Manuel Martín, portavoz de SOS Sanidade Pública, na manifestación en Santiago CC-BY-NC-SA CIG
O centro de Santiago rebordou o pasado domingo nunha nova manifestación a prol da sanidade pública e contra os “recortes” e a “deterioración” que o sistema sanitario leva sufrindo anos en Galicia. Convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, a marcha repetiu o éxito da de hai un ano e das convocadas en Vigo e Santiago nas últimas semanas. Con todo, a Xunta volveu criticar a mobilización por “non axustarse á realidade” e aludir a cuestións que, disque, non son certas.
SOS Sanidade Pública cre que a manifestación "amosa claramente o malestar dos traballadores e da cidadanía" ante a "actitude negacionista" da Xunta
Desde o colectivo convocante cren que a reacción do Sergas volve mostrar a “actitude negacionista” da Administración e a “imposibilidade” de negociar cun Goberno que “nin tan sequera recoñece os problemas da sanidade”. Así o di Manuel Martín, portavoz de SOS Sanidade Pública, que cre que a manifestación "mostrou claramente o malestar dos traballadores e da cidadanía”. “Case a totalidade do sistema está en rebelión, desde os médicos de Atención Primaria até os PAC, pasando polas Urxencias ou as ambulancias”, explica quen cre que a Consellería debería reparar no feito de que “todos os recursos están en situación crítica, tanta como para que haxa folgas, protestas ou peches en todos os ámbitos”.
“O sistema sanitario galego é moi bo”, dixo tras a mobilización Antonio Fernández-Campa, xerente do Sergas. “Era magnífico e moi ben valorado, pero está sufrindo unha deterioración enorme polas políticas de recorte de Feijóo e da Xunta”, insiste Martín, que destaca que logo de “dúas grandes manifestacións en Vigo” polas eivas na Primaria e “doutra importante en Santiago” polos problemas nas Urxencias do CHUS, a marcha deste domingo “mesmo superou a que houbo hai un ano tamén en Compostela”. “Podería ter sido un fracaso despois de varias mobilizacións, pero non o foi, nin moito menos”, explica quen cre que os profesionais e a cidadanía “esixen recursos, reverter os recortes e melloras no que se teña que mellorar”.
Manuel Martín non é nada optimista respecto da posibilidade de que a Xunta recapacite e actúe. “Di que non pasa nada, que todo é marabilloso... Cunha actitude negacionista como a súa é moi difícil esperar un diálogo”, explica o voceiro de SOS Sanidade Pública, que recoñece o “desánimo” do persoal sanitario e dos colectivos implicados ante o muro no que di que se converteu a Consellería. “Mesmo profesionais próximos á Administración convocados nas mesas de diálogo levántanse das reunións porque non ven ningunha actitude de escoita nin de dialogar para resolver os grandes problemas do sistema”, engade. “Non hai ningún sector que queira ou poida negociar co Goberno ante esta actitude tan negativa; é imposible se non se recoñece a problemática”, insiste.
"Non hai quen negocie coa Xunta ante a súa actitude tan negativa; é imposible se non se recoñece a problemática"
Para Martín, os últimos meses supuxeron o fastío dos profesionais. “O persoal frustrouse nos últimos dez anos polos recortes, pero agora pasou da frustración e o enfado á rebelión porque ven que non é posible quedar parado ante tal deterioración”, di tras sinalar a Feijóo por “marchar a Madrid con malas compañías a reivindicar non sei que” mentres en Galicia “a realidade sanitaria ferve”. “É outra mostra máis da súa actitude negacionista, obstrucionista e de ocultación”, asegura.
"O persoal sanitario frustrouse nos últimos dez anos polos recortes, pero agora pasou da frustración ao enfado e á rebelión porque non poden quedar parados ante tal deterioración"
Para SOS Sanidade Pública, no entanto, non é unha sorpresa. “Non pode selo. A política sanitaria de Feijóo é a de abrir espazo ao sector privado, incrementando a concertación e facilitando o desembarco de multinacionais que non virían investir se non tivesen garantido o negocio por parte da Xunta”, di, tras advertir de exemplos que cualifica de “terribles”: “Unha multinacional dos EUA que fabrica aparatos para o corazón opera nesa área do corazón no CHUS e controla e testa os seus produtos alí... E isto vaise estender e o conflito está servido a medio e longo prazo”.
Ante esta situación, e vista as protestas continuas de diferentes sectores da sanidade, Martín cre que os profesionais “deben seguir discutindo o que pasa e propoñendo medidas correctoras a medio e longo prazo que sexan factibles e teñan apoio”. “Isto sería algo bo para a Xunta, pero impórtalle pouco porque están a transformar o sistema público nunha oportunidade de negocio”, remata.
Ningún comentario:
Publicar un comentario