A Federación Galega de Asociacións de Usuarias e Familiares de Residencias e na Dependencia, REDE, e a Alianza Galega polos Servizos Públicos para Maiores e Dependentes consideran que non hai "transparencia" nos datos das consellarías de Política Social e Sanidade.
Residencia de maiores (Arxina).
REDACCIÓN
"Entendemos que asitimos a unha manipulación groseira, unha maquillaxe indigna... Indigna para a calidade da democracia, indigna para a transparencia pública. Trafícase con cifras de mortos, o que xa nos parece o colmo deste proceso dexenerativo. Outra dor macabra a engadir na mochila das familiares, que son as primeiras vítimas desta traxedia humanitaria, porque nós si representamos ás persoas falecidas, que son as nosas nais, os nosos pais, irmáns e irmás... ninguén máis as representa, nin os administradores da Xunta, nin a autoridade sanitaria".
A Federación Galega de Asociacións de Usuarias e Familiares de Residencias e na Dependencia, REDE, mostra o seu absoluto rexeitamento á política de comunicación que está a empregar o Goberno galego a respecto dos falecementos nas residencias de maiores do país polo coronavirus.
Aseguran, como tamén o fai a Alianza Galega polos Servizos Públicos para Maiores e Dependentes na que se integra a propia REDE, as Traballadoras das Residencias de Galicia (TREGA) e o Movemento en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (MODEPEN), que a Xunta mudou o sistema de reconto de vítimas da COVID-19 e que xa non é "transparente".
"Agora o Sergas, a Consellaría de Sanidade, apropiouse en exclusiva do reconto de falecidos en hospitais, e xa non aparecen no reconto diario de Política Social", denuncian, para explicar que o Sergas "non informa das persoas falecidas por residencias, senón que dá unha cifra xeneralista". "Iso determina que os familiares, a cidadanía, non sabemos cales son as cifras reais de vítimas", salientan.
De feito, REDE pon de manifesto que "Política Social e Sanidade anuncian hoxe que, por exemplo, as residencias de O Barreiro (Vigo) e de Aldán (Cangas) manteñen as mesmas cifras que se deron onte, cando iso non é certo, porque están omitindo o falecemento de dúas persoas, un home na residencia e unha muller no Hospital Álvaro Cunqueiro".
"Están a vulnerarse de novo dereitos fundamentais recollidos na Constitución, igual que o está facendo a multinacional DomusVi", aseveran desde REDE. "A información que emite Política Social diariamente sobre a situación nas residencias de maiores e dependentes está fortemente sesgada. Dá unha imaxe falsa, edulcorada, da realidade deses centros ao non incluír a información das residentes que están ingresadas ou que morreron nos hospitais", engaden desde a Alianza Galega polos Servizos Públicos para Maiores e Dependentes.
Neste sentido, a Alianza solicita que Política Social facilite "diariamente información clara e desagregada por residencia e día" sobre o número de test de COVID-19 realizados, os novos positivos entre usuarios e traballadores, os positivos que precisaron ingreso hospitalario, os que recibiron o alta do hospital e regresaron á residencia, o número de defuncións entre as usuarias que permanecen nas residencias e entre as que están nos hospitais e o número de persoas que se considere que superaron a enfermidade ao obter un negativo nas probas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario