Os xefes de Servizo son a primeira barreira da defensa do sistema, e foron o albo da nova Xunta de Feijóo.
O Goberno de Alberto Núñez Feijóo comezou a aplicar en maio do 2009, nada máis chegar ao poder, unha calculada estratexia de eliminación dos profesionais sanitarios que non comulgaban cos seus plans de recortes e privatizacións na sanidade pública, para situar nos postos de mando intermedio dos hospitais galegos a médicos próximos ao ideario do Partido Popular.
Así se desprende da análise das numerosas sentenzas xudiciais que nos últimos anos teñen descalificada a actuación da Xunta, ao considerar probado que a administración sanitaria incorreu en cesamentos ilegais, manipulou oposicións e iniciou campañas de desprestixio contra os facultativos que ocupaban xefaturas de Servizo, para eliminar así obstáculos ás súas políticas.
Feijóo iniciou a súa carreira política nos anos noventa como Secretario Xeral da Consellaría de Sanidade de José Manuel Romay e baixo a presidencia de Manuel Fraga. Xusto despois de que o Estado transferira a Galiza as competencias en materia de sanidade, e de que Fraga e Romay empezaran a fichar noutras comunidades a médicos de prestixio, co encargo de aplicaren en Galiza os programas específicos, especialmente os de transplante de órganos, que xa empezaban a funcionar noutras autonomías.
Ningún deles foi contratado pola súa adscrición política, senón pola súa experiencia e capacidade. E Galicia chegou a estar á cabeza do Estado en moitas desas especialidades. Pero cando Feijóo tomou o poder, tras o seu paso pola presidencia do Instituto Nacional de la Salud en Madrid, a idea xa non era desenvolver o sistema público, senón laminalo en beneficio dos hospitais privados.
No último ano de Goberno do bipartito PSOE-BNG, o presuposto da sanidade galega era de 3.766 millóns de euros, que Feijóo reduciu a 3728 millóns no 2010. O ano pasado, o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) contaba con 3.588 millóns de euros. Nese tempo, segundo datos da Asociación de Hospitales de Galiza (AHOSGAL), a participación dos centros privados no sistema foi crecendo até concentrar o 25 % de toda atención sanitaria na comunidade.
Era previsible que o proceso contara coa oposición de moitos dos médicos que tiñan que aplicala. Especialmente dos xefes de Servizo. Así o defende Pedro Soler Bordoy, delegado en Galiza da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM): “As xefaturas de Servizo son postos técnicos, non políticos. Pero desde eles se aplican as políticas sanitarias. Os xefes de Servizo son a primeira barreira da defensa do sistema. Os que teñen que defender a calidade asistencial, os que exixen ou non ás xerencias que proporcionen medios, os que se pelexan por ter máis persoal e mellorar as condicións de traballo e atención aos pacientes, os que traballan por solucionar os problemas que detectan os médicos e os enfermos… A súa influencia é decisiva”, di.
“Feijóo non cre na administración pública, pensa que o privado funciona mellor”, indica Pedro Soler, de ‘Batas Blancas’.
Soler, un dos fundadores de Batas Blancas, e un dos mellores expoñentes dese grupo de médicos que contribuíron a poñer en marcha o sistema sanitario galego a mediados dos noventa. É mallorquino e chegou con 18 anos a Compostela para estudar Medicina. Especializouse en xestión e administración hospitalaria e foi xerente de Atención Primaria en Mallorca e xerente dos hospitais de Burgos, Pontevedra, Ourense e o Salnés, e tamén director médico no antigo Juan Canalejo da Coruña. “Feijóo non cre na administración pública, pensa que o privado funciona mellor”, engade.
Soler coñece ben o caso do hospital de Pontevedra, o primeiro no que Xunta empezou a aplicar a nova política sanitaria para reorganizar as xefaturas de Servizo. Para facelo, Feijóo nomeou xerente a José Manuel González Álvarez, o último conselleiro de Sanidade de Fraga e autor dun decreto do ano 2005, promulgado co Goberno da Xunta en funcións, que precisamente prevía que a partir do 2008 se cambiaría o sistema de nomeamento de xefes de Servizo, flexibilizándoo en favor da discrecionalidade das xerencias hospitalarias.
O primeiro en caer en Pontevedra foi o doutor Víctor Pedreira, xefe de Psiquiatría do centro e quen viña sendo subdirector xeral de Saúde e Drogas co bipartito presidido por Emilio Pérez Touriño. Pedreira, que exercía a Xefatura desde o ano 1982, foi cesado o mesmo día en que deixou o seu cargo na Xunta. Despois lle tocou a Enrique Vázquez Astray, xefe de Dixestivo. E poucos días despois, a Enrique Temes Montes, xefe do Servizo de Neumoloxía. Todos foron remprazados por compañeiros afíns ao PP e ás políticas de recortes e privatizacións que Feijóo quería impulsar.
Para consolidar a purga e facela definitiva, garantindo aos seus substitutos que non correrían perigo nun cambio de Goberno futuro, o SERGAS necesitaba asegurarlles que os seus postos, que ocupaban transitoriamente a dedo, serían vitalicios. Así que convocou concurso-oposición para cubrilos. Os médicos purgados concorreron a ese procedemento, pero para evitar que gañaran unha praza que calquera tribunal imparcial lles adxudicaría tendo en conta que tiñan moita máis experiencia e méritos, e probablemente, tamén capacidade, que os favoritos da Xunta, o ex conselleiro González amañou os tribunais, modificou baremos e falseou os procesos.
Así o teñen confirmado os xuíces. Tanto Vázquez Astray como Temes e Pedreira recorreron as decisións dos tribunais que lles fixeran perder as súas prazas polas oposicións apañadas por González. E todos gañaron en primeira instancia e nos recursos posteriores.
Mala fe
En outubro do 2012, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) corroborou unha sentenza do xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra que consideraba que o cese de Vázquez Astray non foi motivado con argumento algún que o xustificara, e que o SERGAS actuara con evidente “mala fe” cando lle negou a documentación sobre a oposición que solicitara para poder preparala.
Menos dun ano despois, en setembro do 2013, o TSXG anulou a oposición que entregara a Xefatura do Servizo de Neumoloxía co CHOP, a que ocupaba Enrique Temes, ao doutor Antonio Pena. No seu caso, o TSXG tamén validou o fallo do xulgado do Contencioso Número 1, que apreciou que o sistema de avaliación de méritos elaborado polo SERGAS estaba feito ad hoc para prexudicalo, minusvalorando a súa actividade docente e investigadora.
O ex-xefe de Psiquiatría, Víctor Pedreira, tardou moito máis en ver restituído o seu prestixio profesional. Non foi até outubro do 2017 que o TSXG anulou o procedemento de cobertura da súa praza, que pretendía arrebatarlle de maneira definitiva entregándoa a Isauro Gómez Tato. O xulgado do Contencioso Número 2 xa considerara ilegal en 2016 a convocatoria do concurso. E a confirmación do TSXG desestimando o recurso do SERGAS constitúe, seguramente, a sentenza máis dura das tres.
Tanto Vázquez Astray como Temes e Pedreira recorreron as decisións dos tribunais que lles fixeran perder as súas prazas polas oposicións apañadas por González. E todos gañaron en primeira instancia e nos recursos posteriores.
Os xuíces consideran probado que o SERGAS actuou expresamente co obxectivo de evitar que Pedreira recuperara o seu posto, incorrendo nun grave “desvío de poder” para lograr que Gómez Tato, “máis afín” (sic) ao PP, quedara de por vida coa Xefatura de Psiquiatría. Pero a pesar de que xa pasaron máis de oito meses desde que o TSXG ordenou anular a oposición e repoñer a Pedreira no seu cargo, o SERGAS segue sen executar a sentenza.
Dicimos que o hospital de Pontevedra foi o campo de probas da política sanitaria do PP aplicada aos xefes de Servizo. Pero as mesmas prácticas se moveron pronto a outros hospitais, ou mesmo simultaneamente. O primeiro foi no departamento de Ciruxía Dixestiva do Clínico de Santiago, onde o médico cordobés Evaristo Varo, un dos profesionais do Estado con máis prestixio internacional nese campo, levaba dúas décadas desenvolvendo o programa de transplante hepático que lle encargaran aplicar Manuel Fraga e Romay Beccaría.
Dependencias do Hospital de Compostela.
Varo foi cesado en maio do 2011 cando o SERGAS o substituíu por Manuel Bustamante, un dos médicos que traballaban con el e quen ostentaba, como mérito máis relevante, o de estar casado con Rocío Mosquera, daquela xerente do SERGAS e quen sería nomeada pouco despois por Feijóo conselleira de Sanidade.
Como nos casos anteriores, a Xunta convocou oposición para confirmar a Bustamante no posto. Varo recorreu o procedemento e gañou nos tribunais o que lle arrebataran nos despachos. O TSXG apreciou de novo “desviación de poder” na actuación do tribunal da oposición apañado polo Sergas, do que confirmou que non tiña outra intención que a de “postergar a un candidato e primar a outro”.
Como nos casos anteriores, a Xunta convocou oposición para confirmar a Bustamante no posto. Varo recorreu o procedemento e gañou nos tribunais o que lle arrebataran nos despachos. O TSXG apreciou de novo “desviación de poder” na actuación do tribunal da oposición apañado polo Sergas, do que confirmou que non tiña outra intención que a de “postergar a un candidato e primar a outro”.
O certo é que Varo era un médico incómodo para o PP. Foi un dos que denunciou a negativa do SERGAS a facilitar a medicación que precisaban varios pacientes enfermos de hepatite C, un caso polo que la Fiscalía acusa de homicidio imprudente dous altos cargos da Consellería de Sanidade xa que varios deses pacientes acabaron morrendo sen recibir o tratamento prescrito. O Sergas lle abriu expediente e lle fixo varias auditorías no seu departamento, que anuncio na prensa ao inicio pero que ocultou cando as pechou sen atopar irregularidade ningunha.
Desde hai mes e medio, Varo ocupa a presidencia de Batas Blancas. O seu antecesor, o médico valenciano José María Borro, quen tamén chegara a Galicia chamado por Fraga e Romay para pór en marcha o programa de transplante pulmonar en A Coruña e quen ocupaba desde entón a Xefatura do Servizo de Ciruxía Torácica no Complexo Hospitalario Universitario da cidade (CHUAC), tamén sufriu unha durísima persecución por discrepar publicamente coas privatizacións, os recortes e as prácticas médicas que proliferaban baixo o mandato de Feijóo.
No ano 2014, denunciou ante o Sergas que varios dos seus subordinados estaban empregando técnicas cirúrxicas perigosas con pacientes do servizo que dirixía. O SERGAS abriu unha investigación na que os instrutores concluíron que tres deses médicos estaban derivando a pacientes de cáncer de pulmón que acudían á sanidade pública a centros privados, onde empregaban con eles a mesma arriscada técnica, para cobrarlles pola intervención, a eles ou aos seus seguros.
A sanción para os infractores foi de tres meses de suspensión de emprego e salario. Para Borro: un expediente do Colexio de Médicos da Coruña que rematou cunha sanción de 2.000 euros con dous meses de suspensión de colexiación nos que non puido exercer. O motivo? A aparición na prensa da carta que Borro enviou aos seus superiores para denunciar o caso. El sempre negou que filtrara o documento, pero o Colexio de Médicos nin sequera citou á xornalista que a publicou nin ao seu medio para contrastalo.
Borro recorreu a sanción á Xustiza, e tamén gañou. Pero o desprestixio profesional e persoal que sufriu foi difícil de asumir. Como Varo, Temes, Vázquez Astray e Pedreira, tamén foi despoxado do seu posto de Xefe de Servizo. E no seu caso, ademais, da súa praza de profesor na Universidade da Coruña. Incluso foi acusado de un delito de atentado contra a honra por un dos médicos a quen denunciara, un caso do que foi absolto.
Borro desmontou unha por unha nos tribunais todas as falsedades que a Administración sanitaria verteu para xustificar a súa purga. Pero ninguén lle pediu perdón. Hai uns meses renunciou á presidencia de Batas Blancas e deixou Galicia, pero non a Medicina. Retornou a Valencia e segue a exercer alí a súa especialidade: salvar vidas.
A reiteración nos últimos anos de sentencias xudiciais firmes confirma que a Xunta de Feijóo executou unha purga en toda regra contras médicos incómodos para a súa estratexia de recortes e privatizacións na sanidade pública, decretando cesamentos ilegais, apañando oposicións e iniciando campañas de descrédito e difamación contra eles, ao obxecto de entregar os mandos intermedios dos hospitais galegos a facultativos próximos ao ideario do Partido Popular, dispostos a colaborar con esas políticas.
A reiteración nos últimos anos de sentencias xudiciais firmes confirma que a Xunta de Feijóo executou unha purga en toda regra contras médicos incómodos para a súa estratexia.
Pero se alguén pensa que os reveses xudiciais están servindo de algo, vai errado. A estratexia, que, en palabras de Pedro Soler, está conseguindo que os médicos novos que chegan aos hospitais galegos se decaten de que “a súas perspectivas de progreso e ascenso profesional non dependen da súa capacidade, da súa pericia ou do seu acerto ao atender aos usuarios, senón das súas vinculacións políticas e da súa disposición para acatar as decisións do poder”, non mudou. O último caso é o de Arturo Gómez Quintela, profesor da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago e, até hai uns meses, xefe do Servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Vén de ser cesado pola Xunta e substituído por outro médico de moita menos experiencia e prestixio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario