xoves, 21 de novembro de 2019

Nacionalismo galego, unha reinvención constante

O nacionalismo galego nunca tivo o peso específico que si teñen o catalán e o vasco. Mais nas últimas eleccións xerais do 10 de novembro voltou entrar no Congreso após perder a representación nas do ano 2015. Na Asemblea Nacional do BNG de Amio en xaneiro de 2012, case trinta anos despois da fundación desta fronte, as “correntes internas” disconformes co estado das cousas, decidiron separarse e ir cada unha polo seu camiño.

Día da Patria Galega

RAMÓN FERNÁNDEZ

A historia recente do nacionalismo en Galiza é un baile de encontros e desencontros. Os membros do Partido Galeguista no exterior sentían que perdían forza no país. Vían que o ideario marxista, sobre todo unha visión anticolonialista, prendera dentro de parte da mocidade universitaria a finais do 60 do século XX. Nacen o Partido Socialista Galego (PSG) e a Unión do Povo Galego (UPG). Este último partido impusa a Asemblea Nacional-Popular Galega e logo, en 1975, ambos os dous forman o Bloque Nacional-Popular Galego. O PSG continuará a súa andaina entre escisións, abandonos e coalicións como PSG-EG (Esquerda Galega), e máis adiante, tras novos desencontros internos, acabou en Esquerda Unida-Esquerda Galega. A mediados dos 90, o PSG acabou por disolverse.
A opción BNG nace en 1982, confluíndo a UPG e o BN-PG e outro tipo de organizacións nacionalistas a excepción dos independentistas de Galiza Ceive. A finais dos anos 80, diferencias sobre a aceptación do marco constitucional e as alianzas coa esquerda abertzale, provocan unha importante división. Da UPG escíndese o Partido Comunista de Liberación Nacional (PCLN). Este partido dará orixe á Frente Popular Galega, unha vez que os sectores máis á esquerda marchan do Bloque.
Máis adiante, partidos como Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista, INZAR (confluencia do MCG e a LCR) e sectores de Coalición Galega tamén formarían parte do BNG que se mostraba como un paraugas aglutinador. A partir de aí o Bloque cobrou forza e presenza, mesmo dando o “sorpasso” ao PSdeG-PSOE, chegando a ser a segunda forza no Parlamento en Galiza. Veñen novos tempos, e o que fora voceiro nacional durante moito tempo, Xosé Manuel Beiras, deixaba paso a Anxo Quintana. En 2005 —por un só escano perde as eleccións Manuel Fraga— PSdeG-PSOE e BNG forman un goberno bipartito que será derrotado catro anos despois polo PP de Núñez Feijóo, en 2009.

AMIO

Xaneiro de 2012, recinto de Amio en Santiago, XIII Asemblea Nacional do BNG, onde foi elixido voceiro nacional Guillerme Vázquez fronte a Beiras, e Francisco Jorquera como candidato á Xunta fronte a Carlos Aymerich. Unha serie de forzas, PNG-PG, Esquerda Nacionalista (EN), Espazo Irmandiño (EI) e Máis Galiza deixan o Bloque para seguiren o seus respectivos camiños con diferentes sortes. A pregunta para moitos e moitas é, que acontece co nacionalismo galego?
“O de Amio foi o resultado dun debate político e ideolóxico que no BNG non comeza en 2012, máis ben en 2001, cando temos unha baixada logo do soprasso ao PSOE” reflexiona Ana Pontón, portavoz nacional do BNG. “É un debate moi profundo que vai máis alá da renovación do que ata daquela fora o portavoz do BNG, Xosé Manuel Beiras”. Nese debate de Amio eclosiona un debate que discute “por unha banda o sistema organizativo, pois hai quen cuestiona o frentismo e asamblearismo e hai quen aposta por un modelo de partido máis tradicional” di Ana Pontón. “Un segundo debate latente é a estratexia de auto-organización, cremos que en Galiza son necesarias organizacións co seu centro de decisión aquí”.
A idea apuntada por Pontón fai pensar naquelas forzas que logo de Amio saíron do BNG e optaron por alianzas con partidos de ámbito estatal. E o BNG por que non se incorporou ao proceso das mareas? “Internamente houbo quen abriu o debate de incorporarse ás “mareas”, unha maioría entendeu que iso non axudaría á defensa dos intereses de Galiza”. Apelando ao respecto ás ideas individuais e ás demais forzas políticas para Pontón o proceso de “mareas” demostrou que “está fortalecendo a Podemos ou Izquierda Unida, é unha fórmula como pode ser un partido clásico”.
“Creo que é momento de mirar para adiante e para o futuro, o tempo pon a cada quen no seu lugar” sinala Néstor Rego, secretario xeral da UPG e novo deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso dos Deputados. “O BNG mantivo criterios da súa propia xénese que é a auto-organización, quen optou por outras vías o resultado está á vista e por tanto creo que o que corresponde é manter as dinámicas propias en Galiza”.

NOVAS FORZAS LOGO DE AMIO

Anova foi unha das forzas políticas nacidas despois de Amio. “Formouse con xente do BNG e xente que non fora dese partido, do soberanismo galego, mesmo do independentismo e tamén de persoas vinculadas ao 15-M” di o seu portavoz nacional, Antón Sánchez. O obxectivo era “superar unha aposta autonomista, que se desenvolvera lonxe, pola ruptura democrática, apostando pola unidade popular e autodeterminación de Galiza”. Non obstante, eran numerosas as sensibilidades que se xuntaban baixo a nova formación. “Era a aposta que había que facer durante a emerxencia social, cunha crise que pagaban as clases populares”.
Ditas clases populares para Sánchez foron sempre a base do nacionalismo galego “que sempre foi de esquerda, porque as clases traballadoras perciben ben que moitas das súas dificultades veñen de estar nun país sen capacidade de autogoberno total”. Era en definitiva, para Antón Sánchez a maneira de enfrontarse ao réxime do 78.
Anova formou parte de En Marea, onde confluíron desde Esquerda Unida a outros grupos de esquerda e nacionalistas. Con todo en 2019 chegou a separación, cando o ata ese momento voceiro parlamentario, Luis Villares xunto cun grupo de deputados e deputadas formaron grupo parlamentario á parte como grupo mixto. De novo unha escisión dentro doutra escisión?
Preguntado sobre a pegada que poderá deixar o proxecto de Anova, tanto no Parlamento como nos concellos onde gobernaron candidaturas próximas a esta forza política, Antón Sánchez cre que “os gobernos locais que se perderon foron consecuencia da crise interna do proxecto nacional de En Marea”. Con todo cre que os resultados das eleccións evidencian a confianza que o electorado segue tendo no proxecto que involucra Anova.
En Marea agora é unha forza política independente dentro do Parlmento. O seu portavoz, Luis Villares, considera que a postura que defende a súa formación sobre o nacionalismo é que “chegamos a lugares e áreas da sociedade onde non chegaron outros partidos nacionalistas, nós definimos o nacionalismo sobre a vontade do suxeito”.
“Non cremos que o suxeito nacional sexa un individuo que responde a unhas determinadas características” sinala Villares. “Todo aquel que ten vontade de vivir e convivir nun proxecto de futuro para este país, forma parte del”. Esta concepción, segundo Villares, permite superar a divisións “nacionalistas-non nacionalistas” porque permite achegar unha idea de nación que poda ser asumida por toda a nación. Villares entende que o mellor momento do nacionalismo en Galiza estivo cando “houbo varias visións nacionais e non unha visión monolítica”.
Compromiso por Galicia, CxG, liderado por Juan Carlos Piñeiro, quen relevou no seu momento a Xoán Bascuas, naceu tamén como consencuencia das divisións de Amio. Nas eleicións xerais do 10N pediron o voto para o BNG e se integraron como independentes nas súas listas. A súa postura é dun nacionalismo dentro do galeguismo, mais considera que “hai que deixarlle de ter medo ao termo nacionalista”. Sobre a ruptura na asemblea de Amio para Piñeiro foi a mostra de que “a transversalidade é moi difícil de xestionar, porque as diferentes posicións son de extremo”.

FUTURO

As “cuestións internas” dentro das “mareas” acabaron nos últimos tempos coa división das mesmas, mesmo escisións e separacións no Parlamento galego, dando por resultado dous grupos. Dúas visións que acabaron por dividirse e que para algúns analistas, demostra a febleza do concepto de “fronte de esquerdas”. Que pasará agora? Será posible a reunificación dentro dun novo marco das sensibilidades máis proclives ao nacionalismo?
“O nacionalismo ten futuro e se está a ver un rexurdimento importante no BNG, cambiamos un ciclo descendente por un ciclo ascendente onde se fortalece a organización e aumenta o apoio social” di Pontón. “Teño a certeza que se se queren cambiar as cousas a mellor neste país, dentro dese cambio o nacionalismo é determinante e decisivo, senón queda a alternancia que xa coñecemos no estado español”.
“Teño a convicción de que o BNG e o nacionalismo van continuar gañando apoios como movemento social e será determinante nos próximos anos” sinala Rego. “Un exemplo é a CIG, unha forza sindical nacionalista que é a primeira forza sindical en Galiza e que o Bloque é unha forza en claro ascenso”.
Nas dúas últimas eleicións xerais Anova descolgouse da coalición con Podemos e Esquerda Unida. “Logo de sete anos de aposta pola unidade popular, con conversas con outras sensibilidades, nós sempre apostamos por un proxecto común” destaca Antón Sánchez de Anova. Dentro dese proxecto común “ademais doutras cuestións está tamén o dereito a decidilo todo da cidadanía galega, por tanto o dereito de Galiza a gobernarse a si mesma”.
“Durante este último sexenio quedou á vista que o voto do bloque progresista está moi dividido, ademais aínda hai votantes que están orfos e buscan o seu sitio” di Luis Villares. “Desde a perspectiva de forzas que somos soberanistas, estamos nun cambio de ciclo político” sinala o líder de En Marea. “Por tanto, fórmulas que ata o momento eran válidas agora non son pola deslealdade dalgúns socios cos que dicíamos defender conxuntamente”.
No que si insiste Villares é no cambio de ciclo político. “Iso significa que daremos un xiro para buscar apoios coas outras forzas soberanistas? Ben, nun plenario en xuño de 2019 deixamos claras as definicións nacional e social para dialogar coa sociedade e forzas políticas”. Non cre en límites de tempo para confluír, podendo chegar a acordos con outras forzas soberanistas sen que haxa perda de cada unha desas forzas.
“O nacionalismo galego ten que ter futuro, é unha obriga” di Juan Carlos Piñeiro. “É unha obriga sabendo cara onde camiña Europa que é á configuración de estado, con recoñecemento de nacións sen estado”. Isto lévao a incidir en que “é necesaria unha forza máis nacionalista, máis galeguista e máis próxima á sociedade e máis transversal”.
Os resultados das eleccións xerais para o 10 de novembro de 2019 traducíronse nun deputado para o BNG. Outras forzas como En Marea non se presentaron e outras seguen a propor frontes amplas. O caso é que o nacionalismo galego historicamente adoece dunha presenza en firme dentro da sociedade e que, cando as cousas parecían favorables, de súpeto os resultados foron negativos. En tal caso, no vindeiro ano e medio escaso que queda, os resultados das eleicións autonómicas falarán.

Ningún comentario:

Publicar un comentario