domingo, 15 de decembro de 2019

Poñer a parir en Verín

Resultado de imaxes para Parto
JULIO TORRADO


So un goberno desconectado da realidade e con unha gran tendencia ao autobombo pode terse metido no barro tan enorme da decisión de pechar o paritorio no Hospital de Verín. Probablemente nos despachos pechados de San Caetano, falando entre certos políticos con alma de contables ante un ordenador cunha folla de excel aberta e unha calculadora, era unha idea que soaba ben. Pero a realidade, xa se sabe, está aí fora.
Porque, sexamos sinceiros, hai algúns profesionais (moi contrastados, si) que defenden a medida. E hai outros, tamén moi contrastados, que defenden a medida contraria. E todos/as defenden, cos seus válidos argumentos, a súa postura. Esta é a realidade, porque moitas veces non existe unha decisión clínicamente perfecta. Porque se existira sempre, de entrada non necesitaríamos Conselleiro de Sanidade. Pero non, existen moitos espazos onde os profesionais avalan dúas (ou máis) posibles decisións, e aí entra o criterio político. Pechar o paritorio de Verín para recortar é unha decisión política. Por outra banda, priorizar a importancia dos servizos básicos aos hospitais comarcais mentras sexa clínicamente viable, tamén é unha decisión política (moito máis correcta que a anterior, ao meu xuízo). Mentras sexa posible, as poboacións máis distantes das grandes urbes deben manter servizos. Para non abandoalas, para non deixalas á súa sorte, para non alimentar que sexan menos relevantes. 
E teñamos ollo, porque co mesmo argumento (interesado e manipulado) que se pechou o paritorio de Verín, cantos paritorios en hospitais comarcais deberían pecharse igual? Exacto: todos. Lemos, Valdeorras, A Mariña, Costa da Morte, Barbanza e Salnés. Todos eses hospitais perderán os seus paritorios se o mesmo argumento vale para todos. A loita en Verín é a loita de todos/as.
Pechar o paritorio de Verín foi unha decisión de recorte e de reducir servizos. Posiblemente o goberno da Xunta creía, dentro da súa burbulla irreal, que non habería moita preocupación por non poder parir en Verín, pero a realidade é que hoxe o que máis ocorre en Verín é que os están poñendo a parir a eles.

Ningún comentario:

Publicar un comentario