A paisaxe urbana das nosas cidades e vilas encheuse nos últimos anos de ducias de salas de apostas. Tamén de centos de máquinas de apostas en bares e cafetarías, onde comezan a ser tan habituais como as tradicionais máquinas comecartos. Nelas poden verse decote a grupos de mozos, moi novos, maiores de idade e tamén menores, aínda que legalmente non poden xogar.
Os seus efectos están xa a notarse: incrementáronse exponencialmente os problemas de ludomanía e de adicción ao xogo entre os menores de 30 anos e algúns deles caeron en problemas de débedas. Fronte a todo isto, numerosas voces levan meses esixindo cambios lexislativos e maiores controis por parte das administracións: limitación á instalación de salóns e máquinas de apostas, control da publicidade e formas de evitar que menores de idade xoguen con cartos. En marzo entrarán en vigor novos mecanismos para regular o xogo online e está en tramitación un decreto-lei para poñer couto á actividade dos salóns de apostas que se multiplican nos barrios. O proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2019 incluía así mesmo unha proposta para controlar a publicidade.
De momento, o xogo e as apostas seguen a crecer. O 30% dos mozos entre 14 e 17 anos recoñece que apostou algunha vez. Calcúlase que o 2% da poboación pode desenvolver unha adicción ao xogo, e esta porcentaxe seguramente pode ser maior nesas idades. Nunha cidade como Vigo este outono xa se contabilizaban 359 máquinas de apostas. A cifra é aínda moi inferior á de máquinas comecartos, pero o seu número creceu un 30% no último ano.
Estamos a falar, por suposto, dun enorme negocio. Calcúlase que no ano 2017 as apostas deportivas en España supuxeron uns ingresos para estas empresas de 742 millóns de euros (a diferenza entre os cartos xogados e os gañados), unha cifra que duplica os datos de 2013. O crecemento asentouse nun grande investimento publicitario: famosos anunciando webs de apostas, patrocinios de equipos deportivos... Calcúlase que estas empresas gastan máis de 100 millóns de euros en publicidade en medios de comunicación.
"Hoxe a media de idade baixou, hai unha maioría de mozos entre 18 e 25 anos, e mesmo máis novos, enganchados ás apostas deportivas e aos xogos online"
Dende o ano 1990 funciona en Vigo a Asociación Galega de Xogadores de Azar (AGAJA), unha asociación de ámbito autonómico que ofrece información e tratamento ás persoas afectadas por esta adicción e que colabora con institucións como a Deputación de Pontevedra ou a Xunta de Galicia. O seu director terapéutico, Xan Lamas, é tamén director técnico de FEJAR (Federación Española de Jugadores de Azar Rehabilitados) e entre outras actividades ofrece charlas en centros de ensino para concienciar a mozos e mozas (de momento o problema afecta moito máis a homes que a mulleres) sobre esta situación. Falamos con el.
Está a mudar o perfil das persoas con problemas de adicción ao xogo?
Antes era xente de máis idade, con problemas coas máquinas comecartos ou con outros xogos de azar, coma o bingo, hoxe a media de idade baixou, hai unha maioría de mozos entre 18 e 25 anos, e mesmo máis novos, enganchados ás apostas deportivas e aos xogos online.
"A utilización na publicidade de persoas con certo prestixio social na publicidade serve para normalizar esa situación"
Hai controis suficientes?
O problema está aí: non se establecen límites nin controis. Dende a regularización do xogo online no ano 2012, as apostas deportivas teñen unha poboación diana que son os mozos.
Que influencia ten a publicidade que reciben continuamente?
A presión publicitaria é enorme. A utilización na publicidade de persoas con certo prestixio social na publicidade serve para normalizar esa situación. Cando estrelas deportivas que son os referentes de calquera rapaz e que son modelos de éxito, de disciplina e de traballo aparecen xogando ao póker e apostando cos seus móbiles, como lle vas dicir a un mozo que iso non está ben, que el non pode facelo? Estamos falando de mozos de 13, 14, 15 anos, que están aínda en período de formación e que poden non ter o criterio suficiente para detectar un perigo e seguramente non contan con información suficiente sobre os seus efectos.
A publicidade, moi agresiva, diríxese a eles e está pensada para fidelizar os rapaces novos como usuarios de xogo. Botan man das redes sociais, ofrecen bonos para permitir xogar nun comezo, teoricamente, sen cartos, pero derivándoos finalmente a plataformas de pago.
"As salas de apostas presenciais non controlan nada e menos en Galicia cando o que proliferaron foron as máquinas de apostas nos bares"
É máis perigoso o xogo online ou os salóns de apostas presenciais?
O xogo online ten na actualidade máis mecanismos de control que os espazos físicos, que agora mesmo non están controlando nada. As plataformas online incorporan cando menos un mecanismo de rexistro que valida a idade da persoa usuaria para, en principio, impedir que xoguen menores. É certo que sempre poden poñer o DNI do seu pai, pero daquela xa son conscientes de que están cometendo un delito. As salas de apostas presenciais non controlan nada e menos en Galicia cando o que proliferaron foron as máquinas de apostas nos bares. Nestas máquinas dos bares, ademais, increméntase o perigo para as persoas de calquera idade que xa son adictas ao xogo. Noutros lugares teñen un mecanismo de control, como é a autoprohibición [un rexistro voluntario], pero iso non se aplica nestas máquinas.
Normalizáronse as apostas como unha forma de ocio máis?
É o gran problema que nós detectamos cos salóns de apostas e as máquinas de apostas: que se normalizaron e se socializaron. É onde quedan os nosos rapaces a pasar a tarde e alí reciben todo tipo de estímulos para xogar e para xogar canto máis mellor. Alí as bebidas son máis baratas, déixanlles estar case sen consumir, as televisións miden máis de 100 polgadas e están continuamente bombardeados por esta publicidade. Ao final algún deles acabará con problema de ludomanía. Comézase apostando a partidos de fútbol e os xogadores máis habituais e adictos acaban probando outras apostas: carreiras de cabalos ou de galgos de calquera parte do mundo que se retransmiten sen parar nas pantallas das salas de apostas.
"É onde quedan os nosos rapaces a pasar a tarde e alí reciben todo tipo de estímulos para xogar e para xogar canto máis mellor"
Nos xogos online o perigo aumenta polo anonimato, a privacidade e a facilidade de gasto?
O potencial adictivo de cada xogo vén marcado por unha serie de características. Algunhas delas son a dispoñibilidade, o anonimato, a facilidade de acceso, o pseudocontrol sobre a mecánica do xogo, o carácter relativamente pequeno das apostas, as medidas acústicas e luminosas de estímulo que acompañan o xogo..., todas estas características están presentes nos xogos online, o que fai que teñan un poder aditivo moi alto.
Que medidas se deberían poñer en marcha para frear este problema?
O primeiro que se debería facer sería aprobar un decreto de publicidade estrito e restritivo, algo que leva dous anos metido nun caixón. Habería que levar a cabo tamén unha fiscalización rigorosa de toda a operativa do xogo, tanto online como presencial, aplicando unha política de sancións. E, ademais, habería que poñer en marcha unha política de información e difusión para concienciar sobre as características do xogo e os seus riscos.
"Os primeiros síntomas que a familia detecta teñen que ver cos cartos. O rapaz comeza a meter a man na carteira dos pais, a pedir cartos, ou deixa de mercar cousas que necesita"
Cales son os primeiros síntomas de que existe un problema?
Os primeiros síntomas que a familia detecta teñen que ver cos cartos. Cando falamos de xente nova, habitualmente non estaremos falando dun gran patrimonio, pero estamos falando de que o rapaz comeza a meter a man na carteira do pai ou da nai, ou comeza a pedir cartos, ou deixa de mercar cousas que necesita, ou vende as súas cousas, ou chega a pedir un microcrédito de 300 euros a algunha das compañías que os ofrecen. Despois, hai unha serie de características que se dan en todos os adictos: o illamento social, a mentira, a xustificación continuada, a irresponsabilidade...
Como debe comezar o tratamento?
O tratamento sempre comeza polo recoñecemento do problema, algo que non é nada doado. Todos os adictos establecen unha autonegación do problema: sempre din que eles controlan o que lles sucede, que son conscientes que se pasaron, pero que xa se reconducirán, e o único que fan é mentirse a si mesmos e mentirlles aos demais. Primeiro hai que tentar falar co rapaz, con comprensión. E unha vez que por fin recoñecen o problema, o que hai que facer é acudir a centros especializados para establecer un protocolo de tratamento para tentar superar a adicción. Igual que se fose unha adicción con substancias.
"O tratamento sempre comeza polo recoñecemento do problema, algo que non é nada doado"
É fácil saír do xogo?
É fácil saír, relativamente. Hai que ter disposición ao cambio, hai que mudar certas condutas e certas formas de pensar. Nós na asociación temos un tratamento que dura 18 meses e que uns índices de alta terapéutica do 60%. Non é difícil deixalo, pero aínda así, todos estamos sometidos a moitos estímulos e a moita presión social para xogar, tanto por parte da publicidade como por parte dos nosos amigos.
Hai unha excesiva tolerancia social?
Cando a primeira noticia nos telediarios é un rapaz de 12 anos ao que lle tocaron 200.000 euros na lotaría, aínda que a Administración de Lotería leva 30 anos dicindo que os menores non poden xogar de ningún xeito, isto é un caldo de cultivo para que outros tantos rapaces desa idade, ou de 16, ou de 18 proben sorte, nese xogo ou noutros.
É un problema de educación que non abrangue a todos, a toda a sociedade, comezando polos medios de comunicación. Os pais deben ser tamén responsables do que fan os seus fillos, non poden desentenderse. Non pode ser que con oito anos todos os nenos teñan un smartphone con conexión a Internet e non pode ser que os rapaces o usen sen control ningún. Temos unha responsabilidade como pais para educalos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario