luns, 9 de decembro de 2019

Notas ao vivo: A Galiza baleira

Resultado de imaxes para: Aldeas vacias en galicia"

MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO

Pódese falar, aquí e agora, de deserto demográfico? A realidade é a seguinte: 575 parroquias teñen 10 ou menos habitantes e 1.401 teñen menos de 20. É dicir, practicamente o 48% do territorio galego sofre un avanzado despoboamento, o que se traduce tamén en “desertización” crecente: cando a produción agrícola comeza a diminuír entre o 10 e o 20%. Só na provincia de Lugo, velaí o “ranking”, existen 611 aldeas abandonadas, e séguelle A Coruña con 540 núcleos de poboación baleiros. E que fan as distintas administracións públicas ao respecto? Teñen os cidadáns residentes no espazo rural os mesmos servizos que outros cidadáns residentes en vilas e cidades? Por que se condena o medio rural á desaparición?
Dous profesores da Universidade de Vigo, Alberto Pazo e María Pilar Moragón, non dubidan en utilizar o termo “demotanasia” (poboación e morte) para significar un proceso que provoca a agonía paulatina dun territorio, debida, entre outras causas, ao seu esgotamento demográfico, “con todas as consecuencias que se derivan diso por mor dunha serie de omisións ou accións políticas ou socioeconómicas que afectan directa ou indirectamente a ese territorio”. E acaso non é o despoboamento, xunto co abandono do territorio, un problema de primeira orde na Galiza actual?
Manexándomos datos do INE, o rural galego perde unha media de 30 veciños cada día, sumando aquí a vía do falecemento das persoas e a da partida ou migración cara ás grandes vilas ou cidades. Nun estudo realizado polas profesoras Rocío Toxo-Asorei Ana Isabel García-Arias, titulado Caracterización das migracións no rural galego do século XXI, conclúese que detrás dos movementos migratorios actuais atópanse razóns de tipo laboral, económico e de procura de mellores servizos. Mais o certo é que na Galiza de hoxe —como en España e practicamente en toda Europa— existe un plan de carácter “político”, dirixido dende o poder instaurado, para debilitar ou “matar” o rural; toda unha forma de etnocidio en marcha que ten tamén un trasfondo de carácter económico con evidentes intereses privados. O cineasta Óliver Laxe soubo expresalo en frase lapidaria: “O que acontece hoxe en día no rural galego é un holocausto”. Mais iso mesmo xa o dixera anteriormente o poeta e etnógrafo Emilio Araúxo: “Asistimos ao holocausto do rural galego”.
Existen voces moi interesadas que negan que tal hecatombe ou “matanza” teña lugar, a pesar das estatísticas, dos estudos sociolóxicos e da realidade mesma. Mais os “poetas” verdadeiros, tamén os que producen a verdade na creación cinematográfica, sempre acaban levando razón. Póñanse entón a traballar todos os actores da “polis” e do “rus”, tamén no plano político, para coutarmos a sangría.

Ningún comentario:

Publicar un comentario