martes, 8 de marzo de 2016

Así censura o Sergas as protestas do persoal no novo hospital de Vigo

David Lombao
http://praza.gal/

Protesta do persoal no interior do hospital de Vigo

estrea do novo hospital de Vigo, complexo erguido co modelo público-privado e emblema do mandato do actual presidente da Xunta no eido sanitario, estivo marcada pola polémica. A implicación de empresas privadas no complexo e, sobre todo, as carencias sanitarias dende o inicio do traslado ao novo centro provocaron enormes protestas entre o persoal e entre a cidadanía en xeral. Aínda que o propio presidente da Xuntadesdeñou inicialmente as críticas, a sucesión de denuncias e acusacións de "caos" acabaron levando por diante a conselleira Rocío Mosquera e a boa parte da cúpula da área sanitaria viguesa agás o seu xerente, Félix Rubial, que vén de emitir unha instrución para censurar as protes do persoal no recinto do Álvaro Cunqueiro.
A través dunha circular remitida a todas a xefaturas de servizo e de unidade, así como ás persoas responsables de supervisión e ás xefaturas de persoal subalterno, Rubial anunciou a retirada das mensaxes que, en diferentes puntos do hospital, denuncian carencias de persoal e xestión. Asemade, advirte de sancións no caso de que eses carteis e avisos volvan aparecer polos corredores do edificio.
O xerente advirte de sancións ao persoal se continúa a difusión de "mensaxes alertando sobre o deficiente funcionamento das unidades e as súas posibles consecuencias para a saúde"
"Dende hai certo tempo -sinala a circular- están sendo expostos nas dependencias do hospital, en lugares non autorizados e utilizando diversos soportes, mensaxes alertando sobre o deficiente funcionamento das unidades e as súas posibles consecuencias para a saúde dos doentes debido á presunta insuficiencia do cadro de persoal na unidade, entre outros". Esta, acusa o xerente, é unha "información" que "claramente induce a tempor, alarma e desconfianza" entre pacientes e familiares "sobre a asistencia sanitaria".
Segundo o responsable do Servizo Galego de Saúde, a exposición de mensaxes críticas coma estas "pode vulnerar o dereito da debida protección da saúde" e por iso "procederase á retirada inmediata". Neste escenario, "os empregados públicos que exhiban esta información" ou "a difundan polo centro hospitalario" expóñense de agora en diante a posibles sancións administrativas, advirte. As mesmas sancións, ameaza, poden afectarlle "aos responsables das unidades" nas que se "manteñan expostas" as mensaxes por ir contra o Estatuto Marco para o persoal estatutario dos servizos de saúde, di.

"Usuarios pantasma" para mellorar a imaxe en internet

A advertencia de posibles sancións lanzada por Rubial, datada no pasado 2 de marzo, esténdese tamén á difusión "por medios informáticos" de mensaxes críticas coa xestión do hospital, o que traslada o conflito tamén ás redes sociais, un dos campos de batalla dende a propia aperturado Álvaro Cunqueiro. Neste ámbito, a finais de xaneiro transcendía que a empresa concesionaria do complexo contratou unha empresa para, especificamente, tentar mellorar a imaxe da súa xestion en internet e, máis concretamente, nas redes.
A concesionaria do hospital contratou unha empresa para difundir información positiva sobre o hospital nas redes
Así, nese documento a compañía indica que entre setembro e decembro do pasado ano aplicou diferentes "accións" que, xunto á "disolución natural da situación do hospital", foron "mermando cuantitativamente o impacto negativo na contorna". Para logralo, indicaba a empresa, estaba a ser "imprescindible" un "traballo de monitorización diario nas redes sociais", así como a "relación cos medios "para "difundir información positiva sobre o novo hospital".
A estratexia incluíu a creación de perfís para inserir comentarios a prol da xestión do Sergas entre os "elementos críticos"
No que atinxe ás redes, a empresa admitiu a creación de "usuarios pantasma", isto é, perfís mantidos pola propia empresa que, semellando ser usuarios ordinarios, difunden novas positivas sobre o Álvaro Cunqueiro. "A estratexia -describía o informe- xirou en maior medida en torno a accións reactivas sobre os elementos críticos", por exemplo, respondendo aos seus comentarios "tanto en medios de comunicación como en páxinas de temática específica".
Asemade, a empresa subliña que creou a conta de Twitter @novascunqueiro, xa eliminada. Ese perfil, afirma, chegou a ser "percibida como informadora 'semioficial' do hospital" aínda que admite que unicamente chegou ater 214 seguidores para o seu obxectivo de "posicionamento como líder de opinión e mellora da imaxe do hospital".
Circular do xerente da área de Vigo sobre as protestas

Ningún comentario:

Publicar un comentario