José Mansilla en Compostela [Imaxe: Riobó Prada]
José Mansilla é antropólogo urbano e membro do Observatori d’Antropologia del Conflicte Urbà (OACU) e do Grup de Recerca sobre Exclusió i Controls Socials (GRECS) da Universitat de Barcelona (UB). Pasou por Compostela para falar nas 'Jornadas Libertárias' da influencia das prácticas turísticas nas cidades, un dos temas que máis caracterizan a súa traxectoria como investigador e docente.
A. ESCUREDO
Falamos de impacto turístico desde o barrio compostelán de San Pedro entre veciñas, veciños e turistas. Este investigador sevillano con base en Catalunya ten traballado en profundidade casos como o de Barcelona que están a provocar serios problemas de convivencia entre habitantes e visitantes. A súa voz é crítica co modelo que desenvolve o turismo que expulsa fóra á cidadanía de toda a vida para facilitar o desenvolvemento de empresas que obteñen grandes beneficios neste sector.
O turismo crea emprego?
É un mito. O turismo é como unha industria sen chemineas. É un instrumento económico para acadar un determinado crecemento mais ten unha serie de impactos a todos os niveis. A nivel laboral os salarios son moito máis baixos en relación a outros sectores. É lóxico pola capacidade que ten o turismo de redistribuír recursos mais a través da imposibilidade que teñen as traballadoras e traballadores de asociarse e pedir melloras. Por iso a industria sempre ten uns salarios mellores.
A nivel laboral os salarios son moito máis baixos en relación a outros sectores
O turismo é unha industria fragmentada, xera riqueza mais non a distribúe. A parte maior pode estar en estabelecementos hostaleiros grandes mais nos pequenos non. Hai que sumarlle a utilización de persoal en prácticas e como resultado o traballo é precario, de tempada e cun salario non moi concreto.
Que perigos corren as cidades que apostan no turismo?
Temos como exemplo o que está a acontecer a Compostela. As cidades convértense en museos e os seus centros históricos en parques temáticos. Como dicía un profesor meu 'non hai nada que se pareza máis ao centro dunha cidade europea que outro centro dunha cidade europea'.
Compostela vai cara a ese modelo?
Aquí, malia o camiño e a catedral, a paisaxe non deixa de homoxeneizarse, perde a súa identidade. O visitante tende a buscar os mesmos produtos do seu lugar de orixe. Ademais, ao ser un espazo de concentración flotante, desde os sectores produtivos da zona pasa a ofertarse aquilo que se consume de xeito masivo. Se non hai control convertes o centro da cidade nun grande resort: sector hostaleiro potente e apartamentos regulados ou sen regular que provocan o desprazamento da poboación. As vivendas non poden ser ocupadas por familias que até comezan a carecer de recursos no entorno. É un fenómeno complexo que sucede cando as economías non están abondo diversificadas.
E a poboación?
O comercio do turista non é o do habitante tradicional. Ofertan produtos moi concretos de consumo rápido. Un impacto máis, pouco coñecido e estudade, é o ecolóxico. Se vas a unha froitería e mercas froita lévala a casa. Se es un turista a oferta é individualizada, en contedor de plástico para consumir de xeito individual.
As cidades convértense en museos e os seus centros históricos en parques temáticos
Un dato, o consumo de auga dun turista é de entre catro a oito veces máis elevado que a dun habitante normal. Hai presión cara á poboación habitual que reduce a súa facilidade de acceso aos produtos diarios de consumo.
Que outras mudanzas crea este modelo?
As de uso do espazo urbano. A veciñanza emprega o espazo urbano para sociabilizar, é o seu punto de encontro. Coa turistificación isto desaparece, mercantilízase en forma de terrazas, zonas para vehículos individuais, sitios de consumo que compiten co uso social.
Se ten eses aspectos negativos aos que se refire vostede, cal é a razón de que institucións como concellos ou a propia Xunta aposten tan forte á carta do turismo?
Nos último 40 anos as Administracións locais que se dedicaban á xestión pasaron a fomentar o emprendemento. A cidade pasa ser un ámbito para facer negocio. O turismo ten a facilidade de que permite, con poucos recursos e inversión, obter un resultado moito máis factíbel e moito máis barato que noutro tipo de economía como pode ser a industrial. A entrada do Estado español na UE fomentou ser territorio de servizos e un grande mercado inmobiliario. E o inmobiliario e o turístico van relacionados. As cidades pasan a ser lugares onde se buscan oportunidades de negocio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario