venres, 13 de decembro de 2019

A Fiscalía quere que as responsabilidades da Xunta polo caso da Hepatite C sexan dirimidas nun xuízo


Intervención de afectadas pola hepatite no pleno do Concello de Vigo Dominio Público Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C

Miguel Pardo

O pasado 27 de novembro, máis de tres anos e medios despois da denuncia da Fiscalía, o xuíz instrutor da investigación penal polas mortes de varios doentes de hepatite C polas que foron acusados varios cargos da Xunta de homicidio por “razóns orzamentarias” arquivou o caso. O maxistrado Andrés Lago Louro considerou que non hai indicios de que os investigados fosen responsables dos falecementos nun auto que xa foi recorrido. 
A Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C (PGAH) e a Fiscalía coinciden, aínda que por diferentes vías de recurso, nas deficiencias que desde o punto de vista técnico tería a fundamentación do xuíz e, sobre todo, no convencemento de que hai "indicios dabondo" para a apertura de xuízo oral, momento no que a actuación dos investigados debería ser valorada, nunca antes. 
A Fiscalía pide que se abra xuízo oral por haber indicios dabondo de delito e pon en cuestións varias cuestións técnicas do auto que arquiva o caso
O recurso de apelación que interpuxo a Fiscalía ante a Audiencia Provincial baséase na convicción de que "a actuación dos investigados debe ser valorada no acto de xuízo oral con todas as garantías para as partes" e que, polo tanto, "tal valoración non debe de ser anticipada polo xuíz instrutor, por corresponderlle ao órgano de axuizamento", tal e como destacan fontes do Ministerio Público. 
A Fiscalía pide á Audiencia que "deixe sen efecto o auto impugnado e abra procedemento abreviado contra os investigados". Fontes xudiciais coñecedoras do recurso lembran que  hai ocasións na que os xuíces instrutores pechan as causas ao entender que non hai indicios de delito. Tanto a PGAH como a Fiscalía cren que, neste caso, hainos de sobra para considerar que puido haber atraso na aprobación dos medicamentos "por razóns orzamentarias", tal e como denunciara o Ministerio Fiscal na súa denuncia. E en todo caso, non entenden que non se substanciase nunha fase oral. 
Os cargos investigados, chegando aos xulgados cos seus avogados © CRTVG
Esa é a base do recurso da Fiscalía, que é longo --unhas 25 páxinas-- e que analiza polo miúdo cuestións técnicas que considera que non foron correctamente tratadas polo xuíz instrutor. "A fiscal coñece en profundidade a causa e moitos dos detalles de maneira exhaustiva", advirten fontes xudiciais sobre un recurso que, segundo a plataforma de afectados, ten trazas de ser aceptado. 
Desde a PGAH, o seu voceiro, Quique Costas, cre que o auto de arquivo da causa "comete un erro claro porque practicamente deixa xulgado o caso e absolve os acusados alegando que non eran competencia deles os feitos que se investigan ao seren daquela director xeral de Asistencia Sanitaria e subdirectora xeral de Farmacia", di Quique Costas, que advirte, en referencia a Félix Rubial e Carolina González-Criado, de que "non foron sometidos a este procesos por eses cargos, senón porque eran membros da subcomisión que decidía sobre os tratamentos, algo que se obvia"
"Estamos en fase instrutora e non xulgadora; non estamos no momento de xulgar, senón na de determinar se hai indicios de comisión de delitos"
"Estamos en instancia instrutora e non xulgadora; non estamos no momento de xulgar e decidir a culpabilidade, senón na de determinar se hai indicios de comisión de delitos", insiste Costas, que asume certa "decepción" polo arquivo, pero  tamén "confianza", ao coincidir os reparos da plataforma coas da Fiscalía, que advirte tamén no seu recurso de que a actuación dos investigados debe ser valorada no acto de xuízo oral e non debe ser valorada antes polo xuíz instrutor. 
O colectivo de afectados presentou un recurso de reforma ante o xulgado instrutor, mentres que o Ministerio Público fíxoo cun de apelación. No caso da plataforma, e de ser rexeitado o recurso de reforma, presentará outro de apelación tamén ante a Audiencia. 
“Non podemos afirmar que a morte ou falecemento dos pacientes lles sexa imputable causalmente aos investigados”, indicaba o xuíz Andrés Lago Louro no auto, onde subliñaba que “o falecemento sobreveu por causas alleas á demora, omisión ou dilación na tramitación das peticións ou solicitudes de aplicación dos novos fármacos”. 
A plataforma de afectados lembra que, sempre que o seu colectivo ou a Fiscalía tivo algunha diferenza co instrutor, a Audiencia acabou por darlles a razón
Desde a PGAH confían en que o que eles consideran "erros" sexan "subsanados" a través destes recursos. Así, a plataforma lembra que cada vez que o seu colectivo ou a Fiscalía tivo algunha diferenza co xuíz instrutor, a Audiencia acabou por darlles a razón, como cando o xuíz considerou que os investigados non debían ser xulgados por homicidio imprudente e só pro prevaricación.
Respecto das reaccións políticas ao último auto, Feijóo nas que chegou a instar a oposición a pedir "desculpas" por poñer en dúbida a actuación de dous cargos do Sergas. A plataforma de afectados lembra que "foi a Fiscalía quen presentou a denuncia que permitiu a apertura deste proceso".

Ningún comentario:

Publicar un comentario