O paridoiro acrecenta a lista de servizos desmantelados e supón un novo golpe para o rural.
Imaxe dun hospital pioneiro na sanidade galega, aberto hai máis de 25 anos e agora en proceso de desmantelamento por parte da Xunta. ALDARA DIÉGUEZ COUÑAGO
ALDARA DIÉGUEZ COUÑAGO
O hospital de Verín ten 25 anos de idade. Foi o primeiro hospital inaugurado dende que a Xunta de Galicia ten competencias en Sanidade. A breve historia de Verín é a intensa historia da sanidade galega, que ve como, entre debates electorais cheos de preocupación pola chamada España vaciada, e tertulias políticas concienciadas coa Galicia rural, os servizos van desaparecendo.
O paridoiro de Verín non é unha decisión illada, é unha consecuencia. Por falta de pediatras, o Sergas pechou o servizo de Urxencias Pediátricas no hospital de Verín. Pese a ser unha necesidade indefinida, as prazas ofertadas foron interinidades, e ninguén se presentou por elas.
A partir de aí, trátase da crónica dunha morte anunciada. O pediatra é necesario para a atención dos neonatos e, ante a súa ausencia, decídese pechar o paritorio que daba asistencia a unha área sanitaria de 30.000 persoas. "Nos hospitais comarcais fan falta profesionais, pero máis estables e con máis incentivos" asegura Yolanda Domínguez Gallego, médica de atención primaria, integrante da Plataforma Sanitaria e secretaria da Comisión Delegada do Hospital de Verín.
Este desmantelamento responde a estudos do 2009, cando hai outros informes contrarios. É unha decisión política que queren vender como unha decisión técnica
A Xunta tamén basea a súa decisión en criterios técnicos, afirmando que manter un paridoiro con menos de 300 partos anuais é perigoso para embarazadas e bebés, debido ao descenso da calidade e da experiencia dos profesionais. Yolanda Domínguez é taxante respondendo: "Para comezar, botar a culpa ao personal por falta de traballo é unha vergoña. É un razoamento perigoso e totalmente ofensivo, como se dicimos que un ciruxán é malo porque opera pouco, cando non hai anestesista." Tamén considera sobredimensionados os informes nos que se escuda a Xunta: "Este desmantelamento responde a estudos do 2009, cando hai outros informes contrarios. É unha decisión política que queren vender como unha decisión técnica”.
Por falta de pediatras, o Sergas pechou o servizo de Urxencias Pediátricas no hospital de Verín. ALDARA DIÉGUEZ COUÑAGO
A historia do Hospital de Verín non remata co paridoiro. O servizo de dermatoloxía foi desmantelado tras a marcha -tamén por interinidade- da última dermatóloga. Como resultado, quedaron 1700 consultas pendentes e 500 intervencións sen tratar, que foron derivadas a Ourense. En traumatoloxía, O Sergas desvía e paga as operacións a clínicas privadas, tamén na capital. “É moito máis caro operar pola privada que dotar ao hospital público cos medios que necesita, pero así é a política de privatización e centralización da Xunta”, afirma a secretaria da Comisión. “Ademáis, cando che custa 80€ coller un taxi dende Verín a Ourense, a Sanidade Pública deixa de selo”.
O Sergas desvía e paga as operacións a clínicas privadas, tamén na capital
O peche dos servizos en Verín provocará aos cidadáns da vila desprazarse 70 quilómetros ata a capital de provincia. Non obstante, a área sanitaria é das máis grandes e abrangue ata o oeste de Zamora, polo que este peche pode supór un desprazamento de ata 140 quilómetros para dar a luz. Fronte as razóns de seguridade que esgrime a Xunta, Yolanda di que "un parto é sempre un factor de risco" e, en caso de complicacións, “mellor se che toca no hospital que na autovía”.
A manifestación, onde participaron miles de persoas, reproduciu o enterro dun servizo clave para a comarca. ALDARA DIÉGUEZ COUÑAGO
O hospital de Verín ten 25 anos e na manifestación do pasado sábado 7 de decembro, unhas 2000 persoas asistiron ao seu funeral. As cruces e a coroa de flores encheron a sala na que sanitarios e cidadáns estiveron pechados en sinal de protesta dende o pasado luns. O coche fúnebre levou os restos do Hospital polas rúas de Verín, ata o seu enterro simbólico. Continúa así o movemento, cada vez con máis forza e entidade.
A pasada fin de semana manifestáronse en Verín 6.000 persoas. Segundo Protección Civil, foron 20.000. ALDARA DIÉGUEZ COUÑAGO
Segundo a Policía Local, a pasada fin de semana manifestáronse en Verín 6.000 persoas. Segundo Protección Civil, foron 20.000. “Tendo en conta que a área sanitaria de Verín é de 30.000 persoas, quedaron na casa pouco máis que os encamados e os seus coidadores”, comenta a secretaria da Comisión Delegada. O malestar é xeneralizado e "a solución é que o Sergas dea marcha atrás porque non é tanto o que se necesita, é un pediatra que veña a Verín, nada máis”.
É este un momento clave nos 25 anos de idade do Hospital de Verín, unha historia "de loita e profesionalidade contra a privatización e a centralización". Pronto se verá se xorde efecto, e se o paridoiro é quen, finalmente, de erguerse do ataúde.Sexto día de protesta de traballador@s, familias e nen@s no HOSPITAL de VERÍN (Ourense).— Oscar Pinal (@OscarPinal) December 7, 2019
"Enterro do Mozo, asasinado con premeditación, aleivosía e nocturnidade" e posterior procesión pola Estrada de Laza.#Verinnonsepecha#Verinnonpechapic.twitter.com/2npNpV5moc
Ningún comentario:
Publicar un comentario