sábado, 19 de outubro de 2019

Valdeorras non quere honras para o alcalde franquista da Coruña que liderou a represión na comarca


Retrato de Peñamaría de Llano no pazo municipal de María Pita, na Coruña CC-BY-SA Praza Pública

No pasado mes de xullo, Galicia despedía a súa última guerrilleira antifranquista, Consuelo Rodríguez López, Chelo. Exiliada desde había 70 anos en Francia, a súa odisea vital de loita e reivindicación estivo marcada pola brutal represión sufrida pola súa familia. Cinco irmáns, o seu mozo e seus pais foron asasinados polo fascismo, estes últimos ante a súa casa, despois de seren apreixados ante os seus ollos e tras ser reunida a veciñanza da aldea de Soulecín para que ollasen aquel brutal proceder. 
Peñamaría de Llano liderou a represión na comarca de Valdeorras; deu o tiro de graza os pais da guerrilleira Chelo e comandou a tropa que colgou dúas mulleres
“Xa non tes pais”, díxolle unha veciña logo de escoitar os disparos. “Xa non vin nada, só o sangue que corría polo camiño”, contaba emocionada Chelo no documental Silenciadas, que deita luz sobre a terrible vaga represora sufrida en Valdeorras, xa rematada a guerra, e liderada polo tenente do I Tercio da III Bandeira da Lexión. O mesmo que deu os dous tiros de graza a Domingo Rodríguez e Amalia López e que no veciño concello de Rubiá comandou a tropa que asasinou dúas mulleres –nai e filla– colgándoas dunha árbore en 1939. Agora, o Concello do Barco demanda acabar coas distincións e honras dedicadas ao “encargado da represión na comarca” e diríxese ao consistorio da Coruña. Aquel militar tristemente lembrado foi Sergio Peñamaría de Llano, alcalde coruñés entre 1959 e 1963 e procurador nas cortes franquistas, con retrato pendurado na casa consistorial e mesmo unha rúa dedicada no barrio do Ventorrillo. 
Testemuño de Consuelo Rodríguez no documental 'Silenciadas' (Pablo Ces, 2011)

A pasada semana, o pleno municipal do Barco aprobou por unanimidade informar ao Concello da Coruña, e en particular á Concellería de Educación, Cultura e Memoria Histórica, das accións cometidas por Peñamaría de Llano naquela comarca. Pídenlle ao consistorio coruñés que teña en conta aqueles actos “en caso de iniciar algún procedemento relacionado coa Lei de Memoria Histórica”
Unha moción aprobada por unanimidade pide ao Concello da Coruña que teña en conta os actos do ex-alcalde e reflexione sobre as honras que lle dedica
A moción, que tivo un apoio unánime, incluído PP e PSOE, foi presentada polo BNG e Riada Cidadá, que aceptaron unha emenda socialista que rebaixou o ton da proposta, na que nun inicio se reclamaba directamente a retirada do cadro de honra e da rúa que se lle dedica. 
A proposta está baseada nos datos de testemuñas presenciais e nos estudos e traballos de Aurora Marco, José Antonio Gurriarán, Luís Lamela García e Félix García Yáñez. Todos certifican a crueldade e brutalidade coa que actuou Peñamaría de Llano, non só de maneira directa, senón tamén a través de “solicitudes inxustificables de pena de morte” nos “numerosos consellos de guerra sumarísimos” nos que exerceu como xurídico militar de carreira. 
“A conduta deste home foi totalmente inapropiada e non todo vale”, di Xesús Vilasánchez, portavoz do BNG no Barco e encargado de defender a moción. “As cousas xa pasaron, pero non hai por que dar méritos póstumos a unha persoa deste calibre; o máis cristián, en todo caso, é deixar que pase, que se perda o nome e que nunca máis se acorde”, asegura quen destaca que “mesmo o PP apoiou a proposta”. “Todos estamos de acordo en que hai cousas que non deberan ser”, insiste. 
O obxectivo é que o Concello da Coruña volva analizar a conveniencia de dedicar unha rúa a este ex-alcalde e de mantelo entre os retratos de honra do pazo municipal. “Gustaríanos moito que se borrase ese nome”, di Vilasánchez. 
“A conduta deste home foi totalmente inapropiada e non todo vale”, di Xesús Vilasánchez, concelleiro que defendeu a moción
Porque Peñamaría de Llano nunca estivo na lista de nomes a eliminar do rueiro coruñés, cuxa modificación en cumprimento da Lei de Memoria Histórica impulsou o goberno bipartito de hai unha década pero acabou por culminar o goberno da Marea Atlántica no anterior mandato e logo de anos de inacción. 
Cumpríase así coa proposta da Comisión de Expertos impulsada polo Concello e que foi aprobada en pleno en setembro de 2009. Instábase á eliminación de 52 símbolos franquistas, aínda que o voto particular de Manuel Monge, ex-concelleiro e daquela membro do grupo de especialistas encargados e presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), aumentaba en varias ducias as denominacións que deberían ser retiradas. Logo de anos de estudos, a mesma CRMH cifraba en 106 os símbolos da ditadura aínda presentes na Coruña, 32 deles dependentes da Deputación. Entre eles, os recoñecementos a Peñamaría de Llano ou a Calvo Sotelo, que mantén moitos malia que varios organismos provinciais optaron por retirarlle honras.

Xesús Vilasánchez, concelleiro que defendeu a moción de BNG e Riada Cidadá no Barco © BNG O Barco

"Peñamaría de Llano lideraba a brutal represión en Valdeorras, con feitos que están confirmados por testemuños e documentos", lembra Monge, que advirte que como fiscal militar participa en consellos sumarísimos e, por exemplo en 1947, solicita penas de morte para dirixentes do PCE logo de seren sometidos a horribles torturas. 
"Como unha persoa co currículo de Sergio Peñamaría de Llano pode ter unha rúa na Coruña e un retrato no palacio municipal de María Pita?", pregúntase Monge, que critica a "incoherencia" das actuacións políticas cando mentres o cadro permanece pendurado en María Pita o Concello de Ferrol optou por retirar todos os retratos dos rexedores da ditadura. 
"Como unha persoa co currículo de Peñamaría de Llano pode ter unha rúa na Coruña e un retrato no palacio municipal de María Pita?", pregúntase Monge
"A moción aprobada no Barco é un paso moi importante porque é unánime e porque o alcalde é o actual presidente da Fegamp", destaca Monge, que espera que esta chamada de atención supoña un impulso á retiración total da simboloxía fascista, na cidade pero tamén na provincia. 
Agora, na Coruña, será a Comisión Municipal da Memoria Democrática quen analice o informe achegado polo Concello do Barco e quen decidirá sobre as honras dedicadas a un ex-alcalde ao que acompañan demasiadas sombras. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario