren que a supresión do paridoiro “supón un paso atrás na calidade de atención ás mulleres da área de Verín” que, como en xeral a sociedade, “demandan calidade na asistencia, pero tamén unha atención personalizada, empática, nun ambiente coñecido, que respecte a autonomía da muller e sexa o menos intervencionista posible”. “Todas estas condicións dábanse no noso hospital”, aseguran, tras advertir de que a decisión do Sergas chega, “ademais, nun momento no que os políticos reclaman que hai que protexer a España baleirada”. “Medidas como esta só incrementan a discriminación e aceleran a despoboación da España rural”, engaden. 
"A supresión da atención aos partos supón un paso atrás na calidade de atención ás mulleres na área de Verín"
Ademais, o equipo médico considera que a Sociedad Española de Ginecología debería realizar “un manifesto de apoio ao traballo dos xinecólogos dos hospitais comarcais de España”, destacando a “calidade de atención ao parto e os resultados perinatais excelentes”. Lograría así, segundo din, “dignificar” o seu labor e “mandar unha mensaxe tranquilizadora á opinión pública”, pero tamén “desmontaría o argumento dos supostos criterios técnicos que a administración utiliza para aplicar recortes e desmantelar os hospitais comarcais, o que repercute negativamente na calidade de atención e nos dereitos das mulleres do medio rural”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario