Miguel Pardo
Como se dunha burla do destino se tratase, unha concelleira do PP deu a luz no hospital comarcal de Verín malia que a atención aos partos e as urxencias pediátricas están suprimidas desde que a Xunta así o decidise o 1 de decembro. A edil popular pariu sen pediatra presente --chegou tarde de Ourense tras ser reclamado-- e negouse posteriormente a ser trasladada malia que así o indica o protocolo que o Sergas marca tras o peche do paridoiro ordenado polo Goberno de Núñez Feijóo.
Unha edil do PP deu a luz no hospital de Verín no terceiro parto tras o peche do paridoiro e negouse a ser trasladada a Ourense, como indica o Sergas
O terceiro nacemento no hospital verinense desde que se pechou a sala de partos chegou tan só uns días despois de que a nova xerente certificase o cambio de rumbo da Xunta, que pasou de admitir non ter "solución" para a supresión do servizo e xustificalo con diferentes argumentos a garantir que será recuperado "canto antes". Velaquí un repaso a todas as versións da Xunta.
A baixa natalidade e "a opinión de todas as sociedades científicas"
A finais do pasado mes de novembro, axerencia da área sanitaria de Ourense, O Barco e Verín xustifica o peche na baixa natalidade da comarca de Monterrei, que din que aumenta o risco para os neonatos se non hai máis de 600 partos ao ano". Segundo dicía o xerente Félix Rubial, a ratio tan baixa de partos provoca que "a experiencia dos profesionais se vaia perdendo". "Non é discutible e non vou consentir que ningunha muller ou neonato teñan risco", dixo. A Consellería advertiu logo da "falta de pericia" dos profesionais, o que indignou o persoal, que advertía xa de que esas non eran as verdadeiras causas do peche. Tamén aludiu á "opinión de todas as sociedades científicas", mentres facultativos do centro comarcal seguen "agardando a que presenten esas moreas de sociedades que apoian a súa decisión".
O Sergas xustificou inicialmente o peche no risco para os neonatos pola "falta de pericia" dos profesionais ante o baixo número de partos na comarca
Unha guía de maternidade do Ministerio de Sanidad
Neses primeiros días, a Xunta insistiu en aludir a unha recomendación do Ministerio de Sanidad para xustificar o peche. Referíase á guía Maternidad Hospitalaria, Estándares y Recomendaciones, elaborada pola Axencia de Calidade do Sistema Nacional de Saúde en 2009. Recolle no capítulo sobre “organización y gestión” un epígrafe sobre a atención hospitalaria ao parto no que di que “parece prudente non dotar de maternidade hospitalaria aqueles hospitais que non teñan unha área poboacional de referencia (ou cuxo estudo de mercado non prevea) que xere unha demanda superior aos 600 partos ao ano”, pero engade a continuación que é recomendable “agás por razóns de tempos de desprazamento ou accesibilidade que así o aconsellen”.
Nada di a Xunta esa excepción, que obvia, nin sobre outras guías de recomendacións contrarias. Tampouco alude a que ningún hospital comarcal de Galicia cumpriría esas condicións nin que a área do hospital de Verín nunca acadou nin un terzo dos partos que esgrimía o Sergas baseándose nesa guía.
"Un parto non é un infarto"
O 3 de decembro, o Sergas insiste en pechar o paridoiro e en xustificar a decisión na procura da "seguridade e calidade do servizo" que, insiste o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, non está garantida "pola baixa natalidade" que provoca que "as habilidades" dos profesionais "non sexan iguais" que no pasado. Nese inicio de decembro, o máximo responsable do Sergas asegura que non hai risco nas viaxes e deixa unha polémica declaración que indignou máis a cidadanía afectada: "Un parto non é inmediato, non é un infarto que ocorre dun momento para outro, é un proceso longo que no mellor dos casos tarda tres, catro horas... Hai tempo para facer o desprazamento".
Feijóo dixo, nun inicio, que non tiña solución e que lamentaba a "incomodidade das mulleres"; só unhas semanas despois abríase a "reabrir" o paridoiro de atopar pediatras
Feijóo, sen solución, lamenta "a incomodidade das mulleres"
Nunha comparecencia no Parlamento, Feijóo non ofrece solución ningunha á supresión do paridoiro e limítase a lamentar "a incomodidade das mulleres" e a sinalar os ricos dos que disque lle advirten os expertos. Un día despois, tamén na Cámara, o conselleiro Vázquez Almuiña di que o Sergas "prioriza a seguridade das nais e, sobre todo, dos neonatos, sobre as críticas". "Preferimos tomar esta decisión antes de que teñamos que lamentar consecuencias irreversibles", insiste.
As sinaturas dos 44 pediatras e xinecólogos do CHUO
Os 44 pediatras e xinecólogos do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) asinaron un documento onde apoiaban a decisión da Xunta. Todos eles, como lembran fontes do persoal de Verín, están directamente afectados, tanto polas gardas que debían realizar en Verín e que non están incentivadas, como pola posibilidade de que a redución do número de partos na capital provincial provoque que queden sen as residencias dos facultativos MIR (Médico Interno Residente). Persoal da área sanitaria recoñeceu a Praza.gal a "dificultade" de asinar un texto impulsado polos seus superiores.
En varias intervencións públicas, Núñez Feijóo dixo "entender todas as opinións", pero advertiu de que a que máis pesaba era a "dos 44 pediatras e xinecólogos, dos cales o 80% son mulleres" que "advertiron dos problemas que ten neste momento a atención aos partos en Verín".
Feijóo empeza a recuar e sinala a falta de pediatras
Na mesma intervención onde volveu advertir do documento asinado polos pediatras e xinecólogos do CHUO, Feijóo fala de dous problemas claves: "que está caendo en picado o número de partos" e a "seguridade na atención pediátrica" porque "non hai pediatras que queiran traballar nos paritorios de Verín". Especialmente para o segundo, di, a Xunta non ten remedio.
Ningunha alusión fixo nunca a Xunta a unha serie de condenas xudiciais que condenaron o Sergas polas condicións de precariedade e discriminación de persoal de pediatría na área de Ourense e que acabaron propiciando o peche da sala de partos en Verín. A xustiza determinou que o sistema de gardas discriminaba o persoal interino e a aplicación desta xurisprudencia aumentou os custos, mudou a organización e fixo aumentar as salas de espera. A solución de Sanidade foi prescindir do paridoiro en Monterrei.
Mentres Feijóo insistía na falta de pediatras, Fernández-Campa e Vázquez Almuiña insistían en que a escaseza de partos "desencadeou" o peche do paridoiro
O presidente da Xunta xa abre a porta a "reactivar" o paridoiro
Uns días despois, o 12 de decembro, e coa mobilización cidadá en auxe, Feijóo volve dar un paso atrás e di abrirse xa a "reactivar" os partos en Verín se hai pediatras. Foi na mesma intervención na que defendeu o traslado do primeiro bebé nado tras o peche, logo de que o xefe de Xinecoloxía do hospital de Verín advertise da ausencia de asistencia pediátrica ao xuíz de garda: "Por algo será". Menos dunha semana despois, o presidente da Xunta é aínda máis contundente: "Cando volvamos ter pediatras recuperaremos os partos en Verín en 24 horas”. Nin a "falta de pericia" nin a "baixa natalidade", que se sinalaran nun inicio como causas fundamentais do peche, volveron ser protagonistas.
Almuiña e Fernández-Campa insisten no argumento inicial
Tan só un día despois de que Feijóo se abrise a "reactivar" o paridoiro, o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, teimaba en que fora a escaseza de partos o que "desencadeou" o peche do paridoiro. Co novo ano en marcha, o conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuiña, defendía de novo o peche da sala de partos e aseguraba que a medida obedecera a "motivos de seguridade" pero, agora si, provocada pola "imposibilidade de ter pediatras" para atender os neonatos.
As prazas de pediatría volven quedar desertas
As dúas prazas interinas como pediatra para o hospital comarcal de Verín volven quedar desertas. A oferta convocada o pasado 12 de decembro pola Xunta remataba o 7 de xaneiro sen que ningunha persoa presentase a súa candidatura e logo de quince días de prazo para formalizaren solicitudes. Ao igual quena última convocatoria de decembro, ningún profesional optou ás vacantes, tal e como advertiran facultativos e persoal do propio centro, que alertaron da dificultade ao ofrecerse as mesmas condicións de "inestabilidade" e "falta de incentivos" aos aspirantes.
A nova xerente do hospital de Verín nega a "falta de pericia", di que ten como obxectivo reabrir o paridoiro e obvia os argumentos esgrimidos pola Xunta
A nova xerente nega a "falta de pericia" e desmente o Sergas
Logo da dimisión do xerente do distrito sanitario de Verín, Miguel Abad, a Xunta tirou da ex-directora do hospital comarcal en dúas etapas, Guillermina Agulla, xa xubilada, para intentar aplacar o conflito. A súa chegada tiña como obxectivo principal, tal e como recoñeceu, reabrir o paridoiro. Para facelo, e logo de que quedasen vacantes as prazas, apurou a intentar contratar dous pediatras e reuniuse con varios candidatos.
Pero ademais, a través das súas declaracións, rexeitou un dos principais argumentos que a Xunta empregou para xustificar o peche. "Falta de pericia dos profesionais? "Xamais me atrevería a dicir semellante cousa", asegurou. Tampouco aludiu á baixa natalidade, nin a guía ningunha do Ministerio, nin ás sinaturas dos pediatras e xinecólogos de Ourense, nin á ausencia de seguridade. Tan só precisa que dous especialistas pediátricos digan si á oferta do Sergas para completar a marcha atrás definitiva do Goberno galego e logo de máis dun mes de reviravoltas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario