domingo, 24 de novembro de 2019

O cativo uso do galego en Internet e nas redes sociais, un freo para a normalización da lingua


CC-BY-SA verkeorg

Enquisa Estrutural de Fogares sobre o coñecemento e uso do galego publicada hai tres semanas polo IGE amosou un freo ao descenso de falantes que se viña producindo nas últimas décadas, e mesmo un pequeno ascenso no número de persoas que afirman falar "só en galego" ou "máis en galego que en castelán". A enquisa mesmo reflectiu un incremento na porcentaxe de galegofalantes entre as xeracións máis novas.
O 69,47% das persoas entrevistadas afirmaron que navegan por Internet exclusivamente en castelán e outro 25,46% sinalou que o fai máis en castelán que en galego
Porén, entre as malas novas que deixou este estudo estaba todo o referido ao uso das redes e a tecnoloxía, en concreto á navegación por Internet e ao uso das redes sociais, campos nos que o uso do galego é moi reducido e que conforman un campo de batalla fundamental para a normalización da lingua. O 69,47% das persoas entrevistadas afirmaron que navegan por Internet exclusivamente en castelán e outro 25,46% sinalou que o fai máis en castelán que en galego. Entre a cativa porcentaxe restante, apenas un 5%, un 3,78% dixo navegar "máis en galego que en castelán" e un 1,29% afirmou facelo só en galego.
Cómpre sinalar, no entanto, que estas cifras son lixeiramente mellores que as da enquisa anterior, correspondente ao ano 2013, cando as porcentaxe de uso do galego nas redes eran aínda máis pequenas.

Redes sociais

Máis da metade dos galegos e galegas que empregan as redes sociais escriben en castelán "sempre" e outro 21% faino "máis en castelán"
Tan preocupantes ou máis, se cadra, son os datos correspondentes á lingua empregada nas redes sociais, onde o idioma da conversa é fixado por cada persoa e non dos contidos elaborados de antemán. Máis da metade dos galegos e galegas que empregan as redes sociais escriben en castelán "sempre" e outro 21% faino "máis en castelán". Aquelas persoas que usan o galego en exclusiva ou de forma maioritaria representan entre o 25% e o 30%.
Neste caso non hai grandes diferenzas en función da idade dos internautas. A xeración entre 30 e 40 anos semella ser a que emprega o galego con máis frecuencia, sumando case un 28% de persoas que interactúan maioritariamente na lingua propia do país, pero nos restantes grupos de idade as cifras son moi semellantes.
As persoas que falan habitualmente en castelán manteñen este uso nas redes sociais. Pola contra, aquelas que falan en galego cambian moitas veces de lingua
Un dato importante á hora de analizar os datos de emprego da lingua nas redes sociais é observar as diferenzas existentes entre as persoas galegofalantes e as castelanfalantes. Esencialmente, segundo o IGE, as persoas que falan habitualmente en castelán manteñen este uso nas redes sociais e, pola contra, aquelas que falan en galego cambian moitas veces de lingua cando están interactuando nestes espazos. 
O uso do castelán entre as persoas castelanfalantes é case unánime. Mentres, entre aquelas persoas que din falar en galego todo o tempo, hai un 30% que cando están na rede empregan unicamente ou maioritariamente o castelán. De igual xeito, entre aquelas que din falar "máis en galego que en castelán" un 56% usan máis o castelán cando escriben nas redes sociais.
En realidade, os datos de uso da lingua galega son moi negativos no conxunto dos medios de comunicación. A pesar de que máis da metade da audiencia dos medios de comunicación desexa máis contidos en galego, a realidade é que son pequenas as porcentaxes de persoas que ven a televisión, escoitan a radio ou len a prensa en galego, en boa medida polo escaso número de opcións nesta lingua, fronte a un dominio esmagador dos contidos en castelán. E sucede o mesmo coa lectura de libros.
Son moi pequenas as porcentaxes de persoas que ven a televisión, escoitan a radio ou len a prensa en galego
Aquí, a diferenza do que sucedía coa navegación en Internet, varios dos indicadores están a experimentar un comportamento á baixa. É o caso da televisión e da radio, campos nos que a proporción de persoas que din consumir este medio de comunicación "só en galego" ou "máis en galego que en castelán" descendeu nos últimos cinco anos. En cambio, a porcentaxe de persoas que din ler a prensa ou ler libros en galego, de forma exclusiva ou maioritaria, creceu dende o 2013. Con todo, as cifras resultantes seguen a ser moi cativas, entre o 4% e o 5%.

Ningún comentario:

Publicar un comentario