sábado, 26 de outubro de 2019

O gasto da poboación galega nos xogos e apostas medrou un 27% en tres anos


Unha máquina comecartos instalada nun bar CC-BY-SA Jose M. Rus

Os galegos e galegas cada vez xogan máis e cada vez perden máis cartos nos xogos de azar e nas apostas. Dende hai anos vén advertíndose contra o aumento de problemas xerados por estas prácticas, situacións de ludopatía e con graves consecuencias económicas para moitas persoas. 
Tense posto o foco na expansión das tendas e salóns de apostas, omnipresentes nos barrios de todas as cidades galegas, pero a realidade é que aumentan os cartos depositados en practicamente todas as modalidades de xogo. A realidade amosta, igualmente, que alén do impacto que estas casas de apostas poidan ter (seguramente acollen a moitos dos xogadores máis compulsivos), as máquinas comecartos dos bares (máquinas B) e as novas máquinas de apostas tamén instaladas en locais de hostalaría (ao redor de 3.600 en toda Galicia) recollen unha parte moi importante de todos os cartos gastados polos xogadores e xogadoras galegas.
O gasto dos galegos nos xogos de azar presenciais pasou dos 1.100 millóns de 2014 aos 1.400 de 2017, último ano con estatísticas
Os datos publicados polo Ministerio de Facenda indican que entre o ano 2014 e o 2017 (último exercicio para o que hai estatística a nivel galego), o gasto dos galegos e galegas nos xogos de tipo presencial (dende a lotería ao bingo, pasando polas máquinas comecartos ou as apostas en tenda) aumentou un 27%, dende os 1.100 millóns de euros de 2014, ata os máis de 1.400 de 2017. 
É previsible, ademais, que o indicador de 2018 manteña ou incremente esta dinámica de ascenso, pois no pasado ano a actividade das casas de apostas elevouse notablemente (e así o amosan os datos globais a nivel estatal). E hai que ter en conta que neste tempo tamén se desenvolveron moito máis as apostas online, que están a ter un crecemento aínda máis rápido. De feito, entre 2014 e 2017 o seu gasto no Estado Español aumentou máis dun 100%.

Xogo por xogo, pódese observar como o gasto naquelas modalidades tradicionais, como as Quinielas, o cupón da ONCE e as lotarías (de todo tipo, dende a Bonoloto á Primitiva pasando pola Lotería Nacional ou o Euromillones) permanece estancado, case sen variación entre os anos 2014 e 2017. Con cantidades, iso si, moi importantes, sobre todo no apartado conxunto de lotarías. Crece un chisco a actividade en bingos e casinos, de 68 a 77 millóns de euros. E o mesmo sucede coas lotarías de Nadal e do Neno, que en tres anos pasaron de 174 millóns a 198 millóns de euros.
As apostas nos salóns e as máquinas comecartos son as modalidades de xogo presencial que máis están a medrar
Son as apostas presenciais (en tendas e salóns) a modalidade que máis medra nestes anos. Inexistentes ou practicamente inexistentes no ano 2014, en 2015 supoñen xa un gasto total de 103 millóns de euros, que dous anos máis tarde chegou aos 146 millóns. 
Con todo, a modalidade de xogo presencial máis importante en termos económicos é, con gran diferenza, a das Máquinas B (máquinas comercartos) instaladas en bares e outros establecementos. Aínda que hai variacións de distintos tipo de ano en ano, a evolución é crecente e en 2017 situou a cantidade total apostada en case 600 millóns de euros.
Faise fincapé, igualmente, no impacto que estas prácticas están a xerar na mocidade, sobre todo a través dos devanditos salóns de apostas e tamén nas máquinas de apostas e no xogo online. E é que son as apostas online as que máis están a medrar nos últimos anos e as máis difíciles de controlar por parte da administración. As cifras a nivel estatal son moi elevadas e non deixan de crecer.
No ano 2012 as apostas online sumaban 2.700 millóns de euros en toda España, cifra que se duplicou un ano despois e que superou os 10 mil millóns de euros no ano 2016. O pasado ano a contía total destas apostas superou xa os 17 mil millóns de euros, sobre todo en casinos online e nas apostas deportivas na rede.
O pasado ano os galegos e galegas gastaron nas apostas online máis de 800 millóns de euros
Non hai datos específicos para Galicia, pero podemos realizar algunha estimación baseada no peso estatístico da poboación sobre o total do Estado Español. A poboación censada en Galicia supón o 5,78% do total español. Mesmo empregando unicamente un valor de referencia do 5% (en Galicia hai menos poboación menor de 65 anos, que emprega este tipo de apostas con maior frecuencia), podemos pensar que no pasado ano os galegos e galegas gastaron nas apostas online uns 868 millóns de euros, cifra aínda inferior aos 1.400 millóns que deixaron nas apostas e xogos presenciais, pero cada vez máis próxima a ese indicador.
Como mostra, no ano 2014, a diferenza en Galicia entre as apostas presenciais (1.100 millóns) e as apostas online (325 millóns) era moi superior.
.



Ningún comentario:

Publicar un comentario