luns, 16 de decembro de 2019

Os resultados do Cumio Climático: entre o avance simbólico e o fracaso total



Comitiva do Movemento Galego polo Clima, este 6 de decembro na mobilización desenvolvida en Madrid CC-BY-NC-SA Adega
Marcos Pérez Pena

Fronte ao lema elixido de "tempo de actuar", a declaración final en esencia atrasa durante un ano calquera tipo de decisión
"Tempo de actuar" foi o lema escollido polo Cumio do Clima de Madrid, facendo énfase na urxencia de adoptar medidas decididas para frear o proceso de quencemento global e cambio climático. Despois de dúas semanas de debates, nos que estivo moi preto a posibilidade de non chegar a acordo ningún, os países participantes consensuaron unha declaración final que, en esencia, atrasa durante un ano calquera tipo de decisión. A declaración 'Madrid-Chile, tempo de actuar' limítase a "convidar" aos distintos países a redobrar os seus esforzos e a presentar o vindeiro ano medidas máis decididas para reducir as súas emisións.
As organizacións ecoloxistas cualifican de "fracaso" o resultado do Cumio. Fronte a elas, a visión do Ministerio para a Transición Ecolóxica do Goberno español mantén o optimismo, destacando que COP25 "senta as bases para que os países sexan máis ambiciosos ante a emerxencia climática" e salienta a aprobación do "Plan de Acción de Xénero", que destaca que son as mulleres quen máis sofren os efectos do cambio climático.

As conclusións do Cumio de Madrid en 12 claves

China, India, Estados Unidos ou Rusia, culpables do 57% das emisións de todo o planeta, manteñen a súa negativa a realizar máis esforzos, o mesmo que Brasil
  • Consensos: O Cumio de Madrid debatíase entre acadar un acordo máis ambicioso sobre a redución de emisións pero apoiado só por unha parte dos países (o que o faría inútil para limitar o quencemento global) ou chegar a unha declaración simbólica e sen plans de acción concretos que si fose apoiada por todas as partes. Optouse por esta segunda vía, buscando amosar unha imaxe de unidade que en realidade non é tal. China, India, Estados Unidos ou Rusia, culpables do 57% das emisións de todo o planeta, manteñen a súa negativa a realizar máis esforzos, o mesmo que o Brasil de Bolsonaro. Os Estados Unidos de Trump anunciaron, ademais, a súa retirada do Acordo de París.
  • As accións, para 2020: COP25 pásalle a pataca quente a COP26, que se celebrará en Glasgow o vindeiro ano. A declaracións "insta" a todos os países a presentar aí medidas máis ambiciosas para reducir as súas emisións. 84 países xa se comprometeron a facelo, pero entre eles non están ningún dos principais responsables das emisións contaminantes. O obxectivo de reducir a cero as emisións no ano 2050 semella máis lonxe.
  • O problema de Polonia: A UE mantén unha posición relativamente unida en canto á necesidade de adoptar medidas urxentes. Porén, a Unión foi incapaz esta semana de pechar unha estratexia común europea de emisións cero para 2050 pola negativa de Polonia, país cunha forte industria enerxética baseada no carbón.
A declaracións final "insta" a todos os países a presentar no 2020 medidas máis ambiciosas para reducir as súas emisións.
  • O cambio climático continúa, acelerado: O acordo de París de 2015 sinalaba como obxectivo para o ano 2100 que a temperatura media global non medrase máis de 1,5 ou 2 graos con respecto aos niveis preindustriais. O ritmo actual implica que o aumento será de 3,4 graos. Mesmo aínda que as emisións se reducisen a cero, o CO2 enviado á atmosfera durante décadas seguiría provocando un efecto de quencemento durante bastante tempo.
  • Avances en materia de xénero: Entre as poucas noticias positivas do cumio estivo a aprobación dun Plan de Acción de Xénero, grazas á presión exercida polo feminismo. O acordo busca garantir a igualdade de xénero de xeito transversal, así como fomentar a participación e o liderado das mulleres en todas as políticas climáticas. Neste texto inclúense ademais o dereito á saúde e os dereitos dos pobos indíxenas, das comunidades locais, das migrantes ou das crianzas.

O Cumio de Madrid non pasará a historia polos avances acadados © Ministerio para a Transición Ecolóxica
Entre as poucas noticias positivas do cumio estivo a aprobación dun Plan de Acción de Xénero, grazas á presión exercida polo feminismo
  • O Fondo Verde para o Climabloqueado: En cambio, non se puido aprobar unha dotación económica importante para o financiamento de plans de loita contra o Cambio Climático para países do Sur Global. Os países do Norte Global comprometéranse a achegar 100.000 millóns de dólares, algo que finalmente non sucedeu.
  • O mercado do carbono: O Cumio tampouco foi quen de aprobar a regulación do mercado internacional de emisións de CO2 previsto no artigo 6 do Acordo de París. Trátase dun "perverso sistema" en palabras de ADEGA, mediante os países e empresas máis contaminantes que non logren reducir as súas emisións poden comprar os “dereitos sobrantes” daqueles países que cumpren cos seus obxectivos de redución e de límite máximo de cota de emisión. A Unión Europea teme que este mecanismo sexa empregado como porta de atrás para "falsear a cantidade real" de emisións, polo que buscaba evitar unha "dobre contabilidade".
  • Outros ámbitos que quedaron fóra: Entre os moitos puntos que COP25 esqueceu, está a agricultura, que "quedou fóra das negociacións, a pesar da importancia que ten este sector a nivel mundial para lograr o equilibrio ecosistémico e unir estratexias na loita contra o Cambio Climático", destaca ADEGA. Tamén quedou sen acordo o control das emisións do transporte marítimo e aéreo, que "carecen de plans de redución de emisións, a pesares da gran pegada ecolóxica que teñen estes sectores".
ADEGA cualifica o Cumio de Madrid como "un novo fracaso na loita contra o Cambio Climático", do que culpa á ausencia de compromiso "das elites para adoptar acordos firmes"
  • Críticas dos ecoloxistas: ADEGA cualifica o Cumio de Madrid como "un novo fracaso na loita contra o Cambio Climático", do que culpa á ausencia de compromiso "das elites para adoptar acordos firmes ante a situación actual de emerxencia climática e social consecuencia directa do poder destrutivo que ten o sistema capitalista". A organización galega conclúe que "a COP25 reduce así a ambición do Acordo de París, dificultando a súa aplicación e dilatación no tempo, situación que terá resultados catastróficos para os ecosistemas, as especies, así como para acadar a tan necesaria xustiza e igualdade social".
  • Greenwashing: Na COP participan, ademais de Gobernos de todo tipo, organizacións non gobernamentais e empresas. Entre elas, importantes multinacionais que están, paradoxalmente, entre as compañías máis contaminantes do planeta. En España chama a atención, por exemplo, o empeño de Endesa (a empresa máis contaminante do Estado) en aparecer patrocinando distintos espazos do Cumio, o que foi moi criticado por organizacións ecoloxistas como unha caste de "lavado de cara" ou greenwashing para parecer máis respectuosas co medio ambiente.
  • Motivos para o optimismo: O mellor que se pode dicir de COP25 é que deixa a porta aberta a que os compromisos poidan chegar en COP26. O tren non avanza, pero tampouco desencarrila. Ademais, unha trintena de países (principalmente da UE, pero tamén de América Latina, como Perú, Colombia ou Costa Rica) amosaron un grande activismo para buscar máis ambición na adopción de medidas. Houbo tamén unha reacción contundente ao intento de Brasil de retirar os océanos e o uso da terra da declaración final.
Constatouse a fenda cada vez máis grandes entre os gobernos e as demandas da poboación e das organizacións ambientalistas 
  • Cada vez máis distancia entre os Gobernos e a rúa: O pasado 6 de decembro centos de miles de persoas participaron na manifestación polo Clima. De igual xeito, máis de 15.000 persoas participaron nas actividades convocadas polo Cumio Social polo Clima, na que tiveron un papel protagonista as comunidades indíxenas de varios continentes, ademais doutros activistas e de científicos e que recibiu atención mediática grazas á presenza de Greta Thumberg. A mobilización da sociedade civil consolídase cada vez máis, constatando unha fenda crecente entre as demandas da poboación (sobre todo dos colectivos e países máis prexudicados pola emerxencia climática) e a ausencia de medidas decididas polos gobernos e grandes empresas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario