mércores, 8 de abril de 2020

Perder un contrato ao dar positivo en COVID-19, os efectos da precariedade no Sergas

Unha profesional sanitaria relata a Nós Diario como quedou sen un contrato após contaxiarse do coronavirus no seu posto de traballo. Mentres o Sergas responde á denuncia da CIG sobre os contratos temporais cunha nova instrucción.

Test do coronavirus na Galiza. Test do coronavirus na Galiza.

ANA G. LISTE

"Case me botan a culpa por dar positivo". Así recibiu o Servizo Galego de Saúde (Sergas) a notificación dunha profesional sanitaria do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) que informaba de que dera positivo en COVID-19 e, polo tanto, non se podía incorporar ao seu novo contrato temporal. 
Esta traballadora, que prefire non dar o seu nome, contaxiouse do coronavirus no exercicio do seu labor profesional no hospital da Coruña. Nese momento estaba a piques de rematar un contrato que o Sergas define como de "acumulación de tarefas" de dous meses, que era unha prórroga de outro anterior de tres. 
Poucos días antes de que vencera o seu contrato sentiuse mal, así o relata a Nós Diario: "pero non moi mal, eu pensaba que non tiña o virus". E avisou ao servizo de Medicina Preventiva. Após dous días sen ir traballar deu positivo no test de coronavirus, pero mentres recibiu a chamada do Sergas para ofrecerlle outros contratos temporais e aceptou un deles. Nese momento non sabía que estaba contaxiada e tiña que respostar a esa chamada. 
Co resultado positivo, acudiu a un superior e volveu comunicarse con recursos humanos do Sergas. "Case me botan a culpa por dar positivo, dixéronme que non tiña que ter aceptado o contrato", di esta profesional en conversa con Nós Diario. 
"Agora estou enferma na casa e preocupada a ver que contrato me dan cando volva, a ver en que servizo acabo... Co disgusto de ter perdido un contrato de dous meses no sitio que eu elixira pola miña puntuación e posición na lista [de contratacións]. E mentres este tempo non me puntúa no Sergas e non cobro o 100% do salario", explica.
CIG-Saúde xa denunciou na pasada terza feira que o Sergas non estaba a renovar os contratos das profesionais que tiñan contratos temporais de pouca duración que daban positivo en COVID-19. E que, desta maneira, ficaban sen contrato até que estivesen de alta; polo que durante a baixa non lles conta o tempo traballado. 
Semella que o Sergas reaccionou, pois nesta cuarta feira emitiu unha nova instrucción que sinala que as profesionais con contratos temporais "que durante a vixencia da súa vinculación sexan declarados na situación de incapacidade temporal polo motivo de illamento ou contaxio provocado polo virus COVID-19 [...] manterán a vixencia do seu nomeamento e prorrogaráselle este, como mínimo, ata que se expida a correspondente alta médica por este motivo". 
As traballadoras aínda descoñecen como vai aplicar o Sergas esta nova instrucción. "Non podemos dicir que o asunto estea solucionado", sinala esta profesional, que leva máis dunha década traballando para o Sergas, a Nós Diario
"Eticamente e moralmente isto paréceme o peor", lamenta. "Somos moitos nesta situación... como a precariedade é tal a situación vaise alongando nos anos e xa nin pensas en ter unha praza fixa", salienta esta profesional sanitaria da Coruña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario