venres, 11 de outubro de 2019

Galaicos, un pobo entre dous mundos: o percorrido por 2.000 anos de historia

Chega a Pontevedra a exposición que amosa o legado dos antigos poboadores de Galicia a través de 20 xacementos arqueolóxicos da provincia


O castro de Trega, na Guarda.
Antía P. Vieitez


“Galaicos. Un pobo entre dous mundos” é un percorrido por 2.000 anos de historia de Galicia, a través de 20 xacementos arqueolóxicos da provincia de Pontevedra. Unha viaxe polo patrimonio histórico e cultural das Rías Baixas, que é unha das zonas de España con maior densidade de depósitos arqueolóxicos. Trátase dunha exposición didáctica movida por un fío conductor que atravesa os distintos momentos históricos, o patrimonio cultural e os xacementos máis emblemáticos.
O noroeste peninsular foi, pola súa posición xeográfica, o punto de encontro entre a cultura e o comercio atlántico e mediterráneo, entre dous mundos diferentes que deixaron a súa pegada na terra dos galaicos. Así, esta mostra expón a forma de vida daquela sociedade e a influencia que outras culturas pudeiron exercer nela e na transformación do territorio. Investigacións arqueolóxicas recentes amosaron, grazas ao material achado nos xacementos, a presenza de elementos propios da cultura mediterránea.
Panorámica do castro de O Facho de Donón (Cangas).
Vista aérea do castro da Lanzada.
Castro de Troña, en Ponteareas.
Monte do Facho, Cangas.
Xacemento de Monte do Castro, Ribadumia.
A Cabeciña de Oia, na costa suroeste.
Escavación do Monte do Castro, en Ribadumia.

Ósos atopados na Lanzada.
Escavación no castro do monte Trega, na Guarda.

Monte Facho. Por Ramalclav.
O santuario fenicio de Monte do Facho en Cangas.
Escavación do Monte do Castro, en Ribadumia.
Segundo explica no vídeo promocional da Deputación de Pontevedra Alfredo González-Ruibal, arqueólogo e científico no CSIC, sempre existiu certo desequilibrio: a alta cultura era aquilo parecido ao mediterráneo, e o que non, semellaba barbarie ou primitivo. Neste sentido, a exposición pretende ser unha reinvindicación: “Os bárbaros non eran exactamente tan bárbaros”. José Suárez, arqueólogo e coordinador científico na intervención no Monte do Facho, define esta cultura como unha das máis orixinais e creativas da Idade do Ferro do occidente europeo.
Cada obxecto é unha pequena cápsula do tempo que contén información sobre o modo de vida do pobo galaico. Ademais do valor arqueolóxico, os obxetos reflicten unha realidade e son mediadores entre a actualidade e o pasado. Deste xeito, durante o percorrido mostrase a evolución da sociedade e a súa forma de vida dende a prehistoria ata a antigüidade tardía.
A exposición chegou este venres 4 de outubro ao Museo de Pontevedra, despois de visitar o Museo Arqueolóxico Nacional (MAN), en Madrid e o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Valencia. Desde estes días, e ata o 2 de febrero de 2020, a exposición atoparase no Museo de Pontevedra (martes a sábado de 10.00h a 21.00h; domingos e festivos de 11.00h a 14.00h), con entrada gratuita.

Fío condutor

O percorrido comeza cun audiovisual que amosa e sintetiza a idea principal da exposición: o papel de Galicia como punto de conexión entre dous mundos. Despois a viaxe pasa por distintas etapas, dende o final da Idade de Bronce (1500 a.C.) ata finais do século VI. Un total de 7 etapas, das que se expoñen os xacementos e achados que mellor amosan a realidade que se vivía. Na Idade de Bronce atópase a Cabeciña de Oia, na costa suroeste, onde se atoparon gravados idénticos aos da fase final do megalitismo na Bretaña francesa.
Na Idade de Ferro atópase a maior concentración de gravados rupestres de Europa, no Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre (PAAR) de Campo Lameiro.
Entre o 400 e o 19 a.C. comeza a apertura das rutas marítimas, que deixou a súa pegada no xacemento do Alobre, na ría de Arousa, e o de Monte de Castro en Ribadumia.
Dos séculos I e III consérvase o único exemplo de salina mariña de evaporación solar do Imperio Romano, na cidade de Vigo. Desta etapa tamén se destaca a vila marítima da illa de Toralla, clave da entrada á ría de Vigo.
Os séculos que pechan a exposición son do cuarto ao sexto, co renacemento cultural traído pola elite grecorromana, cando se edificaron a vila romana de Adro Vello, en San Vicente do Mar (O Grove) e o Museo Quiñones de León, no antiguo pazo da Lavandeira.
A viaxe conclúe cun vídeo con abraiantes tomas aéreas, que convidan a visitar as estructuras e as súas paraxes. A converxencia de tradicións culturais e a actividade comercial converten o noroeste peninsular nun enclave único que combina valor histórico, paisaxe e tradición.

Ningún comentario:

Publicar un comentario