Xurxo Salgado
Begoña é técnico sanitaria da área da Coruña. É persoal eventual e está nas listas de contratación do Sergas, esa lista de máis de 30.000 persoas que a Xunta utiliza cando precisa sen regularizar a situación laboral destes traballadores baixo argumento de que non hai OPE. Esta profesional sanitaria púxose en contacto con Galicia Confidencial para denunciar a súa situación, unha situación que cualifica de “maltrato” e mesmo de “atrocidade”.
Denuncia que o Sergas “deixa tirados” e sen contratos a estes profesionais logo de deixarse a pel nos últimos anos traballados para conseguir un bo posto nesas listas de contratación. “Hai escasas semanas eramos segundo esta empresa, persoal sanitario indispensable, agora somos outra vez un número máis co que o propio Sergas usa de moeda de cambio para a súa campaña electoral”, indica.
“Están saltando todas as normas e todo o acordado con esta xerencia das listas de contratación, ampliando contratos sen respectar a orde, o que provoca que os aspirantes con postos superiores nas listas queden sen contrato, os do final da lista traballen un mes mais ampliado sen preguntarlles e sen comunicarlles”, denuncia en declaracións a este medio.
“MAL ESTAR PSICOLÓXICO”
Esta situación permítelle ao Sergas mover a este persoal a sitios e servizos diferentes cada día. “Están esperando cada día unha chamada para saber a que servizo ir e isto está xerando psicolóxicamente un mal estar nos traballadores”, indica Begoña.
Neste sentido, fai extensiva a súa queixa ao departamento de chamamentos do hospital da Coruña “pola súa mala xestión e traballo para dar os peores contratos aos de postos superiores en dita lista”. “Todos e todas queremos dalgunha maneira denunciar este abuso de autoridade e falta de respecto polas normas impostas polo Sergas, xa que utiiza o estado de alarma para saltarse todas as normas”, critica.
Sanitarios, médicos, enfermeiras e técnicas en enfermaría están na primeira liña de loita contra o coronavirus Covid-19 | Fonte: EFE
“MÁNDANOS PARA CASA”
Laura, outra profesional que tamén traballa na Coruña, tamén acusa a Feijóo de “facer política” a conta dos sanitarios. “Está prorrogándolle o contrato á xente que veu exclusivamente para esta pandemia, sen contar que houbo a algúns de nós que nos sacou dos nosos servizos habituais para loitar contra a COVID-19, e agora nos manda para casa a pesar de estar ben posicionados na lista”, critica.
“Agora resulta que para quedar ben politicamente deciden prorrogar contratos que non fan falta, sóbralles xente , non saben que facer con elas, póñenas a cubrir baixas que terían que ofrecernos ás que estamos na casa , esperando a que nos chamen. Téñenas cubrindo ocos polo hospital adiante, e a algunhas mesmo lles dan días libres remunerados, porque non teñen onde metelas”, engade.
O SERGAS INCUMPRE OS ACORDOS LABORAIS
O Sindicato dos Profesionais da Sanidade Pública Galega (Prosagap) confirma esta situación que di, comezou xa a denunciar ante as xerencias hospitalarias. De feito, confirma en declaracións a GC que, efectivamente, utilizando o estado de alarma, o Sergas está “incumprindo” os acordos laborais asinados, incluíndo o propio pacto de selección temporal .
Unha situación que segundo indica provoca que non exista un criterio “sólido e unánime” que xustifique a renovación ou ampliación de determinados contratos e o cese doutros . “Os principios de publicidade, mérito e capacidade que deben rexer o emprego público neste momento desapareceron”, destaca.
“ESTÁ DECAENDO A CALIDADE SANITARIA”
Tampouco se están respectando as carteleiras de traballo. “En moitos casos as traballadoras coñecen os turnos de traballo diarios con horas de antelación, facendo imposible a conciliación, sobre todo neste momento, onde xa está de por si difícil”, engade. Tamén confirma que se está movendo ao persoal dunhas unidades a outras dificultando a planificación dos departamentos sanitarios e “mermando a calidade dos coidados que se prestan”.
“Isto non é nada novo , pero e certo que neste momento acentuouse máis baixo a desculpa da excepcionalidade da situación e a falta de mecanismos de control neste momento , xa que os órganos de representación de persoal tamén están suspendidos. Levamos dous meses nos que fomos os profesionais os que tivemos que establecer protocolos e normas de funcionamento”, suliña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario