xoves, 31 de marzo de 2016

A hipoteca do Hospital Álvaro Cunqueiro

Pablo Vaamonde
http://praza.gal/

O 22 de marzo de 2016 unha delegación de SOS Sanidade Pública, encabezada por Manuel Martín García, acudiu a Bruxelas, para entrevistarse con parlamentarios europeos e facer entrega de documentación en relación coa denuncia presentada ante a Comisión Europea polas irregularidades do Hospital Álvaro Cunqueiro. Ese día a cidade de Bruxelas sufriu un atentado terrorista, brutal e desalmado, que provocou decenas de mortos e centenares de feridos. Nada pode xustificar tanta maldade e tanta dor. Queremos condenar estes ataques violentos e expresar a noso apoio a todas vítimas e os seus familiares.
A polémica sobre o novo hospital de Vigo continúa. Imos facer deseguido, en varios capítulos, un relato cronolóxico do acontecido nos últimos meses.
Outubro de 2015: O traslado desde o Hospital Xeral  e o Meixoeiro ao novo hospital foi realizado a toda présa, sen ter rematadas as obras e cun edificio que presentaba múltiples carencias e deficiencias. De pouco valeron as advertencias e protestas de profesionais e usuarios. Distintos colectivos sanitarios do novo hospital estiveron durante semanas alertando da falla de material básico para realizar o seu traballo en condicións dignas e seguras. Mais o proceso continuou pois a UTE perseguía iniciar o cobro do canon pactado canto antes. Houbo consecuencias moi negativas, que se relatan noutros capítulos deste libro, pero lembraremos de seguido algúns momentos importantes do sucedido.
Un paciente de 66 anos (con diagnóstico de adenocarcinoma gástrico, de máxima prioridade cirúrxica)non puido ir a quirófano para ser operado, por "falta de material cirúrxico, a pesar de avisalo o día anterior", segundo os propios cirurxiáns. O doente con cancro foi para o seu domicilio "quedando pendente de reprogramar" a operación, tal e como figura no informe de alta. A veracidade do mesmo foi confirmada por varias fontes sanitarias do HAC. O persoal do Hospital asegura que esta é unha das moitas intervencións que foron suspendidas, por ese motivo ou por que o instrumental cirúrxico non estaba esterilizado.
Pero, a pesar do caos dese traslado, que tiveron que afrontar e sufrir os profesionais e doentes, o que de verdade importa é o negocio. E nese terreo as cousas foron mellor. Informaba a prensa que a concesionaria do HAC sumou máis de tres millóns de beneficio xa antes de abrir o hospital. A UTE, controlada por Acciona e Puentes y Calzadas comezou a explotar os servizos non clínicos cedidos pola Xunta, e presentou uns beneficios de 1.2 millóns en 2014 e de 1.9 en 2013, segundo explica na súa memoria.
Co inicio da actividade clínica a factura que terá que afrontar a Xunta comeza a medrar. A hipoteca que teremos que pagar con diñeiro público é enorme. Nos orzamentos xerais de 2016 o goberno de Núñez Feijoo prevé un incremento da partida destinada a sanidade do 4.4%, que representa uns 140 millóns de euros. Semella unha boa nova mais, se analizamos polo miúdo, vemos que 70 millóns irán parar aos petos da concesionaria do HAC: isto quere dicir que a metade da suba do orzamento sanitario é fagocitada directamente pola UTE do novo hospital.  En 2016 a Xunta entregaralle 42 millóns de euros do prazo anual pola construción do hospital, e 27 millóns máis pola privatización de servizos non clínicos (restauración, lavandería, mantemento, limpeza ou transporte interno, entre outros).
A partir de agora a hipoteca será esa, arredor de 68 millóns de euros cada ano, que deberán seguir pagando os sucesivos executivos ata o ano 2035. O canon do HAC representa o 35% das inversións da Xunta en Vigo: un de cada tres euros investidos este ano polo goberno galego en Vigo irán directamente á UTE. E así será no sucesivo: o novo hospital será obxecto da maior partida orzamentaria da Administración galega durante moitos exercicios. Cando acabemos de pagar a hipoteca o edificio xa estará obsoleto e será preciso outro novo. Ese é o gran negocio organizado polo goberno de Núñez Feijoo, para beneficiar á empresa concesionaria que garante as súas ganancias para moito tempo. Perden os cidadáns e perde a Sanidade pública, hipotecada por décadas e gobernada por intereses privados (tanto no HAV como no hospital de Povisa) que buscan maximizar o lucro, mesmo  a costa da saúde da xente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario