venres, 1 de novembro de 2019

Conas insubmisas e sheelas



Andaina

A Asociación Española de Avogados Cristiáns afirma que moitas cousas feren os sentimentos relixiosos (da súa relixión).
Estes avogados cristiáns vense na obriga de elevar os seus sentimentos a rango de lei. Se eles se senten feridos, a sociedade ten que castigar as persoas autoras desas mancaduras espirituais que eles, ou os seus seguidores, padecen.
Unha das últimas cousas nas que meteron as mans e saltou aos medios de comunicación foi a denuncia que interpuxeron contra unhas feministas sevillanas que ían en procesión coa imaxe do «Coño insumiso», unha grande vulva de látex sobre unha peaña con invocacións, solicitudes e súplicas de claro carácter feminista.
A fiscalía, que participou en sensibilidades semellantes,  admitiuna a trámite e houbo xuízo.
Logo de celebrado o xuízo foron absoltas. Menos mal! Aínda así estes avogados dixeron que recorrerán a sentenza e apelarán a instancias superiores. Élles inadmisible que a xustiza non comungue con eles, co seu pensar, co seu sentir, co desagrado e repulsa que lles produce unha vulva de enorme tamaño procesionando polas rúas sevillanas e mesmo facendo paradas diante de igrexas de renome e sona.
As Sheela na Gigs (ou Sheela-na-Gigs) son tallas figurativas de mulleres desnudas mostrando unha vulva esaxerada. Atópanse en igrexas, castelos e outras edificacións, especialmente en Irlanda e no Reino Unido. Esta está en Llandrindod, no Wells Museum.
Mágoa que teñan pouco coñecemento de multitude de canzorros das igrexas románicas nas que se representa a homes e mulleres espidas amosando os seus sexos con total impudicia.
Elas amosaban a vulva. Quizais xa antecedentes do coño insubmiso?
En diversos lugares das Illas Británicas atopáronse figuras femininas singulares que pasaron a chamar Sheela-Na-Gig. Elas, gravadas na pedra, amosan unhas vulvas enormes, desproporcionadas ao corpo, con total descaro e desvergoña.
O primeiro investigador que ousou debuxalas e amosalas ao publico foi Wright en 1865, en pleno puritanismo.
Aquí, en Galiza asomou unha sheela na comarca betanceira.  A figura de muller do petróglifo da Pena Furada (Figueiras, Santa Mariña de Lesa, Coirós, A Coruña) que deu para voltar pensar que significado podía ter. Ela, igual que as figuras concomitantes en canzorros de igrexas románicas.
A sheela de Monte Furado (Coirós).
Xa, xa sabemos que a primeira interpretación é a crítica da luxuria, das mulleres que perden os homes co seu sexo, das que arrastran os probes adáns á perdición. A luxuria e a concupiscencia foron sempre unha preocupación obsesiva da igrexa.
Pero non. As investigacións máis sólidas e ben fundamentadas veñen dicir outras cousas. Así Bárbara FreitagFernando Alonso Romero ou Milagros Torrado Cespón. Trátase de representacións de símbolos sexuais contra os encantamentos, contra o mal de ollo, a prol da fertilidade. Divinidades. Esta personalidade dobre de muller xove ou vella, con poderes sobre a natureza e para transformarse é propia dunha divinidade céltica con poderes para crear e destruír.
Freitag (2004) di que o vocablo gig significa vulva, porén tamén prostituta. Non é marabilloso?
A gran maioría están en igrexas rurais e non se lles prestou moita atencíón. Puro puritanismo! Mesmo  destruíronse boa parte delas. A igrexa fixo todo o posible por facelas desaparecer.
A famosa sheela na gig de Kilpeck (Inglaterra).
Pode que a esta asociación de avogados cristiáns cunha sensibilidades tan a flor de pel en nestas cuestións estea a pasarlles  o mesmo. Como non poden silencialas, ocultalas, agochalas, pretenden destruílas levándoas aos tribunais. Que de malo ten amosar unha enorme vulva e paseala en procesión invocando poderes? Poderes para que o  aborto sexa un dereito, poderes para que o exministro Gallardón caese e o seu proxecto con el, poderes para que as mulleres reclamen e reivindiquen a vulva como orixe da vida e do pracer, poderes para que estes enfermizos puritanos entendan que a súa relixión non pode fundar leis nunha sociedade aberta e plural. Poderes tamén para que a endiañada xudicatura que nos domina non nos bote o mal de ollo.
A chinchar, amigos, e que o poder do petróglifo de Pena Furada do concello de Coirós da bisbarra betanceira coa súa enorme vulva se vos veña enriba coma o coño insumiso.
Como dicimos por aquí: non queres unha cunca de caldo? Pois toma sete!

Ningún comentario:

Publicar un comentario