martes, 10 de decembro de 2019
DECLARACIÓNS DAS MATRONAS DO HOSPITAL COMARCAL VALDEORRAS (HCV) RESPECTO AO PECHE DO PARIDOIRO DE VERÍN
As matronas do HCV ante os últimos acontecementos relacionados coa orde de peche do paridoiro de Verín queremos dar a coñecer o seguinte:
- Manifestar a nosa máis enérxica repulsa a tal medida polo que supón para as mulleres e familias de Verín e a súa area, ao ter que desprazarse nun momento tan delicado e imprevisible lonxe dos seus domicilios e do seu entorno, tendo moi en conta como pode repercutir todo isto no desenvolvemento fisiolóxico do proceso do parto.
- O noso máis sincero apoio as/os profesionais que desenvolven as súas actividades en relación coa atención ao parto e que non se deixen ferir polas opinións que se verteron dubidando da súa calidade na atención; quen acompañamos ás mulleres nos seus partos sabemos que a calidade ten que ver con números que midan dita calidade, non coa cantidade, e as mulleres e familias tamén o saben. Nos, tamén matronas de un comarcal, sentímonos especialmente ofendidas polas afirmacións vertidas respecto a perda de habilidades e desaprobamos ese discurso insostible e mal argumentado.
- Os argumentos utilizados para o peche do paridoiro e supresión de atención pediátrica as 24 horas baseados no descrédito de profesionais e en amedrentar ás mulleres e familias son do mais rastreiro que se lles puído ocorrer, deberían ter sido mais coherentes co seu discurso. Preguntámoslle a tales dirixentes, que ostentan cargos políticos e ou directivos durante anos, chegado o momento da súa volta ao traballo, alegarán vostedes o mesmo que nesta situación?, derivarán a xente a outros profesionais argumentando a súa falta de pericia tras anos de inactividade relacionada coas habilidades na súa profesión?. Parécenos moi perigoso o seu discurso ao respecto porque se podería trasladar a quen volta dunha baixa, dunha excedencia, etc.
- Dicímoslle aos responsables de tal medida, aos que se lle enche a boca coa verba “calidade”, que a calidade, non a tiveron en conta a hora de ditar o peche e ignorar totalmente as recomendacións vixentes na atención ao parto. Son vostedes uns descoñecedores do proceso de parto ao afirmar que é algo previsible, que tarda unhas horas e da tempo ao desprazamento. ¡Como se nota que vostedes falan dende os despachos!. Nós, os profesionais, con moitos anos de experiencia, seguimos sen ter a bola de cristal para prever cando se vai iniciar o proceso do parto.
- A incógnita e o imprevisíbel de cando se pon en marcha e se desenvolve o proceso do parto fan que moitas das mulleres estean nas últimas semanas ou días previos a el, angustiadas pola incerteza de se chegarán a tempo de ser atendidas. Como se van sentir estas mulleres agora?. Como se vai incrementar a súa angustia e como vai repercutir no proceso?. Cantas acudirán antes de tempo propiciando ingresos non necesarios ou volta aos seus domicilios?. A cantas non lle dará tempo a chegar?. Que pasará nos casos de emerxencias obstétricas nas que a atención temperá é clave para o estado da nai e da criatura?. Por certo, nestes días continuamente escoitamos falar de 70 km de distancia, isto, pode dar a impresión de que é un paseo; pois en moitos casos son mais km, e pola orografía e malas condicións das vías pódese converter o desprazamento na maioría das situacións en 1h 30 min. Sómente quen estamos ao pé desta atención podemos falar da repercusión que pode ter a falta de atención inmediata en determinadas situacións.
- Durante os últimos días, son moitas as manifestacións de profesionais argumentando o impropio do peche de servizos con datos sobre os bos resultados na atención no Hospital de Verín; a nós, non nos cabe a máis mínima dúbida sobre eses bos resultados. Amais, nós referéndamos e apoiamos especialmente as manifestacións de Sergio González Palanca, Xefe de Sección de Obstetricia e Xinecoloxía do HCV, no que se refire aos datos no noso comarcal; estes veñen a demostrar a boa práctica e óptimos resultados sendo tamén un hospital comarcal.
- Ás mulleres que acoden ao noso servizo dirémoslles que sigan confiando nos profesionais que as atendemos como sempre o fixemos, farémoslles saber que continuamente seguimos actualizándonos e responsabilizándonos da atención que prestamos, como demostran os nosos datos, e que se algunha dúbida teñen que nola dean a coñecer para poder aclarala.
- Felicitar a tódalas persoas da area de Monterrei polo seu tesón na loita sempre cívica por defender servizos tan básicos para manter a saúde das mulleres e de nenos e nenas.
- Para rematar, pedímoslles ós responsables de tal desfeita que dean un paso atrás na súa decisión, que reabran os servizos, que sempre será unha medida recoñecida pola poboación e polos profesionais; téñano presente.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario