http://www.amesa.gal/
Santiago de Compostela, 16-03-2016. A Mesa pola Normalización Lingüística vén de denunciar un caso grave de vulneración de dereitos lingüísticos por parte da Policía Nacional. Unha cidadá solicitou información de maneira telemática á Policía sobre o documento de identidade electrónico e esta é a resposta que recibiu: “Perdone la indiscrecion pero si es posible que me exponga su problema en castellano para poder darle una solución a su incidencia, ya que no entendemos su dialecto”.
Desde a Mesa pola Normalización Lingüística enviarán unha queixa á Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), á valedora do Pobo, ao Ministerio do Interior e á propia Policía española. A Mesa pedirá o cesamento do ministro e dos responsábeis pois é moi grave que non se lle dea a atención debida ás cidadás e cidadáns que falan en galego. Esta situación demostra un desprezo cara ao galego que é unha lingua oficial.
Neste caso prodúcese un caso grave de vulneración de dereitos lingüísticos ao que hai que engadir que na tramitación do expediente administrativo para obter o carné de identidade non se garante o uso do galego posto que aínda que o documento final se expida en galego e español o “sobre cego” que expiden está unicamente en castelán e non dispoñen de modelos en galego. Esta situación tamén xa foi denunciada ante a Policía Nacional para que garanta a atención en galego.
Ademais a base de datos da toponimia que emprega o programa informático de renovación e expedición do documento de identidade está deturpada e contén nomes acastrapados. Todo isto é mostra de que o galego non é considerado lingua oficial por parte da Policía Nacional.
Ningún comentario:
Publicar un comentario