David Lombao
http://praza.gal/
Vista aérea da factoría de ENCE
Rajoy xa é "persoa non grata" na que sempre considerou a súa cidade. O persoal do Concello de Pontevedra viuse desbordado nos últimos días polo aluvión de solicitudes para cubrir a sesión ordinaria do seu pleno municipal, que este luns se celebrou, como é habitual, no escenario do Teatro Principal para permitir un maior acceso da cidadanía. Nesta ocasión a expectación multiplicouse porque sobre a mesa estaba a reprobación do presidente do Goberno de España en funcións, finalmente apoiada polo grupo de goberno, do BNG, aínda que cunha cautela por parte do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores: que a declaración non "distraia" do fondo da cuestión: a blindaxe da fábrica de celulosa ENCE para permanecer onde está, na beira da ría, ata 2073.
Porque esa, e non outra, é a orixe da declaración, promovida polos grupos municipais de PSdeG e Marea, apoiada tamén polo Bloque e rexeitada polo PP e Ciudadanos, así como por un grupo de cargos e simpatizantes conservadores que, tanto no interior como no exterior do recinto, portaban pequenos cartaces coa lenda "Rajoy, persona muy grata" ou "Pontevedra es tolerante", ao carón de repretantes do persoal da factoría, que tamén se manifestaban contra o goberno local. Esas protestas subiron de ton cando o voceiro socialista, Agustín Fernández, comezou a defensa da reprobación. Daquela comezáronlle a chover apupos e insultos por parte dos representantes do PP e do persoal de ENCE, ata o punto que o alcalde se viu obrigado a suspender temporalmente a sesión por dúas ocasións. "Non é a primeira vez que este pleno é secuestrado por unha empresa privada", lamentou Lores en referencia a ENCE: "Que quede claro, non van conseguir que calemos", advertiu.
Faixa pendurada da fachada do Concello
O rexedor considera que Rajoy "merece" a reprobación pero lamenta que moitos focos mediáticos se pousasen sobre a cidade agora e non hai un mes, cando o Goberno de España en funcións confirmaba o que moitos na cidade temían: que ante unha eventual despedida do poder, os populares deixarían asegurada a permanencia da pasteira na parroquia de Lourizán, en plena ría, durante case seis décadas máis. Por este motivo, di o socialista Fernández, "Rajoy merece sentir vergoña cada vez que veña por aquí e vexa as chemineas" de ENCE. "O fume de ENCE -agregou Luís Rei, de Marea Pontevedra- seguirá castigándonos durante 60 anos" e por iso o líder popular "gañou a pulso o noso repudio", afirma.
O PP, que abandonou o pleno antes da votación, cre que a moción supón "cuspir" sobre Pontevedra
A reprobación foi rexeitada con dureza polo voceiro do PP, Jacobo Moreira, quen censurou que Lores, ao autorizar o debate da reprobación, provocase que o pleno "pierda el tiempo con semejante tontería".Pontevedra, di o edil, sempre foi "ejemplo de concordia, respeto, pluralidad y civismo" e aprobar esta iniciativa é tanto como "escupir sobre la Pontevedra de Valle Inclán y Castelao". Ao apoiar a proposta de PSdeG e Marea, censura, o goberno local "mancha" a cidade a través do que considera unha "maniobra orquestada" por "los señores del PSOE y Podemos en Madrid". Antes da votación, os edís do PP abandonaron a sesión a xeito de protesta.
"Do que se trata é de que Rajoy condenou a ría 60 anos máis"
Aintervención de Moreira foi retrucada pola edil Carme da Silva (BNG), quen coida que o PP debera sentir "vergoña" de apelar a Castelao ou Bóveda, perseguidos polo franquismo, para xustificar unha industria instalada, precisamente, pola ditadura. "Do que se trata -subliña a edil- é que o señor Rajoy condenou a ría de Pontevedra avalando a decisión do ministerio a 60 anos máis" de ENCE na ría. O propio PP, subliña, está a admitir que esta foi unha "decisión política" que é "un problema" non só para Pontevedra, senón tamén "para toda Galiza", e da que deberían "avergoñarse".
Manifestación contra a prórroga
A prórroga de ENCE foi autorizada polo Ministerio de Agricultura a finais de xaneiro e rexeitada poucos días despois nas rúas de Pontevedra por milleiros de persoas que censuraban a "herdanza" envelenada do seu "veciño" Rajoy. Con esta decisión, contra a que o goberno local xa litiga, o Goberno do PP eterniza unha factoría plantada na ría en pleno franquismo -comezou a funcionar en 1958 e o ditador inaugurouna oficialmente en 1963- e cuxo traslado chegou a figurar no programa electoral de Alberto Núñez Feijóoen 2009 e 2012.
A xuízo do alcalde, o que pesou finalmente na decisión non foron criterios ambientais, nin sequera o mantemento dos ao redor de 300 postos traballo que xera a fábrica -reivindicados durante o pleno ao berro de "ENCE si, paro non", senón a abundacia de vínculos entre o PP e o consello de administración de ENCE.Nel senta unha exministra, Isabel Tocino, e un exconselleiro, Carlos del Álamo, ambos con responsabilidades de Medio Ambiente con Aznar e Fraga, respectivamente.
Simpatizantes do PP, durante o pleno
Ningún comentario:
Publicar un comentario