mércores, 11 de decembro de 2019

O paritorio de Verín, vítima da ideoloxía neoliberal

Manoel Barbeitos

O peche do paritorio de Verín non é senón outro eslavón mais na programada e planificada desfeita que da atención sanitaria pública galega está levando a cabo o Partido Popular a través da Xunta de Galicia. As razóns non son técnicas, nin tampouco orzamentarias, senón políticas.

Son razóns políticas como así o recoñece hasta o propio Consello Galego de Colexios Médicos, nada sospeitoso de esquerdismo nin de defendelo público, quen nega que o peche do paritorio de Verín sexa froito dunha decisión médica. De ningures, afirma esta entidade, o peche do paritorio de Verín e froito dunha decisión política. Dunha decisión política que deriva dun dobre dogma defendido polo Partido Popular e asumido pola actual Xunta de Galicia. Que o público e mais ineficiente e funciona sempre peor que o privado, polo que hai que reducilo ao mínimo e que o estado de benestar é insostible por falta de recursos e hai, xa que logo, que tirar da iniciativa privada.

Si ben é certo que cada quen e libre de elixir, público ou privado, resulta totalmente falso afirmar que o privado é sempre mais eficiente e funciona mellor que o público. Temos multitude de evidencias científicas. Por caso podíamos sinalar a “grande eficiencia” dun sector bancario privado que provocou recentemente a maior crise financeira da historia do capitalismo e que, finalmente, tivo que ser rescatado a costa dun gasto público monumental do que aínda non se sabe a contía real. Unha crise que ao tempo puxo en evidencia como a banca pública, que non sufriu tal crise, funciona mellor, e mais segura e eficiente e serve mellor ao interese xeral. O mesmo podemos dicir, por caso en España, de servizos básicos que eran públicos (telefonía, electricidade, correo postal …) e que foron privatizados. Hai algunha dúbida de que agora, logo de reducir persoal e centros ademais de precarizalo emprego, funcionan peor, son mais caros e ineficientes que cando eran públicos?. Tamén se pode dicir o mesmo de moitas grandes empresas públicas privatizadas. Finalmente que dicir das fundacións hospitalarias –que no seu día tentaron implantar Romay Becaria, daquela conselleiro de Sanidade, e Núñez Feijoo, secretario xeral do SERGASS- das que a de Verín foi un referente en Galicia que non eran mais que un intento espurio de privatizar pola porta de atrás a atención sanitaria pública?. Que remataron sendo un rotundo fracaso, dando perdas millonarias e tendo que ser recuperadas para o público. Probas todas elas de que afirmar que o público e mais ineficiente e funciona sempre peor que privado non é unha evidencia senón un dogma e como tal unha falsidade que agocha unha preferencia política.

Como se pode afirmar que a atención sanitaria pública en Galicia, e en España, non é sostible cando temos un gasto público (6,1% do PIB) que está entre os mais baixos da UE (7,2%)?


Tan falso como que o estado de benestar é insostible por falta de recursos. Co gallo da crise financeira (2008), aínda que a ofensiva xa ven de moito atrás, o estado de benestar está sendo obxecto dun novo e feroz ataque que busca rematar con el. Os argumentos son considerar que é moi caro e non hai recursos para financialo, desactiva a creación de emprego, frea o crecemento e lesiona a competitividade. Argumentos que xustifican, segundo estes neoliberais, que sexa a iniciativa privada quen preste eses servizos. Razóns que, de novo, son ideolóxicas e de interese de clase, non científicas. Son razóns ideolóxicas xa que nesta critica ao estado de benestar de ningures se toma en consideración os beneficios que reporta a xeito, por caso, de saúde, formación, atención, emprego, igualdade, benestar social….que, ademais, de non ser atendidos teñen tamén os seus custos. De novo, e como sucedía no caso anterior as críticas ao estado de benestar son unhas críticas ao público, en xeral, que os neoliberais consideran como algo non desexable. Ideoloxía e interese de clase. Como podemos comprobar cando se critica un gasto público no estado de benestar español, e galego, que están (17,6% PIB) entre os mais baixos de Europa occidental (19,5%). Por caso, como se pode afirmar que a atención sanitaria pública en Galicia, e en España, non é sostible cando temos un gasto público (6,1% do PIB) que está entre os mais baixos da UE (7,2%)?. Como se pode dicir que non hai recursos para sostelo cando temos unha das presións fiscais mais baixas (34,4%do PIB) da UE (40,1%)?. Por caso, si tiveramos unha presión fiscal equivalente a dos estados europeos do noso entorno non habería recursos suficientes (70.000 millóns de euros mais anualmente) para ter un estado de benestar equivalente?.

Pero claro, si reducimos os ingresos fiscais como por caso sucede en España e en Galicia, onde o nivel de fraude fiscal e elevadísimo, teremos problemas para financialos servizos públicos. Velaí as auténticas razóns que levan a dicir que as prestacións e servizos do Estado de benestar, como por caso un paritorio en Verín, son insostibles: razóns de tipo político e ideolóxico. Razóns baseadas na negativa a establecer un sistema fiscal equiparable ao dos estados do noso entorno.

Alberto Núñez Feijoo ao tempo que presume de baixar os impostos en Galiza mais que ningunha outra comunidade, tamén afirma que non ten recursos para conservar o paritorio de Verín

Así Alberto Núñez Feijoo ao tempo que presume de baixar os impostos en Galiza mais que ningunha outra comunidade, tamén afirma que non ten recursos para conservar o paritorio de Verín. Que importa que estas decisións afecten a saúde dos/as galegos/as?. O que importa é que os recursos que antes se dedicaban a atención sanitaria pública vaian agora ao capital privado (bancos, fondos de investimento, multinacionais, mutuas…). O que importa é que os ricos paguen os mínimos impostos posibles e sigan defraudando como sempre. O que importa e cargarse o estado de benestar aínda que sexa o que mellor funciona.

NiaenunaprotestacontraelcierredelparitoriodeVern

Ningún comentario:

Publicar un comentario