A Xunta cortou unha carballeira centenaria ao carón do Castelo de Maceda, monumento histórico artístico desde 1949 e ben de interese cultural desde o ano 1994, a carón da igrexa de San Pedro e do seu peto de ánimas e do cemiterio da parroquia de Maceda. A carballeira, ademais, é propiedade pública da Xunta de Galicia tras ser expropiada no ano 2010 para ampliación e arranxo da estrada autonómica OU-101, dado o valor patrimonial da carballeira ao contar con árbores centenarias.
Na acta de expropiación da Xunta de Galicia reflexase que as árbores expropiadas e que, polo tanto, pasaban a formar parte do patrimonio público de Galicia eran 50 carballos do país Quercus robur, árbores situadas no eido con referencia catastral 32044A118090050000HH. Carballos con máis de 200 anos de idade e moitas delas con dimensións medias de 25 metros de altura, 300 centímetros de perímetro e 110 centímetros de diámetro árbores en moi bo estado de saúde. “Constituían un conxunto harmonioso e un ben patrimonial de incalculable valor xunto co Castelo de Maceda e o conxunto da igrexa parroquial, cemiterio e peto de ánimas de San Pedro”, denuncia Amigas das Árbores.
“Este tallado polo pé das árbores centenarias de Maceda é inxustificable desde tódolos puntos de vista analizados, non supuñan ningún risco para a seguridade viaria, estaban en perfecto estado de saúde, non supuñan ningún risco para a prevención de incendios”, di esta entidade ecoloxista. Así, considera “incomprensible” o estrago e desfeita desta carballeira por parte da Xunta de Galicia. “Non se entende como as institucións públicas, Xunta de Galicia neste caso, pode atentar contra un ben do patrimonio público vivo de Galicia, patrimonio de tódolos galegos e galegas”, indica nun comunicado.
Neste sentido, Amigas das Árbores apunta que a carballeira eliminada precisaba dunha axeitada xestión, seguindo o exemplo e as boas prácticas dos países con cultura forestal. “Estas árbores tiñan que ser postas en valor, coidadas e protexidas, integradas no BIC do Castelo de Maceda e no conxunto etnográfico-patrimonial do conxunto da igrexa de San Pedro, nunca estragadas e tiradas ao lixo da maneira que se realizou por parte do Goberno galego”, engade.
Varias denuncias
Amigas das Árbores, coa axuda das organizacións ambientalistas Amigos da Terra e Sociedade Galega de Historia Natural, levan realizadas varias denuncias públicas diante dos distintos organismos para pedir explicacións e se depuren as correspondentes responsabilidades dos executores “deste grave atentado contra o patrimonio arbóreo de Galicia”.
Ademais, lembra que, non fai moito, o conselleiro do Medio Rural, dadas as continuas desfeitas producidas por unha mala execución das normativas, comprometeuse a que non se ía a producir máis atentados contra o arborado autóctono en base a unha mala interpretación da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Lei 3/2007).
“Son horas de mudar as políticas medio ambientais que aplica a Xunta de Galicia, desfeitas e atentados como a destrución da carballeira pública de Maceda son inxustificables e incomprensibles no conxunto dos territorios que integran a Unión Europea”, conclúe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario