Europa Press
A asociación animalista Libera! denunciou a existencia de "múltiples cazarías de raposos" na contorna de Santiago de Compostela e lembrou o importante papel que este animal ten nos ecosistemas.
Nun comunicado, Libera! criticou a continuidade das batidas contra esta especie "sen ningún tipo de aval ou xustificación científica" que as autorice o que, na súa opinión, "evidencia unha vez máis o interese escaso do Goberno galego polo equilibrio dos ecosistemas".
Os animalistas aseguran que as sociedades de caza están a anunciar batidas "coma se fosen partidas de mus", con "carteis en establecementos de restauración e varias datas dispoñibles para que calquera escopetero se apunte a matar raposos no propio bar que indica a cartelaría".
A asociación considera ademais que, tras o segundo falecemento dun cazador por disparos en menos de dous meses en Galicia, a Xunta "debe reforzar os controis aos cazadores" e lembrou que hai poucos días denunciouse "o posible consumo de bebidas alcohólicas" nunha batida en Carballeda de Avia (Ourense).
Ante estas cuestións, Libera! pide modificar a Lei de Caza para implementar controis psicotécnicos, de alcoholemia e estupefacientes regulares, así como unha maior sinalización de calquera actividade cinexética.
A Garda Civil de Ferrol intercepta 87 peles de raposo sen documento nunha furgoneta. GARDA CIVIL
Ningún comentario:
Publicar un comentario