A Asociación Galega para a Defensa da sanidade Pública asegura foi un “gasto innecesario” e “sobrecargou a actividade do persoal sanitario e a actividade dos centros”.
Probas de detección de coronavirus nos coches (Imaxe: Europa Press)
Redacción
O macroestudo epidemiolóxico anunciado o pasado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo para testar a presenza da COVID-19 na poboación e que el mesmo anulou esta pasada sexta feira é o branco das críticas da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública.
Desde esta asociación explican nun comunicado que “a enquisa non responde a un deseño estatístico serio e eficiente” e entenden que “un numero moi inferior de probas sería suficiente para coñecer a extensión da infección entre a poboación”.
Denuncian que este proxecto “sobrecargou aínda máis a actividade dos Centros de Atención Primaria, especialmente do persoal de enfermaría” e supuxo “un gasto innecesario nun momento de grave crise sanitaria e económica que debería obrigar a concentrar os esforzos e o gasto nos problemas de saúde máis importantes”, poñendo como exemplos “a enorme mortalidade nas Residencias de Maiores en mans de fondos de investimento multinacional e organizacións dalgúns grupos da Igrexa”.
Risco para a saúde de pacientes
Desde esta asociación indican que “mentres levaban a cabo de maneira innecesaria estas miles de probas, unha boa parte do persoal sanitario segue sen realizalas, poñendo así en risco a saúde de pacientes e a actividade dos centros”.
Por este motivo rexeitan o que denominan “basta utilización dunha gravísima crise sanitaria e social, coa única finalidade de obter réditos electorais”. Para a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública resulta “indignante e patético que a Xunta da Galiza gastara máis dun millón de euros para poñer o seu logotipo a unhas máscaras que se reparten á poboación”.
A Xunta insiste nas probas
O Instituto Galego de Estatística (IGE) comezará a analizar a próxima semana a primeira onda de 50.925 test do estudo epidemiolóxico que está a realizar o Sergas no país para sacar conclusións sobre a circulación do virus por Galiza.
Despois de que se concluíra a primeira fase, o Sergas xa empezou a traballar na preparación da segunda onda de test que achegará outras 50.925 probas á cidadanía dentro dunhas catro semanas.
Así se completará o estudo epidemiolóxico que a Xunta da Galiza está a levar a cabo na autonomía para "definir o mapa epidemiolóxico" da COVID-19, explicou este sábado a Consellaría de Sanidade nun comunicado.
A pesar das voces críticas --tanto sanitarias como políticas-- ao estudo epidemiolóxico da Xunta, a Consellaría asegurou que o test anticorpos utilizados para este traballo, que son os que enviou o Goberno español á Galiza, teñen o aval do Centro Estatal de Microbioloxía e do Instituto de Saúde Carlos III do Ministerio de Sanidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario