xoves, 16 de xaneiro de 2020

Sitios onde descargar gratis libros en galego (e portugués)

Resultado de imaxes para escritura manual galego
A práctica do mergullo é case inevitábel cando entras en moitas librarías e quioscos á procura de literatura en galego. Lánzaste de cheo e braceas entre bestsellers e semellantes, até chegares ao estante onde recoñeces a fisionomía dalgunha das nosas editoras favoritas. A heroicidade recoñecerancha definitivamente cando o que procures sexan libros en galego-portugués ou noutros portugueses.
Imaxina agora procurar esa literatura en galego en formato electrónico! Falamos dos famosos ebooks. Por poder, podes topar obras de Rosalía en mil sitios, mais… E se quixermos ir alén? A seguir ofrecémosvos 16 espazos básicos para encontrar literatura en galego en formato electrónico, e outros 17 extras, moitos deles con libros en portugués.
Hai máis extras que básicos? Caso instales o portugués entre as túas capacidades (ter témola, só que non nola activaron de serie), verás que resulta un “plugin” fundamental que amplía e moito as nosas opcións. Muito recomendável!
Coñeces máis sitios de interese ou encontraches algún erro? Non dubides en comunicárnolo vía email, maos@maos.gal, ou a través das nosas redes sociais. Obrigadas!

Básicos

  1. Galicia Le: Plataforma da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia onde solicitar o préstamo das principais novidades editoriais en galego. Ten unha limitación importante, débese instalar e configurar o programa Adobe Digital Editions (non compatíbel con dispositivos como Kindle), que protexe os libros (formato ePub). Tamén se poden ler en liña.
  2. eBook Dicoruna: Plataforma tecnolóxica da Deputación Provincial da Coruña onde solicitar o préstamos de máis de 460 libros en galego.
  3. Bivir (Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego): Recolle obras en formato PDF da literatura universal libres de dereitos traducidas ao galego e realizadas por membros da ATG (Asociación de Tradutores Galegos).
  4. Biblioteca Virtual Galega: Vella web cun bo arquivo que recolle fichas de autores/as da literatura galega así como obras completas ou anacos de obras, desde a época medieval á actualidade. Formato web.
  5. Biblioteca Virtual da Real Academia Galega: Pequena compilación de obras clásicas galegas. Formatos web e imaxe.
  6. Galiciana. Biblioteca de Galicia: Recolle a dixitalización de moitos dos fondos da Biblioteca de Galicia e doutras institucións (hai desde documentos históricos a obras completas). NOVIDADE: nova sección Clásicos da literatura galega. 16 obras clásicas gratis en ePub de: Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Marcial Valladares, Lamas Carvajal e Sofía Casanova.
  7. Palabras desconxeladas: Web que recolle traducións de clásicos franceses feitas por Henrique Harguindey Banet en formatos PDF, EPUB e MOBI.
  8. Poesía Galega: Base de datos e repositorio dixital de poesía galega. Pódese acceder en formato PDF a algunhas obras completas e a diversas publicacións.
  9. O lapis do taberneiro: “A colecçom literária mais libertina da Galiza” accesíbel e descargábel vía Calameo (leva sete números, con obras de Séchu Sende, Quico Cadaval, etc.).
  10. Axóuxere Editora: Poden descargarse todos os libros que editan en PDF.
  11. LG3 literatura: Aínda que moitas ligazóns fallan, pode accederse a algunhas obras completas en formatos web ou PDF.
  12. AELG (Asociación de escritoras e escritores en lingua galega): A AELG ofrece as súas publicacións e algúns libros en PDF.
  13. epubgalego: “iniciativa que trata de recoller nun único sitio web os libros electrónicos (en formato ePUB) escritos en galego que haxa espallados pola rede adiante“.
  14. PreLo. Préstamo de libros online. Plataforma de libros electrónicos académicos. Está limitada a quen dispoña dunha conta de correo electrónico da USC. Contén preto de 1094 exemplares, e irá incrementando pouco a pouco o número.
  15. Galegobook. Proxecto “sen ánimo de lucro que pretende ser un espazo onde publicar, compartir e conversar sobre un grande número de libros electrónicos que circulan pola rede sobre o galego (lingua, gramática, fonética, sociolingüística, manuais, terminoloxía…)“.
  16. Bubok. Nesta páxina de autopublicación podes encontrar ebooks en galego gratis.

Extras

  1. Dominio Público (Brasil): Máis de 2 mil obras de dominio público en formato PDF. De Dom Dinis a Kafka, Balzac ou Eça de Queirós.
  2. Biblioteca Digital Camões (Portugal): “Repositório da cultura em língua portuguesa, tendo como principal critério a publicação de obras integrais, para leitura gratuita, sem necessidade de registos ou subscrição”. Formato PDF.
  3. Europeana (Europa): En galego contén o mesmo que o Galiciana.
  4. Biblioteca Nacional Digital (Brasil): “870.821 documentos de livre acesso (e aumentando…)”.
  5. Biblioteca Digital da Biblioteca Nacional de Portugal (Portugal): “cerca de 25.000 documentos, a que correspondem mais de um milhão e meio de imagens”. Podes ler, por exemplo, obras de Pessoa coas notas manuscritas do autor.
  6. Project Gutemberg (Internacional): Con moi poucas obras en galego, si que conta cunha boa colección en portugués.
  7. epublibre: Recolle uns poucos títulos en galego.
  8. Google Books (Internacional): Todo o tipo de obras que poden ser previsualizadas ou consultadas en liña. Poden descargarse se non teñen dereitos de autor.
  9. Free-eBooks.net Português (Internacional): Todo o tipo de libros, de clásicos a actuais. Formatos gratis: PDF e TXT.
  10. Canal do ensino (Brasil): Millares de libros de diversas áreas do coñecemento e en diferentes formatos.
  11. Internet Archive (Internacional): Máis de 2 millóns de obras, entre elas algunhas en galego (como a revista “Gralha”).
  12. BORE (Brasil): Biblioteca Digital de Obras Raras, Especiais e Documentação Histórica Da Universidade de São Paulo, “constituída de material bibliográfico diversificado – livros, folhetos, revistas, jornais dentre outras tipologias cobrindo do século XV a XX“.
  13. Coleção Aplauso (Brasil):  “Neste site você encontra biografias de artistas, cineastas e dramaturgos além de roteiros de cinema, peças de teatro e a história de diversas emissoras de TV“.
  14. Luso Livros (Portugal): Colección de ebooks gratuitos só en português.
  15. Le Livros (Portugal):  “criado e mantido por um grupo de estudantes residentes em Portugal, visa democratizar o acesso a leitura gratuita, e não tem portanto quaisquer fins lucrativos“, contén algúns libros que non son de dominio público.
  16. Livraria Cultura (Brasil). Hai de todo nesta web, mais encontrarás máis de 10 mil ebooks para descarga gratuíta (é preciso rexistrarse).
  17. Projeto Adamastor (Portugal). Biblioteca dixital de obras literarias en dominio público: muitas obras clássicas portuguesas.
MAOS Innovación Social, S.Coop.Galega non se responsabiliza polo contido doutras webs cuxos enderezos estean dispoñíbeis nas nosas páxinas, ou das ligazóns que estean neles dispoñíbeis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario