Miguel Pardo
Eventuais en Loita, colectivo que agrupa unhas 7.000 enfermeiras en demanda de mellores condicións laborais, estoupou a pasada semana. Fartas da súa precariedade, agravada coa pandemia, denunciaron os "abusos da Xunta", á que acusaron de seguir contratando "por días ou semanas" e teimar no "maltrato laboral" deste colectivo.
Só uns días antes, o Sergas tivo que rectificar logo de facerse público que a Administración rompía o seu vínculo laboral co persoal que caía enfermo de coronavirus, ao que lle deixaba de computar ese período a efectos de baremación para as oposicións, ademais de perder o 25% do seu salario.
O Sergas rescindiu os contratos xa prorrogados de varias enfermeiras dunha planta Covid ao considerar que xa non eran necesarias tras un mes de traballo
Agora, outro novo episodio constata a precaria contratación no sistema sanitario público galego e unha nova marcha atrás da Xunta. Desta vez, as denuncias dirixíronse á xerencia da área sanitaria de Santiago, que rescindiu unilateralmente a varias enfermeiras eventuais a prórroga dun contrato xa asinada ao considerar que xa non eran necesarias na planta de afectados polo coronavirus onde traballaban ata este mércores. Mesmo algunhas contratacións foron borradas do sistema.
Horas despois de seren avisadas da súa marcha, e logo de que varias profesionais denunciasen publicamente o caso, o Sergas chamounas de volta para advertirlles de que o seu contrato seguía vixente, aínda que non para o mesmo labor nin na mesma área.
Foron, como mínimo, nove as afectadas, traballadoras nun dos andares reservados aos enfermos pola Covid-19 no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Alí levaban desde o pasado 17 de marzo, cando acudiron a reforzar unha área que daquela contaba con 15 pacientes.
A xerencia compostelá recuou tras as denuncias públicas das afectadas: horas despois de rescindirlles o contrato avisounas de que seguía vixente
Son persoal eventual, como tantas na sanidade pública, e asinan contratos de dúas semanas que se lles van renovando. Rematado un destes o 31 de marzo, foron advertidas de que lles sería prorrogado polo menos dúas veces máis, ata o 30 de abril, para seguir reforzando a planta de Covid.
Colgados xa os documentos no expediente electrónico do Sergas, as enfermeiras firmaron os seus contratos, tanto o que estendía o seu labor ata o día 15 como o seguinte, ata o último día de abril. Contratos como o que se pode ver na imaxe que acompaña este texto, que é un dos asinados por unha das afectadas.
Malia que o pasado martes foron advertidas de que esa prórroga ata final de mes seguía en pé, unha reunión da xerencia cambiou os plans. Segundo denuncian, a Dirección de Recursos Humanos avisounas unha a unha o mércores da rescisión da última prórroga, polo que debían abandonar o seu posto, que sería ocupado por persoal fixo doutras plantas con pouca actividade asistencial nestes días e ante o descenso no número de doentes con coronavirus.
"Cando parece que todo vai mellor e xa temos unha rutina de traballo, sobramos. Non son formas", queixouse unha das afectadas
"Primeiro mandáronnos á loita sen previo aviso, non recibimos formación ningunha e traballamos todo o que puidemos. Agora que parece que todo vai mellor e que xa temos unha rutina de traballo e unha organización, sobramos. Entendo que o Sergas tire do seu persoal fixo, pero non son formas", contaba a Praza.gal unha das afectadas, que denuncia tamén a "falta de previsión" e a "improvisación" dun sistema que contrata por quincenas e prescinde das traballadoras en canto baixa á presión asistencial, pero advertindo que pode volver contratalas "de aquí a uns días".
Un día despois, este xoves a primeira hora da tarde e tras facerse público o caso, a mesma traballadora advertía da marcha atrás do Sergas, que chamou unha a unha as afectadas para anunciarlles que os seus contratos seguían vixentes, aínda que "nin na mesma área nin coas mesmas quendas". Xa que logo, á espera de destino definitivo, as enfermeiras que levan un mes atendendo pacientes con coronavirus pasarán agora a exercer outras funcións noutros espazos do sistema sanitario.
"Un abuso e un desprezo"
Antes, Prosagap, Sindicato de Profesionais da Saúde de Galicia, considerara a decisión da xerencia de Santiago "unha ilegalidade , un abuso e un desprezo total polas profesionais que estiveron en primeira línea expoñéndose día a día". Outra mostra, segundo o colectivo, que "deixa as claras a falta de planificación coa que traballan a xerente e o seu equipo", ademais da "perversa e nefasta xestión se está facendo desta crise cos traballadores e ás traballadoras da sanidade".
O sindicato tamén se preguntaba se o Sergas tiña "a certeza de que estas enfermeiras non van ser necesarias dentro de dous días outra vez". "Levan un mes traballando nunha planta específica, adquirindo hábitos e rutinas... Para que agora sexan outras persoas as que teñen que empezar de cero", quéixanse tras advertir da "improvisación e falta de planificación" do Sergas e da futura presentación de reclamacións ante a Xunta.
Desde Eventuais en Loita critican con dureza tamén o Sergas, a quen acusan de "recompensar" as enfermeiras "en forma de desprezo" durante o seu traballo contra a pandemia. "Vólvenos lembrar que somos empregadas de usar e tirar", din.
Prosagap e Eventuais en Loita critican a "improvisación" e o "desprezo" polo seu traballo: "Somos empregadas de usar e tirar"
Para a enfermería eventual, este novo episodio de precariedade é "unha ofensa á profesión, un xogo inhumano" que, segundo din, supón a "moeda" coa que se lles paga por "traballar sen medios, sen protocolos e expoñendo a vida".
Ademais, o colectivo pregúntase "por que se están a derivar pacientes á sanidade privada se na sanidade pública hai xa contratado persoal suficiente para coidalos?", como parece deducirse das decisións da xerencia compostelá. "Por que non se reorganiza o persoal eventual contratado para atender as novas necesidades da poboación xurdidas nos últimos días?", cuestiónanse.
A xerencia da área sanitaria de Santiago asegura que todo se debeu a "un erro de coordinación entre departamentos" e que se informou "erroneamente" da fin da contratación das nove enfermeiras mentres "a dirección si estaba asinando os contratos". "Lamentamos profundamente o malentendido e o malestar xerado nestas profesionais", explica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario