venres, 26 de febreiro de 2016

O persoal sanitario volve pedir o rescate da concesión do novo hospital de Vigo

http://praza.gal/

Vista xeral do novo hospital de Vigo

A Asociación Galega de Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) únese á demanda realizada por 300 médicos do Hospital Álvaro Cunqueiro, que hai uns días demandaron a través dunha carta o rescate da concesión do novo hospital de Vigo e a recuperación do proxecto orixinal para superar os problemas que presentan as instalacións baixo o modelo público-privado. A reclamación foi xa respondida polo Sergas, que a cualificou de "inxusta" porque porque "non responde á realidade actual" e sinalou que "está fóra de contexto", argumentando que xa se crearon grupos de traballo que están buscando solucións ás actuais eivas do CHUVI.
Para a AGDSP os problemas son "estruturais", derivados da redución do proxecto e da súa privatización
A AGDSP alerta, con todo, de que "desde a apertura do hospital asistimos a un constante rosario de incidentes e deficiencias que afectan á calidade da atención e das instalacións, ao déficit de recursos, á organización e xestión do hospital ao ter que someterse a xerencia do Sergas aos ditados da da empresa privada concesionaria". Uns problemas (déficit de camas, problemas nas Unidades de Críticos e nas Urxencias, reducións de persoal, listas de espera) que, destaca, son "estruturais" e "derivados da redución do proxecto do hospital" e da súa "privatización para entregarllo aos intereses da empresa privada concesionaria".
Entre as principais eivas do CHUVI, sitúa o crecemento da lista de espera cuirúrxicaA AGDSP acusa o SERGAS de facer pública unha lista de 7.354 pacientes "cando en realidade son 20.356". Na Área Sanitaria de Vigo, segundo os calculos da entidade, e sumando as cifras de Povisa, habería "máis de 25.000 pacientes agardando unha intervención cuirúrxica".
A pasada semana AGE esixiulle á Xunta o rescate do Álvaro Cunqueiro, unha operación que tería un custe de algo máis de 69 millóns de euros pero suporía un aforro para as arcas públicas galegas de máis de 1.400 millóns. A formación citaba as contas Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo SA (SCNHVSA), que amosan que o capital da empresa máis as achegas extraordinarias realizadas polos socios participantes para respectar o coeficiente de solvencia esixido no contrato concesional sumarían esa cantidade de 69,5 millóns, a necesaria para facerse coa propiedade do hospital. 
A pasada semana AGE esixiulle á Xunta o rescate do Álvaro Cunqueiro, unha operación que tería un custe de algo máis de 69 millóns de euros pero suporía un aforro para as arcas públicas galegas de máis de 1.400 millóns
Neste 2016 (antes do mes de setembro) a Comisión Europea estudará a denuncia presentada pola AGDSP por posibles ilegalidades na adxudicación do Novo Hospital de Vigo pola Xunta de Galicia empregando a fórmula de financiamento público-privado. Hai uns meses José Emilio Santiago (AGDSP) destacaba en conversa con Praza que "se se abre un procedemento de infracción, temos as bases postas para esixir a reparación da legalidade e para proceder a un rescate da concesión" e que "o mellor que podería facer a Xunta sería rescatar o hospital para o sistema sanitario público, que non sería tan caro, pois a maior parte do financiamento é público". 
O proxecto inicial do hospital procede da época de do goberno de coalición entre PSdeG e BNG na Xunta de Galicia; o modelo escollido foi o contrato de obra pública coa fórmula de colaboración entre Autoridades Públicas e financiamento tamén público. Foi o novo goberno de Núñez Feijóo quen mudou o proxecto orixinario. O resultado de utilizar o recurso ao sector privado, engadía a AGDSP, "foi un incremento do custo total do hospital de 450 a 1.400 millóns de euros".
Profesionais do novo hospital de Vigo

Ningún comentario:

Publicar un comentario