A pandemia do coronavirus está deixando ao descuberto as costuras do sistema sanitario galego. A diminución do número de persoal, o descenso de camas hospitalarias e a redución de medios materiais son algunhas das consecuencias das políticas de Alberto Núñez Feixoo. Analizamos o estado do Sergas da man do médico de Atención Primaria Xosé Dios.
Lucía Rodríguez
“A Consellaría de Sanidade diminuíu o número de traballadoras en 1.325 persoas e o número de camas en 970 a respecto de 2009”, detalla o médico de Atención Primaria e portavoz da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Compostela Xosé Dios, que analiza nun estudo, ao que tivo acceso Nós Diario, as políticas sanitarias do presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo. “Se ben nos últimos dous anos aumentou o orzamento en sanidade, comparado con 2009 temos 1.000 millóns de euros menos”, afirma o doutor.
O investimento sanitario na Galiza non supera o 9% do Produto Interior Bruto (PIB) por primeira vez na historia, o diñeiro destinado ao sistema público de saúde reduciuse arredor de 18% nos últimos 10 anos e o gasto sanitario por habitante sitúase en 1.995 euros, unha contía moi por baixo da media estatal e que coloca a Galiza detrás de territorios como Estremadura, Castela León ou Murcia.
O investimento sanitario na Galiza non supera o 9% do Produto Interior Bruto (PIB) por primeira vez na historia
A baixada de fondos na sanidade pública é proporcional ao aumento de transferencias á sanidade. Segundo Dios, “o gasto na privada aumentou nun 10% de 2017 a 2018, pasando de 199 millóns de euros a 217 millóns”. En alusión ás conexións do Partido Popular coa patronal da saúde privada, o portavoz da plataforma destaca como “Rocío Mosquera, ex conselleira de Sanidade, e antes directora dun dos hospitais privados de Compostela, é nomeada responsábel de Galaria, a empresa de instrumental que é a máis cara do sistema, nun movemento que busca que na compra pública de aparellos innovadores se permita á industria privada quedar coas patentes feitas con diñeiro público”.
As listas de agarda
“Cando se sobrepasan 45 días para unha proba diagnóstica ou para unha primeira consulta e 60 días para unha intervención cirúrxica, o Sergas deriva as doentes á privada e faise cargo do custo. 86 persoas diariamente desde a entrada en vigor da Lei están sendo transferidas á privada. Non teñen cartos para cumprir os seus prazos, pero si os teñen para pagarlle á privada as doentes que elas mesmas derivan”, continúa Dios.
As listas de agarda son o principal motivo de queixa entre as pacientes do sistema sanitario galego. O tempo de espera converteuse nun dos principais argumentos para pór en cuestión a eficacia do modelo sanitario público e favorecer o negocio das clínicas privadas subvencionadas, baixo o eufemismo do concerto. Porén, os números, aquí, tamén son testáns até o punto de que o centro médico coas listas de agarda máis altas da Galiza é Povisa, o hospital privado de Vigo, asociado ao Sergas.
Segundo Xosé Dios, “o problema na sanidade pública galega nace na Atención Primaria
Se as xestoras non poñen persoal substituto, as doentes en Primaria piden a cita, pero coas listas de espera tan longas, acaban por ir ás urxencias, ao hospital ou aos Puntos de Atención Continuada (PAC), que colapsan. A creación das Unidades de Xestión Integrada leva consigo a desaparición das xerencias de Atención Primaria, co cal o hospitalcentrismo é evidente e o problema de non poñer persoal substituto repercute nas urxencias do hospital”.
A privatización do Sergas
“O presidente da Xunta actúa como un comercial dos laboratorios farmacéuticos, das multinacionais tecnolóxicas, das empresas informáticas e dos fondos de investimento, aos que está cedendo os recursos estratéxicos do Sergas”, engade Dios. Pon como exemplo paradigmático a construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, cuxa actuación provocou un incremento de máis do 120% na partida de gastos de capital da Consellaría de Sanidade.
O Goberno galego está entregando ao capital privado “os recursos estratéxicos de apoio á atención sanitaria do Sergas”
“O hospital de Vigo foi asignado a unha concesionaria integrada por bancos rescatados con diñeiro público e construtoras en quebra e foi financiado por entidades de investimento amigas e coa inxección de fundos europeos, apoiados pola Xunta violando a lexislación comunitaria”, afirma Dios, que tamén destaca como “boa parte da atención hospitalaria de Vigo está xa en mans privadas, adxudicada ao centro médico concertado Povisa, co que se renovou o concerto singular, malia dispor de menos recursos que os hospitais públicos e malia duplicar a lista de agarda cirúrxica da Galiza”.
O Goberno galego está entregando ao capital privado “os recursos estratéxicos de apoio á atención sanitaria do Sergas”, manifesta Dios, que no informe sinala a cesión do Laboratorio Central da Galiza ao grupo sueco Unilabs-Capio; a xestión da historia clínica, da receita electrónica e da central de chamadas a Indra, empresa ligada ás tramas de financiamento irregular do PP, ou a cesión do programa “Saúde en liña” ao fondo de investimentos Netaccede.
Represión contra as protestas
“Están tomando represalias e abrindo expedientes a xente que se está significando nas denuncias de recortes sistemáticos e de falta de material”, advirte Xosé Dios, que apunta á persecución da que son vítimas ás traballadoras e traballadores comprometidos coa defensa da sanidade pública.
Ningún comentario:
Publicar un comentario