Verín non se pecha é unha palabra de orde que recibe apoios dende toda a Galiza e de fóra dela, como demostran as imaxes que enchen as redes sociais con profesionais sanitarias da Mariña, do Salnés ou de Euskal Herría. Amosando que a loita das mulleres, crianzas e a comarca é unha loita que nos interpela a todas. Xa que logo, a Marcha Mundial das Mulleres achégase á xanela de opinión do Diario do Támega para berrar ben alto e claro que todas somos Verín.
Concentración ás portas do CHUO para esixir a reapertura do servizo do paridoiro e as urxencias pediáttricas.
MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES GALIZA
Pasou un mes dende o anuncio do peche do paritorio e as urxencias pediátricas do Hospital Comarcal de Verín por parte da Xunta de Galiza e as mobiliacións continúan na comarca e fóra dela. Onte mesmo concentrábase un grupo de persoas ás portas da Biblioteca pública de Ourense durante a súa inauguración por parte do presidente da Xunta e do Ministro de Cultura.
Verín non se pecha é unha palabra de orde que recibe apoios dende toda a Galiza e de fóra dela, como demostran as imaxes que enchen as redes sociais con profesionais sanitarias da Mariña, do Salnés ou de Euskal Herría. Amosando que a loita das mulleres, crianzas e a comarca é unha loita que nos interpela a todas.
Porque é unha loita pola vida
A reapertura do paritorio de Verín e das urxencias pediátricas é unha loita polo dereito á vida. A unha vida digna e libre fóra dos mandatos do sistema económico que nos despraza ás cidades e grandes núcleos eliminando servizos do rural. Quérennos nos centros capitalistas e para iso destrúen as condicións de vida e o benestar construído a base de loita social, como os hospitais comarcais na Galiza.
Gañar esta loita é responsabilidade de todas as persoas que defenden o dereito que temos a escoller onde vivimos e a que se garantan os nosos dereitos independentemente de cal sexa a nosa escolla.
Nunha provincia que bate records negativos en nacementos mas tamén en condicións dignas de vida (salarios, pensións, desenvolvemento económico) o dereito máis importante, o máis central e o que máis paga a pena defender é o dereito a vivir. E ese dereito a nacer inclúe vir a este mundo con garantías sanitarias mas tamén sociais de que esa chegada será o máis reconfortante e segura posíbel.
Ninguén ten dereito a arrebatarnos ese dereito, ninguén ten dereito a facernos chegar a este mundo nunha estrada, ou como unha urxencia, sen condicións adecuadas e lonxe da nosa xente. Nunca máis un bebé arrancado dos brazos dunha nai nada máis nacer.
Porque é unha loita polos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres
E como tal é fundamental explicar as veces que sexan necesarias que os dereitos sexuais e reprodutivos, o embarazo, o parto e o puerperio teñen profesionais que acompañan e garanten o mellor para nai e crianza, e que esas son as matronas.
E que as mulleres temos dereito a que os nosos dereitos e todo o proceso da maternidade sexa un proceso respeitado, e que a escolla dunha muller a ser nai ten que ter todas as garantías precisas para que só teña dúas protagonistas: nai e fillas. Que os dereitos das mulleres non poden moldearse a comodidade dos pediatras ou xinecólogos e que nengún protocolo nen excusa burocrática pode estar nunca por cima do vínculo entre a nai e a súa crianza.
Non hai peor política de natalidade que violentar ás mulleres colocándoas nunha situación de inseguridade en relación ao momento do parto ou culpabilizándoas por calquera das decisións que lexítimamente tomen.
Porque é unha loita contra a violencia obstétrica
O patriarcado e o capitalismo forman unha potente alianza contra as mulleres que ten na violencia obstétrica unha das máis invisibilizadas e silenciosas formas de agresión aos nosos dereitos. Un parto non respeitado é unha violencia desgarradora sobre a muller e a crianza nun momento de gran vulnerabilidade.
A infravaloración das mulleres para tomar decisións sobre o súa maternidade e o parto, o paternalismo médico e sanitario sobre estos procesos, a excesiva intervención médica nun proceso natural que debera estar ao servizo do benestar das mulleres, as malas praxes médicas e sanitarias que violentan ás mulleres, os ataques á lactancia materna e as dificuldades que se colocan sobre ela dende as insitucións sanitarias son expresións dunha violencia da que cómpre falar e denunciar e que no caso de Verín tivo a súa maior expresión na separación de Manuel e a súa nai uns minutos logo de nacer.
Porque é unha loita feminista
Feminista porque durante todo o proceso de peche do servizo de urxencias pediátricas e o paritorio de Verín as voces das mulleres foron apagadas e menosprezadas. O anuncio realizárono o xerente da EOXI Félix Rubial, o xefe de xinecoloxía do CHUO José Luis Doval e o xefe de servizo de pediatría do CHUO Santiago Fernández Cebrían. Os tres xustificaron o apoio á decisión da Xunta de Galiza ignorando a voz das Matronas, máximas autoridades sanitarias en relación co embarazo, parto, puerperio e a saúde sexual e reprodutiva das mulleres.
Todas as súas voces profesionais foron ignoradas en favor de decisións tomadas por direccións masculinizadas nun exercicio de clasismo e machismo intolerábel.
É unha loita de todas
Por estas razóns, e por moitas outras, a loita das mulleres, crianzas e veciñas de Verín é unha loita de todo o movemento feminista galego.
Un movemento feminista que se mobilizou durante este mes e que o seguirá facendo ate que se devolvan os dereitos roubados das mulleres de Verín.
Un feminismo sororo e forte na súa diversidade que escolleu levar a mobilización nacional unitaria do 8M de 2020 a esta comarca para decirlles as nais e mulleres de Verín que non estan soas.
Porque todas somos Verín.
Ningún comentario:
Publicar un comentario