xoves, 4 de febreiro de 2016

TELEVÉS e INDRA botan man da IoT para impulsar o seguimento ao paciente no SERGAS

http://codigocero.com/
A galega Televés e Indra desenvolveron para o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) un proxecto de seguimento do paciente que permite recoller todos os seus parámetros e coa vantaxe de facelo en tempo real e sen os aparellos tradicionais de recoñecemento. Logo, intégraos nas contornas de rexistro de enfermería e na historia clínica dixital. O proxecto SISENS, así se coñece a tecnoloxía pioneira de Televés e Indra, está xa en marcha no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Froito disto, gañou o premio (categoría de aplicación TIC) da Fundación Ad Qualitatem á mellor iniciativa de Calidade, Substentabilidade e Innovación no Sector Sociosanitario.
Para o impulso de SISENS financiouse a creación dunha tecnoloxía que consiste nun concentrador intelixente desenvolvido e fabricado por Televés conectado de continuo a Sofia2, solución de Indra do ámbito da Internet das Cousas (Internet of Things, IoT). Sofia2 fornece o alicerce integral, centralizador, para a recollida e avaliación de todos os datos captados dos pacientes. Os devanditos concentradores, informa Indra, son de miúdo tamaño e permiten colleitar e envorcar a información do estado clínico e evolución dos doentes a SOFIA2. Logo, a información intégrase na aplicación de coidados de enfermaría (Gacela) e na historia clínica dixital do SERGAS (Ianus). 
SISENS é un dos eixes do proxecto Hospitalización Innovadora, integrado en Hospital 2050, programa co-financiado ao 80% por fondos FEDER da Unión Europea. O sistema, mercado a Televés e Indra baixo a modalidade de Compra Pública Innovadora (CPI), “está a implantarse con éxito en distintas áreas do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO)”, lembran as devanditas empresas, que explican que esta posta en marcha abrangue as unidades de hospitalización, os boxes de críticos e a área de observación da unidade de urxencias. Tamén está prevista a súa implantación na área cirúrxica.

Funcionamento

Segundo informan Indra e Televés acerca do modus operandi da tecnoloxía, o receptor intelixente posto en xogo ao abeiro de SISENS capta os sinais (vía Bluetooth, Wi-Fi, radio frecuencia e radiodifusión dixital) dun conxunto de equipos ceibes de fíos, empregados para medir as constantes vitais do paciente ingresado, desde as básicas (tensión arterial, pulso, glicemia e temperatura), até as máis complexas (electrocardiograma, nivel de analxesia ou sedación, etc). “Todo isto”, engaden, “compleméntase con premedores de aviso sen fíos e sensores de caídas, así como de captación das variacións de presión do colchón, permitindo detectar se o paciente está axitado ou inmóbil demasiado tempo, co consecuente risco de formación de úlceras”. De xeito complementario, habilítase na habitación do doente un sensor ambiental central que avalía as condicións ambientais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario