mércores, 6 de maio de 2020

O soño de Oliver Laxe xa brota nos Ancares

O cineasta decidiu fincarse na súa aldea en Navia de Suarna para impulsar un proxecto cultural e de coidado do territorio

Oliver Laxe, coma quen sinala o futuro. AMADOR LORENZO

NIEVES NEIRA

Mentres o mundo está parado, na aldea naviega de Vilela, no límite con Cervantes, comeza a asomar unha flor sementada hai moitos anos no corazón de Oliver Laxe. O río Ser corre cerca da súa casa, e todo o que o seu nome convoca semella axustarse, agora máis ca nunca, ao discorrer da vida deste lugués que, no momento máis importante da súa carreira como cineasta, logo do recoñecemento de O que arde, decidiu fincarse na casa familiar materna para “dinamizar cultural e economicamente a zona”, di. “Para cultivar o ser e o estar, máis có facer”, engade.
As obras comezaron hai tres semanas no que foi, e será, a Casa Quindós, unha das catro da aldea, a única habitada. “Antes pensaba noutro nome, "Centro de terapias pedagóxico e comunitario Ser", pero era moi pomposo. O máis innovador é o nome da casa porque estas casas xa eran terapéuticas e pedagóxicas. A grande pedagoxía é aprender a traballar como se traballaba antes”, pensa. E a casa será o espazo do que irradie un proxecto cultural no sentido máis amplo e profundo da palabra, o que vai do coidado do territorio ao cultivo das artes.
Por unha banda, o seu proxecto albisca “conxugar ecoloxía e economía”. O silvopastoreo, a recuperación dos soutos vellos da zona e a sensibilización para a convivencia cos grandes carnívoros estarán dentro desa ecuación. “Queremos impulsar unha ruta de transhumancia de gando ovino, que vaia de Becerreá a Piornedo”, pon como exemplo.
Para abrir estes camiños, conta coa colaboración de “xente moi comprometida coa zona, como pode ser a da cooperativa A Carqueixa”, ou de entidades como o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, co que traballa nun viveiro de castiñeiros modificados xeneticamente para resistiren as enfermidades que sofren nos últimos anos.
Este é un momento de verdade. De mirarse no espello e preguntarse: quen son?, como quero ser?
“Hai persoas que levan traballando aquí moito tempo, antes e mellor ca min. A maneira na que eu podo axudar é xuntando, visibilizando, sensibilizando”, din as palabras de quen fala con vocación de servizo, e de quen entende ese servizo dende a felicidade -”son moi feliz e ese é o meu xeito de axudar”-, e dende o sacrificio, “unha palabra que me encanta, que quere dicir facerse sagrado, controlar o ego...”.
Por outro lado, a Casa de Quindós tamén acollerá “obradoiros de poesía e de literatura, encontros con cineastas e unha butaca rural cunha programación de cine que reúna os veciños”, explica Oliver, que tamén está elaborando un censo, coa axuda dunha veciña, de centros rurais culturais, para nun futuro crear unha coordinadora que permita compartir e aproveitar os recursos e facer unha programación cultural conxunta. “Penso que o rural terá saída a través da excelencia que pode ofrecer no cultural e no agrocultural, que é cualitativa e non cuantitativa. A revolución está aí, na cesta da compra, no que decidamos consumir. Iso é o noso voto de cada día”, afirma.
Tomarse o tempo de cimentar este soño implica, en certa maneira, parar un pouco a relación co cinema, aínda que el prefire falar de “equilibrar”, de moverse coas augas do río. “É duro se es artista parar a túa carreira, porque un artista está enganchado a iso en certo modo, pero teño que preguntarme que é o que me fai máis libre, emancipado e soberano. E dende logo non é esa vida de facer, facer e facer. Aquí traballo moito, pero é un traballo distinto, máis sano. Trátase de equilibrar, e penso que vai repercutir para ben no cine. Teño agora un proxecto de rodaxe noutro lugar, pero as seguintes películas fareinas aquí nos Ancares. Aquí as ideas florecen. Cada día os meus obreiros contan historias marabillosas”, di, coma se de lonxe seguise falando ese meniño fascinado con aquel mundo que atopaba e no que se deixaba atopar cando volvía coa súa familia, emigrante en París.
“O problema non o teñen Benedicta ou Amador, senón o mundo”
UN MOMENTO DE VERDADE. “Eu son unha desas persoas que antes tiña o cu en dúas cadeiras, pero non acababa de actuar en base aos seus valores. Sen embargo, saber e non facer é coma non saber. Así que agora quero actuar en función da miña maneira de pensar”, afirma.
Nunca pasou tanto tempo seguido en Vilela, nesa casa que devala cara ao val. “E nunca tanto tempo pasei fóra da casa”, di, mentres medio mundo está confinado nuns días nos que comproba “que moita xente se dá conta de que non foi algo irracional, como ás veces se lles fixo crer, a decisión de quedar no rural”. É é feliz de sentir como a autoestima se expande coma redroma dun castiñeiro. “O problema non o teñen Benedicta ou Amador, senón o mundo”, cre.
“Eu non quero volver á normalidade, esa normalidade que está vencellada co que está pasando...Este é un momento de verdade. De mirarse no espello e preguntarse: quen son?, como quero ser? Eu poño un pé aquí, neste pasado, para mirar o futuro”, di. O leito do Ser semella estar de acordo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario