MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
Escoito nun bar a un señora que di que prefire vivir nunha cidade sen luces de Nadal e que non teña xente durmindo nas súas rúas. A compañía eléctrica maioritaria na cidade de Vigo recoñecía o pasado ano que tiña 18.454 contratos vixentes de bono social eléctrico, o que significa que en Vigo existe unha considerábel taxa de “pobreza enerxética”. Con esta realidade certa, o Concello da cidade atlántica inviste este ano en iluminación natalicia 1,1 millóns de euros e pendura no ar 10 millóns de luceciñas electroluminiscentes. E a min xórdeme, de inmediato, un interrogante. Como di o profesor Arcos Ramírez, ¿acaso a pobreza —todo tipo de pobreza, digo eu— non debería ocupar un espazo prioritario no noso ámbito de incumbencia moral e política?
Entre tanto balbordo de luces de Natal e de regueifas baronís entre afervoados alcaldes aquí e agora, emerxe —a limpar tanta obscenidade fosforescente— a voz da organización Consumidores en Acción (FACUA), que pide aos alcaldes en disputa dialéctica que compitan en solidariedade e calidade dos seus servizos públicos no canto de se medir os seus empolados egos —dicimos nós— en luces natalinas. ¿Quen pon máis “bombillas”? ¿Quen ofrece máis pan e circo?
Como advirte expresamente FACUA, con 3 millóns de euros págase a factura eléctrica mensual de 43.000 familias, e se os alcaldes queren competir en “espírito de Nadal” ben podían reparar na atención á xente que precisa axudas sociais para alimentarse e pagar a luz, sen nos esquecer das persoas sen teito, que nestas datas de “natividade” corren serio risco vital polas temperaturas extremas que se producen na época.
¿Saben os alcaldes cheos de luces que o chamado Papá Noel ou Santa Claus, deseñado pola Coca-Cola Company, pasou a ocupar a imaxe de Nicolás de Bari, un bispo católico de carne e óso do século III, que tiña por norte axudar os nenos pobres? ¿Terán lido os alcaldes lumínicos o conto de Charles Dickens titulado “Conto de Nadal”, publicado cinco anos antes do Manifesto Comunista e do cal dixo Karl Marx que proclamaba as verdades máis crúas sobre a política e a sociedade que nunca antes foran ditas pola caste política profesional? Por certo, máis de douscentos anos despois do nacemento de Charles Dickens a pobreza e a desigualdade seguen vixentes na “democrática” sociedade actual.
O certo é que as luces compulsivas do Nadal dos alcaldes non conseguen borrar a sombra contumaz e ferreña da pobreza. A “política espectáculo”, dirixida por certas elites gobernantes coa axuda de certos medios de comunicación, prefire manter lonxe, invisibilizados, os rostros da pobreza. E as luces dos alcaldes serven para crear un espazo cego que permite ignorar, silenciar ou negar os dereitos republicanos e de “sentido común” dos pobres que nin a natureza nin os deuses puxeron diante dos nosos ollos, porque son creación humana para maior vergoña da democracia e da humanidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario