David Lombao
http://praza.gal/
Baltar, nunha comparecencia ante os medios
Medra a presión xudicial sobre José Manuel Baltar. No mediodía do vindeiro 10 de marzo, cinco días despois de ser reelixido presidente no congreso do PP de Ourense, ao que concorre como único candidato, o tamén titular da Deputación ourensá terá que declarar como investigado por presuntos delitos de suborno e tráfico de influencias e, ademais, aclarar se a súa actitude cara á muller que o denunciou por ofrecerlle traballo a cambio de sexo puido implicar acoso.
Baltar terá que declarar como investigado por presuntos delitos de suborno e tráfico de influencias e, ademais, aclarar se a súa actitude puido implicar acoso sexual
A titular do xulgado de instrución número 3 de Ourense, Eva Armesto, vén de desestimar os recursos tanto de Baltar como da Fiscalía e rexeita, ademais, o adiamento da declaración solicitado polo político para viaxar coa súa familia a Eurodisney. Mantén, do mesmo xeito, a citación da denunciante en calidade de investigada, se ben agora tamén comparecerá como "prexudicada por un delito de acoso sexual", segundo confirma o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O xiro do caso cara ao presunto acoso baséase na aceptación por parte da xuíza dunha alegación presentada pola denunciante na que especifica que o seu vínculo con Baltar non era unicamente persoal, senón que derivaba do seu traballo nunha "oficina" do PP de Ourense. Deste xeito cabe a existencia dunha relación de superioridade por parte de Baltar, razoa, xa que o político era "o xefe da oficina, parlamentario galego e vicepresidente da Cámara" galega no momento dos supostos feitos.
A maxistrada rexeita os recursos do barón ourensán e da Fiscalía e mantén as citacións para o vindeiro 10 de marzo
Así as cousas, dúas horas despois de escoitar a declaración da denunciante a xuíza atenderá á de Baltar, a quen cuestionará por "uns feitos que se producen entre xaneiro de 2010 e finais de 2010", o que implica que a presunta "promesa" de emprego "se mantén durante o ano 2012", cando o investigado era xa presidente da Deputación. Neste sentido, a maxistrada volve subliñar que o feito de que a muller non chegase a lograr un posto de traballo non implica, necesariamente, que non existise un delito vinculado, por exemplo, á intención de alterar o resultado dun proceso selectivo da institución provincial.
"O feito de que no momento do acordo aínda non fose posible precisar en que consistía a acción ou omisión non impidevalorar como constitutivo de delito calquera acto que tendese a facilitar a obtención dun traballo", salienta a maxistrada. Entre os actos potencialmente delitivos, debulla, "incluíase omitir o cumprimento das súas obrigas como autoridade ou funcionario", advirte.
Como no inicio deste procedemento a xuíza lembra ademais que non desbota, cando menos de momento, agregar á investigación a "cualificación" do proceder de Baltar "como delito de tráfico de influencias". Isto débese, explica, a que no momento inicial da presunta promesa o barón ourensán era un cargo político, pero tamén fillo do presidente da Deputación, José Luis Baltar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario