martes, 28 de abril de 2020

Galicia, única comunidad que no es detectada como positiva por SARS-CoV-2

O Ministerio de Sanidad pide desde o 17 de abril a proba diagnóstica que se lle fixo aos positivos (PCR ou anticorpos), dato que non envía a Xunta

Punción realizada no marco do estudo epidemiolóxico que desenvolve a Xunta en Galicia. Foto: xunta.gal.

Manuel Rey

A evolución da epidemia da Covid-19, e as ferramentas coas que as autoridades se están enfrontando a elas, está provocando nos últimos días algunha confusión na interpretación dos datos que se achegan á cidadanía. Este venres pola mañá, na rolda de prensa diaria do Comité Técnico que asesora ao Goberno español, o director do Centro de Coordinación y Alertas Sanitarias (CCAES), Fernando Simón, explicou un cambio de criterio na contabilización dos casos confirmados, xa que ademais dos positivos polas probas moleculares PCR que detectan o virus no organismo, engádese unha nova variable, a dos positivos detectados a través de probas de anticorpos. Os datos inclúense unha semana despois de que o Goberno os pedira ás comunidades autónomas (vía BOE) para que acheguen os datos segundo os criterios marcados por Sanidad. Todas agás Galicia cumpriron polo menos unha parte dos requisitos: a de informar de cantos casos se detectaron por probas PCR e cantos a través dos anticorpos. É un dato relevante para coñecer a evolución real da crise, segundo advertiu o Goberno na petición que realizou o 17 de abril. Pero unha semana despois, a Consellería de Sanidade segue sen responder á solicitude.

Número de PCR e anticorpos

Na orde publicada no Boletín Oficial do Estado o venres 17, tal e como aclarou o portal Civio, o Goberno indicaba que “a evolución da situación” obrigaba a “adaptar e modificar” a forma na que as comunidades autónomas deben transmitir a información ao Ministerio de Sanidad para centralizar os datos de todo o Estado e “asegurar a eficiencia na xestión da crise”.
Neste aspecto, ademais das cifras totais de casos, o Ministerio pediu o venres pasado, como se indica na táboa inferior, diversas cifras para ter unha fotografía máis detallada da situación en cada comunidade. Ao longo desta semana, todas as autonomías foron achegando os datos, pero no caso de Galicia, segue sen saberse a través das canles habituais de información cantos tests de anticorpos se fixeron e cantos casos se detectaron a través deles, e cantos a través de PCR. GCiencia consultou ao Ministerio de Sanidad, que remitiu á comunidade autónoma, e desde Sanidade aínda non se deu resposta á cuestión ata o momento.
Ao incluír a información sobre os tests de anticorpos, Sanidad explica que nesa categoría se incluirían tamén as “infeccións xa resoltas no momento da notificación”. É dicir, persoas xa curadas no momento no que reciben o resultado da proba, pero que desenvolveron anticorpos. Nos datos do venres, mesmo hai autonomías, como Andalucía, Ceuta, Comunidade Valenciana, Extremadura, Melilla, Navarra ou La Rioja, que discriminan os totais de anticorpos positivos e, dentro delas, as persoas que non tiñan síntomas no momento do diagnóstico.

Total de probas

Ata o de agora, a Xunta de Galicia está a informar diariamente do total de probas PCR realizadas desde o comezo da crise. Este venres, a nota de prensa do Sergas informaba de 78.822 probas PCR realizadas. Na súa comparecencia do mediodía, o presidente da Xunta informou verbalmente de que se levaban realizados “máis de 86.000 tests”, e posteriormente engadiu, a preguntas dos xornalistas, que 7.333 deles eran probas de anticorpos de dobre banda adquiridos pola propia Xunta de Galicia, o que dá unha suma de 86.155.
matiz que establece o Goberno español, e que non inclúe por tanto a situación de Galicia, amosa os casos novos diarios por PCR e as probas por anticorpos positivas, tal e como se poden ver na gráfica inferior. Nos últimos días, ao pedir este último número ás comunidades, foron incluíndose os datos que se ven na barra azul á dereita da imaxe.
No informe (ver PDF) do Goberno español (que ademais é a única forma de coñecer os novos casos confirmados cada día e as persoas que ingresan no hospital por culpa da doenza, dato que tampouco achega o Sergas), este venres aparecía unha nota ao pé que explicaba a situación: “Galicia non diferencia entre casos confirmados por PCR ou test de anticorpos, polo que para os cálculos de novos casos incrementos e incidencia acumulada considerouse o total de confirmados”.

E isto, que significa?

Fernando Simón contaba este venres que nos últimos días “a mestura das diversas técnicas diagnósticas dificultou a interpretación dos datos“. Ao explicar o gráfico que aparece máis arriba neste texto, Simón dixo: “Fixemos un traballo moi intenso, que tamén lle temos que agradecer ás comunidades autónomas, para ‘limpar’ da mellor maneira posible esta serie de datos” e colocalos na cronoloxía. Cos datos das probas de anticorpos é posible, engadiu, “detectar infeccións previas pero non activas” e “comprender mellor a epidemia“. Un dato que é incompleto en España ao non dispor dos números de Galicia. O problema do reconto a nivel estatal xa vén de semanas anteriores na crise, con dificultades á hora de recibir datos de comunidades como Cataluña, ou á imposibilidade de saber cantas probas PCR estaban realizando algunhas rexións que seguen sen facilitalas.
Neste sentido, é posible que o estudo epidemiolóxico que iniciou nalgúns centros médicos esta semana a Xunta de Galicia, e que prevé testar a 100.000 galegos, faga aflorar máis positivos. Segundo recolleu a Televisión de Galicia, xa se detectou algún positivo por esta vía, como o dunha muller de Baiona que tivera síntomas e estivera case un mes agardando á que se lle fixera a proba do coronavirus, e que deu positivo ao ser chamada para o estudo. Neste caso, tal e como avanzou Feijoo a semana pasada, de dar positivo, realizarase unha proba PCR para confirmalo e seguirase o criterio clínico.

Malestar por falta de transparencia e no estudo epidemiolóxico

A baixa incidencia da crise en Galicia, debido ás medidas de anticipación tomadas pola Xunta e á presumible chegada tardía do virus, segundo expoñen os expertos, sitúa á comunidade cun mellor panorama a curto prazo ca outras zonas moi golpeadas, onde a mortalidade se disparou. Porén, abundaron nas últimas semanas as críticas desde diversos eidos pola falta de transparencia do Servizo Galego de Saúde á hora de comunicar os datos. Primeiro foron numerosos alcaldes que denunciaron a falta de datos a nivel municipal das infeccións, o que xeraba ás veces inquedanza nos concellos. Neste sentido, comunidades como AsturiasCastilla y LeónEuskadi ou Cataluña si ofrecen estes datos diariamente.
Houbo tamén malestar, como aconteceu en boa parte das comunidades autónomas, pola confusión xerada arredor dos falecementos de persoas residentes en centros de maiores. O presidente da Xunta volveu informar na comparecencia emitida este venres a través da TVG que morreran 382 persoas nos hospitais e 116 persoas en residencias de maiores, mentres que incluíu a morte doutros 113 usuarios destes centros no dato que achegou sobre os hospitais. É dicir, onte á noite eran 229 os usuarios falecidos pola Covid-19. Ademais, á hora de informar da taxa de letalidade da doenza (4,2%), calculouna sobre os 382 falecidos en centros de maiores, non sobre as 498 vítimas confirmadas pola propia Xunta en Galicia.
Por outra banda, varios medios recolleron a “improvisación” por parte do Sergas e o “enfado” de profesionais sanitarios á hora de poñer en marcha o estudo epidemiolóxico co que Sanidade quere comprobar o impacto do virus na poboación galega. O sindicato de enfermería Satse Galicia publicou o xoves, o mesmo día no que se iniciaba a recollida de mostras, unha nota na que dicía que “a precipitación por parte do Sergas está provocando un gran malestar entre as profesionais de enfermaría, que desconocen, a día de hoxe, como se vai desenvolver, e en que forma, dito estudo”. O colectivo de Enfermaría e os profesionais de atención primaria son os encargados, segundo a Xunta, de desenvolver boa parte do estudo. Así, outras entidades como a Sociedade Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, segundo recolle Praza, tamén criticaron a falta de previsión para desenvolver este estudo en Galicia, que se sumará ao previsto anteriormente polo Goberno estatal.
Para desenvolver este estudo, o Sergas está a usar os tests rápidos de anticorpos enviados polo Ministerio de Sanidad, da marca Wondfo, e que foron obxecto dunha lea hai dúas semanas entre a Administración central e a autonómica.

Aclaración: Nunha nota publicada no serán do venres, o Ministerio de Sanidad  aclaraba que o informe de datos da Covid-19, “de acordo ao criterio técnico das comunidades autónomas”, contabiliza os positivos confirmados pola doenza a través das probas PCR (202.990), mentres que a cifra global, de 219.764, recolle o número de persoas que deron positivo por PCR e en tests de anticorpos.
Deste xeito, detalla Sanidad, este último dato inclúe persoas que desenvolveron anticorpos, pero non determinan se desenvolveron a enfermidade, xa que puideron pasala de forma asintomática. Por tanto, aclara o Ministerio, “non reflicten novos contaxios“. Así, de acordo coas autonomías, decidiu calcular a evolución en base aos casos de PCR, polo que a partir de agora se informará nunha táboa dos positivos nesta proba e, por outra, dos positivos nos tests de anticorpos.
Con isto, conclúe a nota, “contribúese a depurar a mestura de diferentes técnicas diagnósticas das que informaron as comunidades autónomas e que puideron complicar a interpretación dos datos nos últimos días”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario