“Parece que estamos na sombra, mais sempre estamos en primeira liña”. Dio Hugo Babarro, enfermeiro da UCI no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Quere facer visíbel o traballo que as enfermeiras e enfermeiros fan ao longo do ano. Conversa con Nós Diario para explicar como están sendo os primeiros días con pacientes coa COVID-19 na UCI. “Quero que a xente valore o que hai que valorar, que vexa que todos os recortes que sufriu a sanidade pública se están pagando”, afirma.
Hugo Babarro, coas marcas das gafas, após horas de traballo co equipo de protección.
HUGO BABARRO, ENFERMEIRO
Que ocupación ten a UCI do hospital de Ourense?
Até onte, cando saín de traballar, tiñamos na UCI 11 pacientes con coronavirus, moi críticos, xente que precisa intubación. Calculamos que esta semana encheremos a unidade de críticos e despois teremos que comezar a usar as instalacións da reanimación. Segundo os modelos matemáticos, que de momento non fallaron, no mellor dos escenarios, vanse ocupar entre 30 e 40 camas UCI.
Vai haber escalas e parámetros que van determinar a quen se lle vai dar a oportunidade de entrar na UCI e a quen non, e isto é duro a todos os niveis
Adoitan vincularse complicacións da COVID-19 con persoas de idade, mais ninguén está libre dunha pneumonía grave.
Temos xente menor de 50 anos ingresada na UCI, a xente moza é certo que ten unha resposta máis favorábel, pero á xente moza tamén lle afecta gravemente a COVID-19. Agora estamos comezando. De feito, a metade das persoas que quedaban onte na UCI non levaban ingresadas nin unha semana. A evolución é lenta e aínda estamos en fase de coñecemento dos pacientes.
O problema é que vai haber conflitos éticos que xa están previstos no Plan de Continxencia da Sociedade Española de Medicina Intensiva, Crítica e Unidades Coronarias. Vai haber escalas e parámetros que van determinar a quen se lle vai dar a oportunidade de entrar na UCI e a quen non, e isto é duro a todos os niveis, a nivel ético persoal e tamén profesional. Priorizarase a atención dos casos con máis posibilidades de recuperación, segundo determina ese plan. Ademais da idade, o plan fai alusión a unha expresión da que non gosto, “valor social” do paciente. Son criterios polos que se rexe a medicina de catástrofe, algo ao que non estamos afeitos.
Como se enfronta o persoal sanitario ante esta nova situación?
Levo 23 anos traballando como enfermeiro, 13 en UCI e, a verdade, nunca sentira tanta presión, tanta tensión e tanto estrés como co ingreso que tivemos a pasada terza feira. Cos equipos de protección individual (EPI), faise máis difícil o traballo. Custa ver coas gafas. Estaba facendo unha técnica cun paciente coas gafas empanadas e case non podía ver. Buscaba, como podía, algún espazo da gafa que quedase sen empanar. Ese día, cando saín da miña quenda, a estaba empapado en suor. A nivel físico estaba esgotado e boteime a chorar. Nunca traballara con tanta presión.
A nivel psicolóxico, saes da UCI e pensas se fixeches todo ben, se non levaches as mans á cara...
Á tensión física súmase a psicolóxica.
As quendas son fisicamente esgotadoras e tes que estar superconcentrado, porque intentas tocar o menos posíbel. Tes que estar pendente de non levar a man á máscara e de non recolocar as gafas. A isto súmaselle a presión que tes cos pacientes, que son críticos. Despois, a nivel psicolóxico, saes da UCI e pensas se fixeches todo ben, se non levaches as mans á cara, se non levas o virus a casa... É unha situación totalmente excepcional. Ademais, sofres polas familias dos pacientes, porque é moi duro ter o teu ser querido na UCI e non saber case nada del.
Como é o contacto coas familias?
Onte foi unha mañá moi complicada e houbo familiares aos que non se lles puido informar. Imaxina non saber nada en 24 horas do teu familiar... Agora temos unha tablet que nos cedeu unha empresa, cunha liña de datos ilimitados, e imos tratar de facer posíbel que as familias, cando os pacientes mellores, poidan ter contacto con eles. Estamos a mobilizarnos desde o propio equipo de enfermaría, non desde a xerencia do hospital, e notamos que a xente nos apoia. Hai empresas que nos preguntan como poden facer doazón de material, mándannos comida...
Situar o paciente en boca a abaixo require de cinco persoas
Aludía antes á realización dunha técnica. Na UCI realizan manobras moi complexas, tamén coas persoas con coronavirus, para mellorar a osixenación dos pulmóns. En que consisten?
En pneumonías bilaterais, como moitas das que provoca o coronavirus, mellora a función respiratoria se situamos o paciente en decúbito prono, é dicir, boca a abaixo. Mais non só con doentes con coronavirus. En xaneiro fixémolo con persoas que tiñan gripe A. Vemos que é practicamente necesario para que poidan ventilar, mais esta técnica engade unha dificultade máis: fan falta cinco persoas para poder facela ben. Trátase dunha manobra de risco. Habitualmente é o médico quen se encarga da vía aérea, suxeitando a cabeza e coidando de que non saia o tubo. Agora se empeza a ver unha técnica nova, mediando o enrolamento das sabas.
Non todo o persoal de enfermaría contará coa experiencia para facer este tipo de técnicas.
Non sei como vai planificar a dirección iso. Penso que deberiamos intentar facer rotación, para garantir relevo con persoal formado a medida que vaia caendo a xente, porque, evidentemente, imos caer. Temos bastantes sanitarios localizados que traballaron na UCI, tanto enfermeiros como auxiliares. O problema é que a UCI ten que funcionar con certa normalidade para outras patoloxías. Onte estabamos previstos na UCI 6 enfermeiros e 5 auxiliares mais tivemos que acabar reforzando con máis compañeiros.
Teño medo a levar o virus para a casa, onde vivo cos meus dous nenos e coa miña compañeira
Unha das características das pneumonías provocadas polo coronavirus é a evolución rápida da infección.
A evolución da enfermidade é moi brusca en pacientes críticos, polo que se ve. É habitual que empeores e que se poñan fatal rapidísimo.
Teñen medo?
Eu teño bastante, porque hai catro anos tiven que ingresar na UCI por unha crise asmática, co cal, son persoal de risco. Hai compañeiras e compañeiros a piques de xubilarse que teñen medo. Claro que levas o medo no corpo. Cada vez que acabo a quenda, métome na ducha e lávome con xabón desinfectante. Teño medo a levar o virus para a casa, onde vivo cos meus dous nenos e coa miña compañeira. Cos meus pais xa hai semanas que non teño ningún contacto físico. A quen estamos en primeira liña cabréanos cousas que vemos na rúa. Ás veces penso: gostaría que viñesen ver o que hai aquí dentro. É importante que a xente se dea conta da implicación que temos os enfermeiros co paciente. A pesar do nerviosismo que pasamos, sempre sae como prioridade garantir o benestar do paciente.
Houbo 15 días de vantaxe a respecto de Madrid e desaproveitouse pola inacción e a pasividade da dirección e da xerencia
Como foi a preparación da UCI á espera do impacto do coronavirus?
Tivemos 15 días de vantaxe a respecto do que está acontecendo en Madrid e desaproveitouse. Desaproveitouse pola inacción e a pasividade da dirección e da xerencia. Agora a xente trata de resolver como sexa, con moi boa vontade e segundo as necesidades. Parte da dirección puxo as pilas e botan máis horas para tratar de organizar o máis rápido e o mellor posíbel todo.
Dispoñen de material de protección suficiente?
De momento si. Non nos dan barra libre, quero dicir, téñeno moi controlado para que o gasto sexa o mínimo. Pensa que cada día poden gastarse entre 60 e 70 EPI.
A xerencia de Ourense enviou unha circular hai uns días onde restrinxía o uso das máscaras.
Si, para que non se usasen as máscaras, por exemplo, polos corredores. Sentou moi mal esa circular porque era como responsabilizarnos a nós de esgotar os recursos. Hai instrucións do Ministerio e un documento de tratamento da COVID-19 que elaboraron os chineses e que é bastante extenso que recomendan levar postas as máscaras cirúrxicas por todo o hospital.
Hai suficientes respiradores? Segundo puido saber Nós Diario, buscáronse na sanidade privada.
Hai unhas semanas compraron oito respiradores novos para a UCI do hospital. Xa daquela houbo problemas porque non puideron compralos iguais, da mesma tipoloxía, porque xa había problemas de subministro no mercado. Houbo problemas cos monitores cando ampliamos as camas para UCI porque os que había na URPA eran máis básicos e non servían para estes pacientes. Sei que houbo algúns monitores que se confiscaron da sanidade privada. Agora mesmo hai 18 camas con algúns monitores UCI da privada. Material a nivel respiradores e monitores hai. O hospital debe ter, en total, entre 40 e 50 respiradores, co cal, se se cobren as previsións, poderían ser suficientes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario