martes, 26 de febreiro de 2019

A guerra do Hércules e o Comercio pola ruta Coruña-Ferrol.

O vapor de rodas Hércules entrara en servizo en 1882 e desde entón había monopolizado a ruta marítima Coruña-Ferrol. Construído en 1879 nos estaleiros ingleses de Hull, constituía practicamente a única vía de transporte regular que unía por mar ámbalas prazas. Sen linea férrea que as unise a comunicación por vía terrestre era pura aventura. O vello vapor transportaba pasaxeiros, mercadorías, xentes humildes e personalidades ilustres; mulleres con canastos rebosantes, obreiros do arsenal, prósperos comerciantes, políticos e artistas de xira. Tamén os sacos de correspondencia, servizo adxudicado aos armadores do buque por 2.000 pesetas ao ano.
Pertencía á firma "Requejo López Pérez y Cía.", unha sociedade fundada en 1855 por tres valisoletanos establecidos na Coruña, influentes homes de negocios, comerciantes, banqueiros e consignatarios, que supuxo a rampla de lanzamento do seu paisano Dionisio Tejero, un dos máis destacados empresarios coruñeses a comezos do século XX. Entre os moitos intereses da compañía, o Hércules só era un negocio marxinal, pero sumamente rendible. Durante dúas décadas, salvo esporádicas interrupcións do servizo por temporais ou mantemento do buque, realizou diariamente a travesía Coruña-Ferrol.
Con todo en 1902 atopábase no ocaso da súa vida e despois de ser remocicado por completo en 1901, os seus máis de vinte anos de servizo empezábanlle a pasar factura.
Un nutrido grupo de coruñeses e ferroláns aprovéitanse entón da debilidade do buque bandeira da competencia e constitúen a compañía de navegación "La Herculina Ferrolana", cuxo primeiro investimento é a compra en Londres do vello vapor de rodas Chancellor que deste xeito se converte en 1901 no flamante "novo" vapor Comercio que se lanza á conquista da cobizada ruta.
Podía alcanzar os 15 nós de velocidade de tal xeito que a travesía só duraba 45 minutos; claro que o servizo que ofrecía aos pasaxeiros de terceira, cuxo billete custaba 50 céntimos, non era igual ao dispensado aos ocupantes dos confortables camarotes, que abonaban dúas pesetas.
A loita entre ámbalas dúas compañías por facerse coa maior parte do tráfico entre as dúas cidades adquiriu por momentos unha aparencia máis propia das abordaxes das películas de piratas.
Segundo relata o diario "El Siglo Futuro" en 1902: ".... ya se han dejado ver de un modo lamentable los efectos de la competencia que existe entre los vapores Hércules y Comercio. Hace tiempo ambas empresas vienen sosteniendo una sorda lucha encaminada á que uno de los dos buques desaparezcan de la carrera. Esto, intentado al principio por medios lícitos, ahora por lo visto se quiere conseguir á toda costa y sin reparar en los procedimientos empleados. A las tres de la tarde salieron ambos barcos con numeroso pasaje, juntos zarparon, y al llegar al Castillo de San Antón, el Hércules hizo un movimiento en tal forma que embistió la obra muerta del vapor Comercio, destrozándole completamente la cámara. En los pasajeros y tripulación no hubo otro daño que el sobresalto consiguiente. El Hércules siguió su viaje y el Comercio retrocedió á la bahía, formulando su capitán la correspondiente protesta ante el comandante de Marina, después de lo cual ha seguido al Ferrol para reparar las averías."
O Hércules aínda navegará outros seis ou sete anos pero a súa resistencia acabará sendo dobregada polo Comercio e posteriormente polo Marqués de Amboage, adquirido en 1903, que acapararán a maior tallada do tráfico entre A Coruña e Ferrol na primeira década do século XX competindo exitosamente con outros dous adversarios: o Ares e El Ferrolano.
Finalmente a inauguración do ferrocarril Betanzos-Ferrol en 1913 constituíu o golpe de graza para as dúas navieras e o Diario de Galicia publicou en 1916 os epitafios de ámbolos dous vapores vendidos a unha casa de Bilbao. E apostilaba o diario: "El vecindario lamenta la venta de estos buques, pues en lo sucesivo la travesía entre Ferrol y La Coruña tendrá necesariamente que hacerse por ferrocarril".


A orquestra do vapor Comercio ameniza a singradura nas festas de verán de 1905.
José Villar Martelo. Arquivo do Reino de Galicia.
Fotografía estereoscópica.

Mariñeiros e público na cuberta do vapor Comercio nas festas do verán de 1905.
José Villar Martelo. Arquivo do Reino de Galicia.
Fotografía estereoscópica.

Festas do verán de 1905. Público baixo o toldo do vapor Comercio na badía coruñesa. 
José Villar Martelo. Arquivo do Reino de Galicia.
Fotografía estereoscópica.

O vapor Comercio apunto de partir do porto coruñés nas festas de verán de 1905.
José Villar Martelo. Arquivo do Reino de Galicia.
Fotografía estereoscópica.

Unha familia diríxese aos seus asentos na cuberta do vapor Comercio.
José Villar Martelo. Arquivo do Reino de Galicia.
Fotografía estereoscópica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario