domingo, 12 de abril de 2020

A Xunta intervén a Residencia N. Sra. de Fátima do Barco ante “o elevado número de positivos por coronavirus” entre usuarios y traballadores

Vén de convertila en residencia integrada "na que residirán persoas maiores que estean xa contaxiadas"

Exterior da Residencia Nuestra Señora de Fátima do Barco.

A Xunta de Galicia acaba de informar a través dunha nota de prensa de que vén de tomar a decisión de “intervir a residencia Nuestra Señora de Fátima do Barco de Valdeorras, tralo elevado número de positivos por coronavirus entre as persoas usuarias e traballadoras do centro. Este centro converterase en residencia integrada, na que residirán persoas maiores que estean xa contaxiadas”.

Trátase da terceira residencia privada que intervén o goberno galego, despois da de Domusvi Barreiro en Vigo e a de Domusvi Cangas, “en calidade de autoridade competente, unha decisión que se ampara no apartado terceiro da orde do Ministerio de Sanidade SND/275/2020, do 23 de marzo”.

Así, en virtude do disposto nesa orde ministerial, a Xunta de Galicia designará a un “empregado público para dirixir e coordinar a actividade asistencial desta residencia privada e garantir así a correcta aplicación dos protocolos e a supervisión médica de todas as persoas maiores que residen alí. A persoa designada polo Goberno autonómico disporá de todos os recursos materiais e humanos neste centro”.

Nesta residencia barquense rexístranse 60 casos de coronavirus entre os seus usuarios e 18 positivos entre os seus traballadores, segundo a última actualización de datos feita pública pola Consellería de Sanidade neste sábado.

As residencias integradas son aquelas que se centran na atención das persoas maiores usuarias deste servizo que dean positivo por coronavirus e precisen máis asistencia sanitaria que a que reciben no seu centro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario