Sanxenxo é o concello galego cun maior número de pisos turísticos CC-BY-SA Trevor Huxman
Marcos Pérez Pena
Son malos tempos para o turismo e as viaxes. Todas as voces expertas coinciden en que o sector turístico será un dos máis prexudicados polos efectos da pandemia de coronavirus, con expectativas moi negativas para a tempada de verán, sobre todo no que atinxe á chegada de visitantes dende outros países. Porén, os últimos datos coñecidos esta semana sobre a evolución do número de vivendas de uso turístico rexistradas legalmente en Galicia non recollen de momento esa realidade. Todo o contrario: o número de pisos turísticos recollidos no rexistro da Xunta segue a medrar a bo ritmo.
Entre o 1 de xaneiro e o 1 de maio deste ano 2020 o número total de establecementos rexistrados en Galicia pasou de 9.872 a 10.551, mantendo un ritmo de crecemento moi semellante ao dos dous últimos anos
Entre o 1 de xaneiro e o 1 de maio deste ano 2020 o número total de establecementos rexistrados en Galicia pasou de 9.872 a 10.551, mantendo un ritmo de crecemento moi semellante ao dos dous últimos anos. Aumenta tamén o número de prazas totais ofertadas, que pasa de 50.134 a 56.986 en só catro meses. Esta cifra, ademais, supón que por primeira vez hai máis prazas de aloxamento en pisos turísticos legais que en todos os hoteis de Galicia (56.144).
É posible, iso si, que este incremento se producira xa entre xaneiro e marzo, cun gran número de propietarios e propietarias que antes da epidemia decidiran dar de alta as súas vivendas no rexistro do Goberno galego. En todo caso, esta é a realidade a día de hoxe e haberá que agardar aos datos dos vindeiros meses para comprobar o efecto do coronavirus no número de pisos turíticos (legais) en funcionamento no país.
Dende que a Xunta fixo públicos por primeira vez os datos do rexistro de vivendas de uso turístico, o seu número non deixou de aumentar. Os 4.630 de xaneiro de 2018 eran máis do dobre dous anos despois, en xaneiro deste ano 2020 (9.872). E os números actuais certifican que a tendencia á alza continúa a pesar da situación sanitaria e de restricións de movementos que se está a vivir.
Por vez primeira o número de prazas ofertadas polos pisos turísticos supera ás prazas hoteleiras
O número de prazas de aloxamento ofertadas polos pisos turísticos que funcionan legalmente en Galicia (ignórase a cantidade dos que operan sen estar rexistrados pola Xunta) multiplicouse case por tres nos últimos dous anos e medio, pasando das 21 mil (xaneiro de 2018) ás actuais 57 mil.
Por vez primeira esta cifra supera á do conxunto de prazas hoteleiras, que nos últimos anos se vén mantendo moi estable, entre as 55 mil e as 56 mil. A estas prazas, habería que sumar, iso si, os números doutros tipos de aloxamento que podemos considerar "tradicionais", como son as pensións, que roldan as 22 mil prazas.
Nos últimos anos, mentres se mantén estable o número de prazas ofrecidas polos establecementos de turismo rural e os campings, están aumentando de forma importante as existentes nos albergues turísticos e tamén nos apartamentos turísticos.
Sanxenxo segue a ser o concello cunha maior concentración destes establecementos, con case dous mil. A moita distancia aparece Compostela, que supera xa os 700
A distribución dos pisos turísticos é semellante á que se viña observando con anterioridade: moi importante en todo o litoral (sobre todo nas Rías Baixas e algo menos no Barbanza e na Mariña), nas cidades e medrando tamén nos concellos polos que pasa o Camiño de Santiago, especialmente o Camiño Francés, como Sarria ou Arzúa).
Sanxenxo segue a ser o concello cunha maior concentración destes establecementos, con case dous mil. A moita distancia aparece Compostela, que supera xa os 700, e despois Vigo e A Coruña. Entre as localidades costeiras destacan tamén O Grove, Foz, Barreiros, Cangas, Poio, Fisterra, Carnota, Bueu e Baiona.
Nos últimos catro meses os concellos nos que máis se incrementou o número de pisos turísticos legais son Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Poio
Ningún comentario:
Publicar un comentario