sábado, 30 de novembro de 2019

ADEGA Vigo aposta por outro modelo de cidade e declina a aposta turística asociada ás luces de Nadal



O pasado día 23 de novembro tivo lugar o acendido do alumeado de Nadal na cidade de Vigo, un evento que congregou, segundo fontes oficiais, a unhas 170.000 persoas no centro da cidade e que supón un recurso turístico para o concello, cuxo fin é a súa explotación ao longo do mes de decembro e das primeiras semanas de xaneiro.

No ano 2018, o concello de Vigo asinou un contrato de 2.9 millóns de euros para a instalación das luces por tres anos consecutivos na cidade, sendo ampliado este orzamento neste 2019 por outras 250.000 euros máis. Xunto a este incremento, hai que contabilizar os gastos asociados de xeito paralelo para a promoción turística da cidade, intentando converter a Vigo nunha marca que mercantilizar no sector do turismo.

Por outra banda, cabe lembrar que este ano as luces veñen acompañadas da instalación de 50 canóns de neve artificial, os cales teñen un impacto en termos de emisión de emisión de CO2 e de consumo de auga, e que farán o imposible nunha cidade que practicamente non coñece a neve e que ano tras ano ve incrementada a súa temperatura media anual.

Turistificación e modelo insostible de facer cidade

Malia que dende a institución xustifican a iluminación defendendo que a substitución por lámpadas led non supón un incremento no consumo eléctrico, alén dos innumerables “beneficios” que supón atraer ao turismo, unha análise menos superficial do asunto permítenos soster que este modelo de facer cidade non é nin social nin ambientalmente sostible.

A pegada ecolóxica  dun turismo baseado no consumo, xunto coa masificación e xeración de grandes niveis de ruído, contaminación luminosa e concentración de tráfico no centro da cidade,  están fóra de ser unha actuación que aposte polo ben común e pola reducción da pegada ecolóxica no actual paradigma de Cambio Climático. Estas actuacións están moi lonxe dos compromisos asumidos polo concello tras aprobar, o pasado mes de setembro, a moción de Declaración de Emerxencia Climática. Tamén está lonxe de mudar a súa política de contaminación acústica, tendo en conta que Vigo é unha das cidade con máis contaminación por ruído de todo o estado español.

Á marxe da espectacularización que xira en torno á iluminación do Nadal, con pretendidas competicións e desafíos entre cidades, o modelo “canto máis e maior, mellor” resulta totalmente anacrónico e desfasado en relación á actual situación do Cambio Climático, froito do cal moitas urbes  modernas e realmente desenvolvidas están a apostar por adoptar medidas e reformas que as convertan en cidades verdes e sustentables, algunhas delas fundamentadas no decrecemento, así como funcionar de exemplo de boas prácticas medioambientais de cara á cidadanía.

Lonxe desta visión, o concello de Vigo opta por fomentar o consumismo desmedido iluminando, coma un faro, o centro neurálxico do comercio, onde reinan as grandes firmas do capital e onde o comercio local é practicamente un descoñecido. Amais, este convite ao consumo, adiantada a posta en escena e supón un punto de partida para a activación dos consumo e dos mercados propios das festas de Nadal, facéndoo coincidir ademais unha semana antes da feroz campaña de marketing do Black Friday.

Vigo alén da cidade marca: crise social e ambiental

A ampliación da partida orzamentaria destinada ás luces de Nadal resulta especialmente dolosa nun momento no que o tecido cultural, social e medioambiental da cidade viven un momento nefasto como consecuencia da desidia do goberno local que se esquece das persoas que habitan nela. Unha vez máis o consistorio teima en converter a cidade nun espazo baleiro que serva só como parque temático en beneficio para o turismo e o comercio.  

O concello de Vigo debería apostar polo comercio local e polo fomento de iniciativas enmarcadas dentro da economía social, así como por políticas activas de integración social e de restauración ambiental. Unha cidade con tantas carencias (falta de espazos públicos, de parques,  de servizos de ocio alternativos, de mobilidade, etc), xunto cun problema agudo de acceso á vivenda e de empobrecemento da sociedade, debería ter como prioritarias outras medidas públicas enfocadas no eido social e ambiental.

Por este motivo, desde ADEGA Vigo facemos un chamamento para esixir unha  nova política de facer cidade, onde os  orzamentos participativos e as consultas cidadás sexan o xeito de administrar as contas públicas dunha institución que debería estar ao servizo da cidadanía e non das asociacións de comerciantes e do marketing capitalista de facer cidade.

Créditos da fotografía: metropolitano.gal

Ningún comentario:

Publicar un comentario